martes, 31 de marzo de 2020
luns, 30 de marzo de 2020
A Terra pide a berros a súa recuperación, Naiara Medina Jiménez (4º ESO A)
Un tema que está a causar furor na
actualidade é a aparición dun novo virus, o COVID-19 tamén
coñecido como o “Coronavirus” o causante dunha pandemia mundial.
Agora mesmo
É
unha gran desgraza este acontecemento, pero a verdade é qué tamén é
unha gran axuda para a poboación do noso planeta, isto pode ser unha
gran ensinanza de que se non nos coidamos a nós mesmos nin tampoco o noso contorno, poderíase apagar todo dun segundo a outro.
Nestas
semanas estamos nas nosas casas, respectando a corentena (a gran
maioría), para poder avanzar neste bache.
Debido á ausencia de actividade polas rúas, ríos, montes, etc. podemos observar que
todo está máis limpo, en estradas con vexetación cerca apareceron
animais sen medo, canles de Venecia limpas e con peixes. Sen a nosa
aparición polos lugares, os demais seres vivos están mellor, máis
tranquilos, libres, vivos, sen medo da especie humana, a cal pouco
respecta os seus compañeiros de vida, os cales sempre nos axudan; os
animais danlle alimento, os vexetais tamén, a parte do osíxeno que nos proporcionan.
Eu
teño a esperanza e espero que logo disto todo cambien as nosas
accións e xestos cara a natureza e os demais seres vivos, porque non somos a única especie no planeta, e actuamos como se así fora.
A
Terra está pedindo a berros a súa recuperación, e está intentando
mostrárnolo con esta enfermidade.
A illa da morte, Ainhoa Otero López (1º ESO C)
Nun
lugar non moi afastado do Ecuador, dise que hai unha illa diferente ás demais illas. Nela os animais son nobres entre eles, hai
moitas clases de froitas e criaturas fantásticas, como as sereas.
Dise
que nesta illa só se deixa ver ante as súas próximas vítimas,
porque todos os aventureiros que andan na súa procura non a
lograban atopar por non ter o desexo da cobiza, coma un famoso
estafador que traballaba no mercado negro chamado Pepe Raimúndez,
que un 20de xullo aventurouse cara ela atopándose nunha tormenta
provocando que a súa tripulación morrera e Pepe naufragase na illa. Este foi axudado polas sereas que o trataron moi ben ofrecéndolle
provisións e un novo barco para voltar á súa casa.
Este
ao ver o posible mercado que habería podendo levar todas as fermosas
criaturas da illa non se percatou de que o estaban observando. Ao
día seguinte as sereas foron avisadas por un coello fantástico que
se atopaba vixiando a Pepe,facéndoas cambiar de idea, e dende
entón nunca máis se soubo do cobizoso Pepe Raimúndez.
Por pouco outra guerra máis, Aarón Varela Diéguez (4º ESO A)
Hai xa dous meses disto, pero foi algo importante e que afectou alguns
países, principalmente Irán xa que perdeu unha persoa de alto rango
militar e moi importante, o xeneral iraní Qasem Soleimani, que foi
asasinado por Estados Unidos. Donald Trump confirmou que el ordenou o
ataque.
Sempre están pelexando estes dous países, un por intentar manter a paz
na zona e o outro por grupos rebeldes que queren arreglar as cousas á súa maneira. Este xeneral foi asasinado porque tiña as mans
manchadas co sangue de estadounidenses; entón Trump eliminouno “para lograr a paz” como dixo el, pero, a paz con quen? Con Irán
creo que non, en Irak, o parlamento votou a favor de pedir ao Goberno
que decrete a expulsión das tropas estranxeiras no seu país.
Entón
creo que esa non era a forma de solucionar as cousas, matar por matar
non serve de nada, só crea máis caos, podes matar a altos cargos, a
persoas importantes pero sempre haberá outros para reemprazalos e iso
sería como un bucle, á parte de que hai xente inocente que está no
medio do conflito.
Pola
decisión que tomou Trump, agora está fóra de xogo, obrigado a retirar as tropas porque agora mesmo as tropas estadounidenses están no
punto de mira dos iranís.
Estados
Unidos intenta axudar pero en vez de adaptarse ou coñecer os seus
rivais para que as cousas saian ben, eles soluciónano da súa
maneira de forma violenta e vingativa e así conseguen inimigos e
guerras.
Aarón
Varela Diéguez 4ºA
A crise pandémica, Javier Martín Santos (4º ESO C)
Mentres escribo isto, xa temos ben claro que o coronavirus vai estar moito tempo con nós, cada un ten xa unha rutina para pasar o
tempo, eu, fixeime como os demais pasan o seu e como levaban a
situación.
Somos conscientes de que imos estar meses na casa, dende o primeiro
momento, e aínda cando isto empezou puxémonos como loucos a
rebuscar provisións como se se fose acabar o mundo ou como se se esgotase todo para sempre, e agora vemos como, aínda que aumenten os
casos, a xente o toma máis tranquilamente e compra menos.
Pese a que a ‘histeria’ baixase, seguimos tendo tanto a persoas
que non cumpren as normas e baixan a pasear porque se cren inmortais e
outros que non seguen as medidas de seguridade e que se poñen a tusir en
todas partes.
