mércores, 25 de setembro de 2019

Bala perdida de Manuel Rivas




Nas aulas de 1º C todos os mércores a última hora da mañá dedicarémoslla á lectura. Esta semana comezamos coa lectura de Bala perdida de Manuel Rivas. A ver que sorpresas nos dá este pirata!!

Compromisos de 2º B co galego

1. Falar galego máis a miúdo.

2. Pedir que se traduzan series e filmes ao galego.

3. Crear unha páxina web ou blog sobre as festas e a cultura galega.

4. Ensinarlles o galego aos estranxeiros.

5. Facer deporte en galego.

6. Falar o galego en diferentes sitios.

7. Falarlle galegos aos nenos e aos fillos.

8. Falar galego cos avós.

9. Convencer a xente de que non hai que avergoñarse de falar galego.

10. Pedir que haxa máis xornais en galego.
 
11. Facerse influencer e falar galego.

12. Facerse youtuber en galego.

13. Pedir que participe unha canción en galego en Eurovisión.

Ethnologue, as linguas de Europa




Para obter información sobre as linguas de Europa, o alumnado de 2º da ESO acudiu á páxina de Ethnologue e despois expuxeron os datos aos demais compañeiros na aula.

E os protagonistas d'Os defuntos falaban castelao tiveron esta nova vida


A parella escapou ás aforas de Galicia, alá por Ponferrada. A tía e o avó iniciaron unha expedición para atopar a súa sobriña/neta. Por desgraza, non a atoparon, e a tía rematou caendo por un precipicio ao ir andando sen mirar.

O avó gañou a lotería e doou todo a ONG, e pouco despois morreu de vello. A parella tivo sete fillos e viviron moi felices, sen excesivas preocupacións. O marido fíxose empresario e a muller atleta profesional.

Os do bar preto do camposanto tiveron unha boa vida, e o gato e mais o can fixéronse amigos. Nunca máis volveron ao camposanto por medo aos falecidos, ao "castelao" e ás maldicións que puideran contraer.

A parella protagonista, xa casada, viviu moitos anos cos seus fillos, que de maiores foron dous cantantes(Antía e Branca), dous científicos(Breixo e Xoán), dúas mestras(Carme e Lúa) e o outro pintor(Brais). Estes tiveron fillos, e a parella converteuse nunha parella anciá, co paso dos anos, e foron avós.

Daniel Varela Cacharrón e Óscar Juanantey Orol (2º B)

Literatura galega oral





Para completar o estudado nas aulas de 2º da ESO sobre a literatura oral galega, revisamos esta páxina da AELG para vermos mostras reais de cada un dos xéneros traballados.

As viaxes de Exeria




Para completar a lectura do fragmento da obra Exeria nos límites do mundo de Arturo Iglesias vimos este vídeo elaborado polo alumnado do Club de Lectura do Monte das Moas o pasado curso e aprendemos algo máis sobre as viaxes de Exeria.

martes, 24 de setembro de 2019

O galego, lingua minoritaria?



Para reflexionar sobre o concepto de lingua minoritaria vimos este vídeo que nos axudou a reparar sobre a situación do galego no contexto lingüístico mundial e ver a súa fortaleza como lingua presente na internet.

Tamén vimos estoutro vídeo de Manuel Núñez Singala sobre a posibilidade de escollermos ser, cando menos biblingües, neste contexto no que nos tocou nacer ou vivir.



E por último despois de ver estoutro, cada persoa elaborou unha listaxe de cousas que poden facer para mellorar a situación do galego.

 

Ditongos e hiatos

Nas aulas de 2º ESO estivemos repasando a teoría dos ditongos e hiatos que podedes consultar nesta ligazón.


Club de Lectura

 


Neste curso comezamos unha nova edición do Club de Lectura, Lecturas Rebuldeiras do IES Monte das Moas, onde hai lecturas en galego en todos os niveis desde 1º da ESO a 1º de Bacharelato.

Este ano ademais por primeira vez se organizará un Club de Leitura em Português para os niveis de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato.

Podedes estar atentos ás noticias do noso club de lectura no noso blog.

Castelao e os irmáns da liberdade


Nas aulas de 4º da ESO comezamos a ver este documental sobre a figura de Castelao e a época do exilio para coñecemos un pouco máis aspectos da vida do escritor, político e debuxante do que leremos a obra Os dous de sempre.


A Música de A Banda Sen Futuro


Nas aulas de 1º da ESO lemos un fragmento d'A banda sen futuro de Marilar Aleixandre para traballarmos cuestións de léxico e de contido.