Os mozos somos, en definitiva, a poboación que máis coidado debemos
ter co virus, non polos efectos, de feito apenas temos síntomas, senón pola fácil transmisión que ten á xente anciá e como eles
sofren máis que nós. Pero tamén hai anciáns que se comportan de
maneiras moi irresponsables, incumprindo as ordes de seguridade e
poñendo en risco a súa vida e a dos demais.
En conclusión, toda esta loucura serviume para saber unha cousa, se
chegase algún día un virus moi mortal, non viviriamos nin 3 días.
Javier Martín Santos 4ªC
O embarazo adolescente, Daniela Veiga Rosende (4º ESO B)
O embarazo adolescente
asóciase con consecuencias negativas, tanto para os adolescentes que
asumen esta experiencia como para os nenos de pais adolescentes. Pero
non todos os adolescentes pensan o mesmo, xa que algunhas rapazas
están completamente capacitadas para ter un ou varios fillos.
A gran maioría dos
embarazos adolescentes non son intencionados (75%) e o 40% dos
embarazos non desexados sucede en adolescentes son de 15 a 19 anos. O
30% dos embarazos de adolescentes terminan no aborto.
As adolescentes
embarazadas son máis propensas a experimentar con varias substancias
ilícitas como o alcohol e outras drogas. Pero non sempre é así, ás
veces as rapazas son violadas ou tamén pode ser que os métodos
empregados fallaron. Os adolescentes maiores teñen taxas de embarazo
moito máis altas que os adolescentes máis novos.
Estas situacións
involucran as familias dos adolescentes, as escolas, os seus mozos,
etc.
Este é un tema
fundamental que pode interesar e axudar aos adolesentes que inician
unha vida sexual.
Daniela Veiga, 4ºB
O milagre do gato marcado da Casa de Eiría, Lucas Franco Tilve (1º ESO C)
Conta
a lenda que hai moitos anos unha familia nobre da Coruña vivía no
castelo situado no monte de Eirís. Era unha gran familia coruñesa
composta polo pai a nai e cinco fillos. Ademais contaban con outro
membro:a súa gata Freyja, unha gatiña coa cara de duas cores.
Naquel
tempo as enfermidades eran moi comúns e case imposible de tratar. Nestas cando os fillos eran pequenos o pai enfermou. Ningún dos
galenos que o visitaron entendían o que lle pasaba. Dixéronlle á súa muller que ía morrer e que avisara o parroco para darlle o
último sacramento.
A
muller apenada, téndose que facer cargo dos meniños meteulle o
gato na cama ao home para que lle fixera compaña nas súas últimas
horas .
Ao mencer do día seguinte o home levantouse con ganas de
almorzar. Sanara. Ninguén o podia crer. Era un milagre. Todos deron
en pensar que fora a gata Freyja o que o salvara.
Aínda hoxe se cre que os gatos marcados, coa cara de dúas cores poden protexer
as familias das enfermidades e da morte. Son moi aprezados e
queridos pola xente.
O coronavirus, Claudia Vidal Otero (4º ESO B)
O coronavirus (Covid-19 para
os científicos) é, como xa todo o mundo sabe, un virus que apareceu
en China arredor de decembro do 2019, pero non foi detectado coma tal
ata xaneiro de 2020, o que lle deu marxe de expansión por toda
China, e, máis tarde polo mundo enteiro.
A orixe do virus é
descoñecida, máis parece que o seu obxectivo é ternos na casa
(aínda que pareza que isto é o único que non fan os infectados).
Debo dicir, que aínda que só
poidamos baixar á rúa se temos que pasear o can ou buscar a barra de pan, mentres en Italia se chega a 10 páxinas de necrolóxicas (esperemos que nunca se
repita isto), e moita xente estea aproveitando a pandemia para
“pintar a mona” pola rúa (vestidos de can, ou paseando a un
invisíbel) coma todo, o coronavirus ten o seu lado “bo. Debido ao confinamento da xente na casa e ás prohibicións
constantes, China, que é un dos países co índice de contaminación
máis altos, reduciu a polución do aire nun 25%, e as canles de
Venecia non estaban tan limpas dende hai décadas.
Por outra banda, o coronavirus
fóra da enfermidade ten riscos para moita xente, coma aquela que, no
seu confinamento queda atrapada cun maltratador, sen poder saír da
casa, sen poder pedir axuda fóra dos teléfonos de atención e sen
poder falar con alguén de confianza, ou coma as persoas que, por
condicións alleas ao virus, viven nas rúas e cando chegan ao
supermercado para mercar a comida do día (xa que o diñeiro moitas
veces non dá para máis) está todo baleiro debido á xente que fixo
compras antinaturais de flans ou papel hixiénico, quero dicir,
está ben gardar comida, mais levarse toda a balda é egoísta e
esta crise mundial está a demostrar que moita xente só pensa “no
seu cu”.
Claudia Vidal Otero 4B
O maltrato e o abandono de animais, Claudia Amor Rodríguez (4º ESO C)
Os
animais
son
seres vivos que senten,
sofren
e
gozan, dependen moito
das
persoas
e
dos seus coidados, polo
que deben ser tratados como elas. Teñen que ter uns dereitos e unhas
mínimas
condicións
para vivir como as persoas
porque son seres vivos que o merecen.
O
noso país ten unha lei para este problema pero non é suficiente, xa
que se seguen presentando moitos casos de maltrato e abandonos dos
animais sobre
todo dos cans.
Evitar
estes casos está en man da sociedade, aínda que non sexas directamente
creador desas situacións podes axudar de moitas formas, xa
que podes denuncialo, axudar en asociacións, etc.
Hai
moitos datos que indican que unha gran porcentaxe dos cans non teñen
dono e outra gran porcentaxe de cans ou outros animais encóntranse abandonados e maltratados. Diversas
organizacións
protectoras de
animais mostran
que sete de cada dez
animais
son vítimas
do
maltrato
e abandono.
Esta situación debe cambiar e mostrarse máis porque é un tema
do que non se fala moito e é moi importante cara a sociedade.
O
maltrato e abandono debería de ter moito máis castigo e a sociedade debería estar máis concienciada, sobre todo cara os nenos pequenos porque
de rapaz quen non quere un canciño? Todos o queren e teñen que
aprender que é unha responsabilidade, non un xoguete que aos dous días
podes deixar de coidar e abandonalo.
En
definitiva, quero afirmar que a lei ten que reforzarse e o tema ten
que tratarse moito máis porque son situacións que non deben
pasar nesta sociedade.
Claudia
Amor Rodríguez.
Expresión nas paredes, Marta González Raña (4º ESO A)
Cando
comezo a escribir este artigo de opinión véñenseme á cabeza os
debuxos que agora pintan os artitas nas fachadas dos edificios, por
exemplo, os debuxos que se pintaron nas fachadas dos edificios de
Ordes.
Debuxar
nas fachadas, na miña opinión é unha nova forma de ensinar a arte
dalgúns artistas urbanos.
Pero
sempre que sexan cousas ben feitas e que teñan algún significado,
non como algunhas persoas que se dedican a facer pintadas que non
teñen ningún significado e só por diversión, ensuciando o
territorio urbano.
Pero
non só e a vila de Ordes a que fai estos debuxos, na Coruña ou en
Carballo tamén hai destas obras de artes, pero algunhas foron
estropeadas por alguén e xa non se poden aprezar.
Sen
dúbida algunha desta nova forma de expresar a arte é incrible e é
unha forma nova de coñecer a novos artistas que ao mellor non poden
expoñer as súas obras doutra maneira.
Marta
González Raña 4ºB
Parón, Uxía Mosconi Lew (4º ESO A)
Estes
días, semanas e meses son un oco en branco para algúns, exceptuando o persoal sanitario, a policía ou os traballadores do sector da
industria. E ben que lles agradecemos todos os días ás 20 h, aínda
que todo e pouco.
O
resto atopámonos nas nosas casas. Din que hai que sacarlle partido a
este tempo e facer as cousas das que non tivemos oportunidade.
Ventás cheas de carteis solidarios, xente concienciada, partidos
políticos aproveitando o momento para poñer na corda frouxa ao
presidente do goberno...
Hai
moitas críticas ao país polo tema do goberno, pero nos momentos
excepcionais coma estes somos un exemplo a seguir, uns referentes, un
exemplo de unión e compromiso.
No
meu caso este baleiro de días sen as miñas rutinas das que estamos
acostumados a vivir con elas como forma de vida, provócanme un parón
a nivel deportivo e educativo, xa que todo deportista e alumno ten
que facer un esforzo extra en non quedar atrás e seguir
evolucionando.
Este
confinamento repercute en cada individuo dunha maneira ou outra, da que nos deixou sen excursións e sen competicións. Esas competición nas
que en dous minutos e medio plasmamos todo o traballo feito en meses
e polo que non podemos baixar a garda ate o regreso aos
adestramentos, igual que pasa cos estudos e coas probas de acceso.
Non
son precisamente momentos de reflexión como din, son momentos de
esforzo e vontade propia para seguir adiante. Para os adolescentes
vainos ben para madurar no aspecto de individualizarnos, comezar a
asumir os acontecementos da "vida real", e ser responsables
co que facemos, autocontrolarnos e organizar o tempo, ser nós mesmos
os que teñamos o control polo feito de non saber o que ocorrerá
despois.
Sobre as redes sociais, Fátima Muñoz Ríos (4º ESO B)
As
redes sociais convertéronse nun fenómeno de magnitude global que
creceu exponencialmente co paso do tempo. Este fenómeno converteuse
nunha nova forma de socialización, comunicación e interacción
entre as persoas, pero como todas as cousas teñen vantaxes e
desvantaxes.
As
vantaxes que teñen as redes sociais son que facilitan a comunicación
entre as persoas. Tamén poden compartir as súas experiencias que fan
e que as persoass que te seguen as vexan. A nivel empresarial resulta
ser moi vantaxoso, xa que poden facer publicidade e axudan a difundir
o que venden. Poden xerar movementos de xenerosidade e solidariedade de
forma masiva.