Aproveitando esta lectura vimos este vídeo no que se recolle a música que lle gustaba a Carlota entre eles os grupos Aerosmith, U2, Derribos Arias, Os Resentidos ou Siniestro Total.

luns, 23 de setembro de 2019

Polifemo e Ulises

Nas aulas de 2º da ESO lemos un fragmento da Odisea de Homero, en concreto o episodio en que Ulises vence o ciclope. Traballamos cuestións de léxico e arredor do contido. E para completar o traballo sobre este heroe vimos un fragmento do filme.




venres, 20 de setembro de 2019

Os defuntos falaban castelao

Nas aulas de 2º da ESO viron a curtametraxe Os defuntos falaban castelao baseada nun conto de Ánxel Fole e a partir dela por parellas continuaron as historias dándolles un remate diferente. 

Acción galega de Ramón Cabanillas

Para introducir o tema do Agrarismo e da poesía cívica de comezos do século XX, escoitamos este poema de Ramón Cabanillas versionada por Nao que posteriormente analizaremos para resaltar os contidos e os trazos máis representativos da poesía agrarista.


Os vellos non deben de namorarse de Castelao






Nas aulas de 4º da ESO comezamos coa lectura dramatizada da obra teatral escrita por Castelao e estreada en Bos Aires no ano 1941, Os vellos non deben de namorarse e que podedes ler neste enlace.

Reflexionando sobre a Igualdade

Nas sesións de titoría de 2º B aproveitamos para ver diferentes curtametraxes ou cancións que tratan sobre o tema da igualdade entre homes e mulleres, entre rapazas e rapaces. Con esta curtametraxe reflexionamos sobre que é iso de facer as cousas "coma unha nena" para que debatesen sobre os prexuízos que xeralmente se asocian aos diferentes xéneros.


 

Escoitamos esta canción de Bomba Estéreo, Soy yo, para reflexionar sobre conceptos como a autoestima e a seguridade en si mesm@.

 

 Tamén vimos este videoclip dunha canción húngara que reflicte sobre a presión da imaxe á que é sometida a muller hoxe en día.

 

Vimos este videoconto titulado La Cenicienta que no quería comer perdices que trata sobre a tristeza dunha muller que vive cunhas tarefas que non lle gustan e unida a un home que non a fai feliz. Conta como decide mudar de vida e pensar nela mesma.

 

E para rematar escoitamos o audioconto narrado polo alumnado do CEIP Quintela de Leirado sobre o conto Artur e Clementina, unha tartaruga que quere fuxir ao seu triste destino cunha parella que non a entende e a enche de cousas innecesarias para tentar ser feliz.

 

xoves, 19 de setembro de 2019

A formiguiña, canción para 1º da ESO


Para rematar as aulas desta primeira semana de curso a rapaada de 1º da ESO cantou esta canción que podedes ver nas súas versións galega e brasileira.




A maior flor do mundo de José Saramago



Para comezar a redactar en 1º e 2º da ESO vimos esta curtametraxe adaptación do conto do nobel portugués José Saramago A maior flor do mundo. O alumnado tiña que explicar o seu argumento e tema e mais expresar a súa propia opinión sobre os contidos tratados e elaboraron unha redacción con todo isto.

Ghalegho e outras variedades dialectais

Para tratar os prexuízos cara as diferentes variedades dialectais e ir adiantando contidos de Dialectoloxía nas aulas de 4º da ESO vimos estes tres vídeos protagonizados por rapazada que se exprese nas súas variantes dialectais particulares. Así puidemos ver mostras orais de galego actual de zonas coma Rianxo, Ribadeo e Malpica.





Como resposta a este vídeo o alumnado de Ribadeo falou así

   

 E aínda vimos estes consellos elaborados polo alumnado do IES Urbano Lugrís de Malpica para ensinarnos a falar malpicán.


O galego na Coruña



Para reflexionar sobre as actitudes e usos da lingua galega na nosa cidade vimos nas aulas de 4º da ESO este vídeo elaborado por alumnado do Colexio Fogar de Santa Margarida.

Tras o visionado puidemos reflexionar sobre diferentes actitudes e prexuízos cara a lingua galega expresados polas persoas entrevistadas. Tamén definimos conceptos como normalización lingüística e normativización, conflito lingüístico e diglosia, lingua minorizada e lingua minoritaria, que serviron para introducir contidos de Sociolingüística estudados este curso.



Recensión sobre o filme Matria de Ana M. Polanco Ramos (1º Bach B)

E ste trimestre elixín ver a película Matria . Esta obra conta a vida de Ramona, unha muller á que lle suceden diferentes problemas ao longo...