As
desvantaxes son que borran do público o límite do privado e do
persoal e poden chegar a ser perigosos se se exhiben datos persoais
ou mesmo fotografías e tamén ser adictivos e quitar un gran número
de horas ao día. É perigoso xa que poden difundir movementos nocivos
para a saúde, como a anorexia, o acoso escolar ou o xa coñecido
xogo da balea azul.
En
cloncusión, se has sabes usar non terías ningún problema con elas
sempre cando sexa cun fin bo.
Hai algo positivo no Coronavirus?, Mari Luz Pose Reinoso (4º ESO B)
Agora mesmo parece algo
imposible que a maldita Covid-19 traia algo positivo, porén,
hai un aspecto que empeza a chamar a atención.
A mediados de decembro
apareceu en China un virus de rápida propagación e con altas taxas
de mortalidade, especialmente en xente maior ou con patoloxías
previas. Ao principio parecía un virus máis, aínda que non tivese
vacina nin se soubese nada del pero, o 22 de xaneiro, as autoridades
de China declararon en corentena a cidade de Wuhan.
Sobre estas datas o
Coronavirus chegaba a España e, tras ver como lle afectou tamén a
Italia decidiuse comezar a tomar medidas. Polo momento bastaba con
tomar precaucións e as medidas de hixiene necesarias pero, o número
de infectados seguía subindo.
A partir do 14 de marzo
comezou o estado de alarma, a xente ten que quedarse en casa e saír
para o mínimo (facer a compra, traballos específicos, citas
médicas...). Hai uns días o período de alarma ampliouse e estanse
tomando novas medidas, xa que o espazo nos hospitais empeza a escasear
tanto como o material. Por isto estanse habilitando sitios e
poñéndose en condicións.
Actualmente temos 4.858
falecidos e 64.059 contaxiados aínda que, a medida que redacto este
escrito, o número varía. Cando leas isto, por desgraza, o número
será maior. De paso recordar que se nomeou pandemia o martes 11 de
marzo.
Pero, en este feito tan
terrorífico, hai algo positivo? Aínda que é unha situación moi
mala pola que oxalá non tivesemos que pasar, a Covid-19 axudou a
reducir un 64% os niveis de dióxido de nitróxeno de media nas
cidades do Estado. En Madrid reduciuse un 73% de contaminación e en
Barcelona, un 83%.
Debido ás habituais emisións das
industrias así como as dos transportes, a contaminación reduciuse
axudando ao planeta a rexenerarse e sanearse xa que, antes do
Coronavirus, atopabámonos nunha situación moi preocupante pola
destrución da capa do ozono.
Con isto non quero, nin
moito menos, dicir que o Coronavirus é bo, pero, dentro do mal que o estamos pasando polo menos tentar ver algo positivo xa que é
imposible aceptar esta situación que estamos a vivir. E non quero
restar importancia á Covid-19 xa que estamos vivindo algo moi
preocupante que, colaborando xuntos poderemos vencer.
Acoso escolar, Gabriel Ares Bravo (4º ESO A)
Por desgraza, na
sociedade de hoxe en día escóitanse moito estas palabras. É un tema
de actualizadade que é ignorado por moita xente aínda que moi
coñecido. Os medios de comunicación, son os que lle deberían dar
voz (non só os medios de comunicación, pero estes son importantes á
hora de dar a coñecer feitos e noticias), pero estes trátanos moi
por enriba (coma outros temas importantes, como o machismo) e iso fai
que a xente non lle dea a importancia que debería darlle.
O acoso escolar ou
``bullying´´ existe desde hai bastante tempo, de feito o acoso nas
zonas de traballo tamén. O acoso escolar (centrareime no escolar) é
un tipo de molestia, desprezo ou insultos (non ten por que chegar ao
dano físico) a unha persoa ou grupos de persoas.
Moitas veces as vítimas
pensan que é normal que as insulten e que as discriminen, e iso non
é así, cando te acosan necesitas dicirllo a alguén de confianza,
como aos teus pais ou irmáns, axudarante moito e seguramente parará
ese acoso.
Os acosadores moitas
veces intentarán defenderse co inocente ``é unha broma´´ ou
``estamos xogando´´, e se non, non lle verán gravidade ao asunto,
xa que pensarán que a vítima é inferior a eles e, o que están
facendo, é algo normal.
Para parar este acoso
temos que concienciar aos máis pequenos para ensinarlles o que é e
porque é prexudicial. Así non haberá tantos problemas entre eles e
poderemos evitar ata suicidios. Xuntos podemos.
O estado de alarma en España, Ariadna Jarazo Vásquez (4º ESO C)
Como
todos sabedes España encóntrase nun punto crítico no punto de
vista da saúde e como en moitos países temos que quedar na casa para
non aumentar o índice de contaxios e paréceme unha idea moi correcta
para os tempos que vivimos.
Neste
período de corentena hai moitos vídeos, fotos con persoas indo para
a rúa aínda sabendo as consecuencias. E paréceme unha gran falta de
respecto tanto para a xente que queda na casa sendo responsable, como
para os sanitarios que cada día chegan máis casos de persoas contaxiadas pola COVID-19 aos hospitais.
Dende
o día 1 a xente nova non o tomaba en serio xa que aínda decretado o estado de alarma decidiron ir a unha discoteca, a única
aberta, seguramente con consecuencias nefastas xa que o virus podes
incubalo ata 24 días e non ter signos visibles de que o portas.
Cando escribo isto gustaríame que
os que sigan pensando que é unha parvada quedar na casa e que non
pasa nada, pensen ben e que se poñan só un minuto a ver as noticias
e ver o estado no que nos atopamos.
domingo, 29 de marzo de 2020
As redes sociais, Adrián Díaz Saiz (4º ESO B)
Hoxe
en día, as vidas dos adolescentes baséanse nas redes sociais, pero
que tan boas son? É unha pregunta que moita xente se cuestiona, pero
á que non se lle adoita dar resposta. Na miña opinión, as redes
sociais están ben para compartir o que fas cos teus amigos, charlar
un intre ou simplemente botar unhas risas vendo memes, pero sempre que sexa só un tempo arredor de 30 minutos ou 1 hora.
O problema é que os adolescentes, ao ser nativos dixitais, non lle
dedican ese tempo senón que hai adolescentes que lle
dedican máis de 4 horas ao
día ás redes sociais, o
que, á parte de poder provocar problemas na vista, pode levar á
dependencia das redes, o que fai que esa persoa só sexa capaz de sociabilizar a través das redes e que na vida real non se relacione con ninguén. Tamén pode provocar que esa persoa crea que o sabe todo polos memes actuais e non se dea conta de que ao seu redor hai moitas cousas que descoñece (feitos históricos e culturais,...).
Tamén creo que as redes sociais non son boas
porque teñen un gran potencial para difundir bulos ou algo peor coñecido como sexting.
Por iso eu creo que as redes sociais son boas se se lles desen un uso
correcto, pero ao non llelo dar, para moita xente son prexudiciais. Eu penso que se debería facer algo para tentar frear os malos usos delas, como limitar o tempo de conexión a elas e que se continúe coas sancións á xente que as usa difundindo información falsa ou acosando a través delas.
Adrián Díaz, 4º B
sábado, 28 de marzo de 2020
A guerra de Siria, Icía Díaz Kirk (4º ESO C)
Ás
veces esquecemos (ou pretendemos esquecer), o que ocorre noutras
partes do noso mundo porque cremos que non nos afecta, e é o máis
doado, pero se non enfrontamos unidos e con solidariedade os
problemas, estes non deixarán de existir.
Por
moito que as intentemos esquivar nos nosos pensamentos, as guerras
seguen e seguirán existindo. No caso da guerra de Siria, é a guerra
máis grande que existe na actualidade, e canto sabemos acerca dela?
Comezaremos facendo un breve resumo para facernos unha idea da súa
dimensión e gravidade.
Esta
guerra comezou oficialmente en marzo de 2011 tras as protestas de
grupos opositores contra o réxime. En 2012 Siria viviu unha
situación moi complicada cando cidades como Homs, Damasco e Alepo
foron convertidas no centro de confrontacións, que acabaron coa vida
de máis de 370.000 persoas, entre elas 21.000 menores.
En
2014, o mundo comeza a concienciarse, os organismos de atención e
acollida alertan de que Siria se converte na peor crise humanitaria
da nosa era. Máis da metade da poboación vese obrigada a fuxir dos
seus fogares mediante perigosas vías para chegar a lugares nos que
nin sequera serán ben acollidos. Ao longo destes 9 anos de guerra,
situacións inhumanas e terribles vivíronse e seguen a vivirse no
país e nos campos de refuxiados que acolleron a cifra de 7 millóns
de refuxiados, e mentres nós preferimos non pensar nisto.
É
un tema que xa non se ve nos xornais. Xa non é primicia, e a xente
prefire non saber máis. Vivimos nunha sociedade tan egoísta que
pensa que evitando tratar os conflitos “alleos” pode rematar con
eles. E a pregunta que eu me formulo é, quen di que non sexamos
todos vítimas dun conflito que afecta aos nosos irmáns? Quizais
deberiamos deixar de seleccionar a información que nos interesa á
carta e abrir os ollos para ver máis alá do que nos apetece, e
quizais os xornais deberían moverse por feitos e non por exclusivas.
Efectos na sociedade da Covid-19, Rebeca Vila Villar (4º ESO A)
A enfermidade do Covid-19 é
unha afección respiratoria que se pode propagar de persoa a persoa.
O virus que causa a Covid-19 identificouse por primeira vez durante
a investigación dun brote en Wuhan, China. Nestes momentos, hai
máis de 390.000 infectados en todo o mundo.
A mellor maneira de previr a
infección é evitar a exposición ao virus que causa o coronavirus
Covid-19 e manter unha correcta hixiene. Hai medidas simplemente
preventivas e cotiás para axudar a previr a propagación de virus
respiratorios.
O goberno de España decidiu
decretar o estado de alarma para mobilizar o sector privado e os
militares contra o COVID-19, medidas que non se tomaron
antes; nin na crise da sida nos anos 80, xa que era cousa maioritariamente de
prostitutas e homosexsuais nin na crise do ébola no 2014, porque
era cousa de inmigrantes e de países aos cales era mellor non ir.
Descubrimos a solidariedade do noso país porque isto afectou a parte
do mundo onde ninguén cría que algo así chegaría, á crème da
crème de occidente; e non, a xente non está a ser solidaria porque
se poña no lugar nin dos médicos, nin dos policías, nin de toda a
xente afectada. Están a ser solidarios porque teñen medo de que
chegue a eles.
Agora a xente adícase a
aplaudir dous minutos todos os días pola xanela en honra a toda a
xente que traballa tanto nun supermercado como nun hospital. A
pregunta é: antes non merecían os mesmos aplausos? Obviamente
merecíanos, pero era mellor aplaudirlle ao futbolista ou ao actor
por entreternos.
Agora só queda esperar á
gran crise económica que nos espera despois de que superemos o virus
e ver de que outra maneira tan hipócrita como esta vai actuar a
xente.
Posta en valor da Música, Sofía Gómez Limia (4º ESO B)
Nestes
días de confinamento, nas nosas casas, estamos vendo que a música é
un dos elementos máis importantes para non sucumbir no aborrecemento
absoluto.
A
maioría das veces a xente non lle da o valor que debería a esta
disciplina, ben porque non a entende, por pura ineptitude, porque
pensa que non serve para nada, ou que non ten unha utilidade tan
práctica fronte a outras materias máis produtivas.
Porén,
nestes tempos de confinamento asemella que esta a ser un pilar
fundamental para manter alta a moral das persoas. A música fai que
a xente se poña de bo humor e ao cantar ou tocar xuntos dende os
balcóns ou as fiestras esquecen a súa soidade.
Por
outra banda, os cantantes e músicos están a facer concertos en
directo a través das Redes Sociais. Incluso a Orquestra Sinfónica de
Galicia conseguiu coordinar a todos os seus músicos para tocar unha
peza, cada un desde a súa casa.
Parece
que a música está a recuperar o seu posto fundamental que non debeu
perder nunca. A
ver se se lembran cando toque retomar a reforma da lei educativa.
Un golpe de realidade ambiental, Inés No Mosquera (4º ESO A)
Hoxe
en día o problema do cambio climático está moi presente na
poboación e cada vez hai máis xente e gobernos que se encargan de
poñer unha serie de medidas. No caso dos países, moitos dos máis
industrializados, asinaron o Protocolo de Kioto para mellorar a saúde
ambiental do noso planeta. Estados Unidos abandonou este tratado
amosando a súa despreocupación polo benestar xeral, actuación
debidamente criticada polo seu carácter irresponsable.
Como
acabo de dicir cada vez hai máis opcións para a diminución da
contaminación, como alternativas para os combustibles fósiles
(enerxía eólica, solar…),filtros nas saídas de gases prexudiciais
das fábricas, etc. O que ocorre é que a mellora é moi lenta e
ademais ralentizada polas industrias que non cumpren as normas
ambientais.
Aquí
está o punto principal: esas industrias e derivados que non cumpren
estas normas. Cada empresa ten un dono ou donos, dependendo do tipo
de empresa, e eu pregúntome: esa xente dorme ben? Porque eu non
podería con ese sentimento de culpa e sen a conciencia tranquila
provocado pola creación de illas de plástico, destrución de
ecosistemas enteiros, buratos na capa de ozono, deforestación e mil
barbaridades máis que están presentes no día a día, no presente,
e que moita xente non quere ver.
En
definitiva, agradezo moito que exista xente concienciada con este
tema e desexo que esa que aínda non o está, xa sexa por
desinformación ou cegueira provocada polo diñeiro e a excesiva
ambición algún día entren en razón e fagan deste mundo un mellor,
para que os seus fillos/as, netos/as e vindeiras xeracións teñan o
camiño máis sinxelo.
Inés
No Mosquera 4ºESO-A
Os sentimentos dos adolescentes, Águeda Millán Pena (4º ESO A)
A
todos os adolescentes nos din que temos que madurar, que non somos
responsables e que non aceptamos as nosas propias circunstancias; que
nunca estamos de acordo co establecido, que somos “uns rebeldes”.
Tamén nos din que temos que sacar boas notas para ter un “bo
futuro”, indo á universidade e estudando unha “prestixiosa
carreira”. Cando levamos a casa unha mala nota sentímonos
culpables, rífannos por “ser uns vagos” ou por “non
esforzarnos o suficiente”. Noutro ámbito, por exemplo, no que
respecta aos vínculos que temos coa xente, sentimos que nos están
xulgando por calquera cousa que digamos (ou incluso pola música que
escoitamos na radio ou os programas que vemos na televisión). Todo
isto sumado aos cambios que nos están ocorrendo (cambios físicos e
psicolóxicos) non fan que se teña unha estabilidade emocional moi
grande.
A
maioría dos adolescentes non están cómodos co seu corpo (fixen
varias entrevistas a uns amigos meus de diferentes idades [dende os
13 ata os 18 anos] e, de 10 partes do corpo [que dixen que puxeran se
tiñan ou non inseguridades], todos estaban moi diferenciados no que
consideraban defectos, pero numericamente todos tiñan máis de 5
inseguridades (o máis común: a barriga e as pernas).
Podería
ser que estas inseguridades se deberan ás redes sociais?
Probablemente: a xente quere mostrar que teñen unha vida perfecta
para que as demais persoas sintan envexa delas. Pero non soamente son
as persoas que suben posts ao
Instagram teñen a culpa. Todo o sistema educativo quere soamente ao
“mellor dos mellores” (o que saca 10), e aos que non chegan ao
aprobado os colocan nun apartado titulado “casos perdidos”.
Entón,
que poderiamos facer ante toda esta falta de autoestima?
Falar,
falar e falar. Falar cos vosos fillos, cos vosos amigos, cos
coñecidos e tamén con descoñecidos.
Negocios ilegais, Jorge Franco Pan (4º ESO A)
O
Goberno dos Estados Unidos presentou unha acusación penal contra o
presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, acusándoo de narcotráfico
internacional. William Barr,
fiscal xeral de EEUU, adiantou hoxe cargos xudiciais contra o xefe
revolucionario por participar nunha organización criminal, en
asociación coa guerrilla das FARC, para inundar o seu país de
cocaína.
Ademais,
o Goberno de EEUU puxo prezo á cabeza de Maduro e ofrece unha
recompensa de 15 millóns de dólares por calquera información que
leve ao arresto do mandatario venezolano e de 10 millóns de dólares
por Diosdado
Cabelo, o presidente da Asemblea Nacional Constituínte (ANC)
e un dos homes fortes do chavismo.
Dende
logo, as drogas non son nada boas nin para o consumo, nin para os
negocios; así é como hai tantos conflitos entre estes dous países.
Non é unha opción intelixente optar por esta maneira de obter
cartos rápido.
Non
son unicamente estes dous individuos os que andan a paus por esta
búsqueda de capital, senón tamén xente normal coma pode ser un
carniceiro ou un varredor.
Outros
tipos de obtención de diñeiro, á parte de ilegais e arriscadas,
rápidas, é a prostitución, algo que está moi candente no
territorio do noso país, onde miles de mulleres son obrigadas a
traballar coma se fose un circo. Na miña opinión, nos casos das
mulleres obrigadas a facelo, aínda que lles paguen (xeralmente
salarios mínimos que non poden chegar a cubrir necesidades básicas),
están sendo violadas.
Este
tipo de negocios son realidade, e algo que está ocorrendo día a
día, tanto en institutos, coma nos traballos e nas rúas; canto
menos persoas o fagan mellor, esa é a intención.
venres, 27 de marzo de 2020
Tarde, mal e arrastro, Iván Couto Pintor (4º ESO A)
O
Congreso vén de aprobar unha ampliación de 15 días do estado de
Alarma, xusto na semana na que España supera a China en número de
mortes polo coronavirus. Unha declaración de estado de alarma que
chegou tarde e desorganizada.
Mentres
no congreso se discutía se os Mossos ían ser competencia da
Generalitat ou do goberno central, miles de madrileños facían as
súas maletas e saían de Madrid cara as súas vilas natais, traendo
consigo o virus.
Eses
madrileños que só veñen a Galiza no verán ou a polos artigos da
matanza, saíron de Madrid cara Galiza para escapar do virus, dunha
forma tan temeraria coma irresponsable, cando estaba xa avisado que
os desprazamentos debían ser limitados.
Galiza
partía en vantaxe con respecto a outras zonas peninsulares, xa que
case non había afectación pola pandemia, pero o goberno de Feijoo
fixo oídos xordos á petición de blindar Galiza ante os centos de
persoas que ían voltar dende Madrid, que lembremos é a zona cero do
Coronavirus, e isto levounos á que a maioría dos casos detectados
en Galiza teñan como orixe non ter pechado un dos principais focos
de extensión no seu momento, como era Madrid.
Grandes
especialistas e tertulianos televisivos falan agora de peche total do
estado español poñendo China coma exemplo. China só illou
totalmente a zona cero do virus, unha poboación de 10 millóns de
habitantes, limitando a propagación do mesmo. Mentres en España
declaramos un estado de alarma tardío, no que podes sacar 6 veces ao
día o can a pasear e durante o cal, nos primeiros días, podía
haber 50 persoas nun supermercado sen control nin precaución para
evitar o contaxio.
Á
rapidez na propagación do virus e á falta de control e organización
por parte das autoridades, hai que sumarlle os máis de 1.000 millóns
de euros recortados en Sanidade por parte do goberno de Feijóo e que
dificultan o labor das traballadoras do Sergas, pero isto si que o
pode arranxar o pobo galego, cando poñan nova data para as eleccións
ao Parlamento de Galiza, que como dixo Rosalía, España
de ti se olvida cando eres, ¡ai! tan fermosa.
Culpábel, Juan Sebastián Ángel Morales (4º ESO A)
Nesta
sociedade a maioría das persoas ven as noticias coma a verdade absoluta aínda que isto non sempre é certo. Os medios informativos informan dunha
forma superficial sen profundizar nalgúns temas, como é o tratamento da
presunción de inocencia por algúns medios, comportamento moi inxusto para as persoas inocentes
acusadas.
As noticias tratan a
estas persoas coma culpábeis sen importar se os xuízos ou probas
correspondentes indicarán nun futuro a súa inocencia ou culpabilidade. Por
isto as persoas sen pensamentos propios e críticos déixanse levar por unha
corrente corroída e comezan a crear pensamentos podridos e
equivocados, por veces arruinando as vidas das persoas xa acusadas aínda sendo inocentes ou non.
O problema non é cos culpables, é cos
inocentes aos cales ´visten` cunhas roupas que non quitarán na
vida e condicionaraos na súa supervivencia polos prexuízos da
xente en xeral.
Isto ocorre pola `gran´capacidade de desinformación dos medios comunicativos e a súa falta de`obxectividade´
respecto a este tema acusando de culpábel a todo aquel que pasa polo
tribunal.
O canto dos grilos, Paula Rodeiro Iglesias (1º ESO C)
Hai
moitísimo tempo, nunha aldea galega, vivía un neno. Non era un neno
normal, xa que el foi quen creou as margaridas e os caraveis, e mais
tamén creou as baleas e os ollomois. So tiña que pensar nun animal
ou nunha flor e desexar que aparecese ao seu carón.
Facendo
isto creou case todas as especies que coñecemos, pero a que máis
lle gustaba a el era o grilo. Todas as noites sentaba na herba a
falar con eles. Un bo día, o neno decidiu que xa non cabían máis
animais nin máis plantas no noso mundo, así que decidiu converterse
nunha estrela para poder vixiar a todas as súas creacións dende o
máis alto.
Esta persoa especial, á que
lle debemos tanto, está agora tan tranquila. Ás veces, quere dar un
paseo pola cidade, entón convértese nun can, outras, apetécelle
observar algún xardín e transfórmase nunha árbore, pero algo que
non cambiou dende o día que decidiu deixar de ser humano, é que
todas as noites fala cos grilos.
E
esa é a razón pola que escoitamos ese son marabilloso que fan estes
animais todas as noites ao falar coa estrela que os creou.
Abusos policiais, Carlota Cacharrón Fernández (4º ESO B)
Fixen o outro día no meu perfil de Instagram, dunha forma un pouco espontánea, unha enquisa cun apartado para que os meus seguidores opinaran sobre a policía española e os abusos que se están a producir, sobretodo, nos tempos de coronavirus.
Todo isto veu a raíz dun vídeo que se fixo viral no que dous membros da policía e máis tarde catro tiraban a un cidadán dunha moto debido ao seu incumprimento do estado de alarma.
A miña enquisa contaba de dúas partes que, afortunadamente, tiveron bastante actividade e respostas.
Na primeira parte pedía que se proporcionase unha opinión obxectiva sobre a policía e o sistema policial en España. Non quixen que se comparase con outros países e, sobre todo, con outros continentes debido a que, como é sabido, o sistema policial en, por exemplo, Latinoamérica é moito máis corrupto que aquí.
A maioría de respostas foron negativas, os mozos, os principais herdeiros do futuro mundial, non confían na policía. Uns cantos aclaman que esta, que ten que ofrecer protección, non só non protexe, senón que ademais abusa dos cidadás que se encontran “indefensos” ante o seu poder e autoridade.
Houbo un comentario en especial que me chamou a atención, no que denominaba a policía como “marionetas do Estado”; desde a miña opinión, isto é verdade, pero penso que todos o somos aínda que eles máis directamente, xa que están en contacto directo coa sociedade e o público e teñen a responsabilidade de impartir as leis que crea o poder lexislativo (en resumidas contas: o Estado).
Moi poucos afirman que fan o seu traballo correctamente e aínda que pedín, por favor, que non se comparase con outros sistemas policiais, compárano co latinoamericano. Persoalmente, paréceme que unha comparación é unha forma moi fácil de quitarlle negatividade ao que tes na casa.
Outras opinións céntranse na súa efectividade (de forma negativa) indicando que a maioría das veces non realizan de manera correcta o seu traballo. A maioría de votantes que tiveron experiencias coa policía aseguran que foron tratados con soberbia e chulería por parte dos axentes e usan diversas formas despectivas que son empregadas para insultar ou denominar (depende de como o vexamos) a policía.
A outra parte da votación era unha pregunta de “si ou non”, a pregunta en cuestión era a seguinte: poderíase vivir sen policía. Un 75% dos usuarios votaron negativamente, mentres que o resto, votaron afirmativamente. Os mozos e mozas que habitan os nosos barrios saben ao 100% que a policía é necesaria. Entón, é isto contraditorio ou hipócrita? Déixovola para que a respondades vós e reflexionedes.
Na miña humilde opinión, a policía é completamente necesaria, e por sorte, non toda fai mal o seu traballo pero, non se pode pedir aos mozos que vexan a policía dunha forma positiva se o que eles mesmos viven na rúa son situacións con policías soberbios que abusan do seu poder e presumen por levar unha placa e uniforme azul.
A pesar de estar falando de axentes de forma individualista, non ten moito sentido se os seus superiores permiten estes comportamentos e non só os seus superiores, senón incluso poderes maiores... É un tema bastante interesante, que ó meu parecer, non é moi visibilizado; aínda que parece que isto vai cambiando xa que nos últimos días e estanse a compartir e viralizar varios vídeos no que o traballo policial é máis que cuestionable.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
ENTREGA DE DIPLOMAS DE CERTIFICAÇÃO DO CAMÕES JÚNIOR
No dia de hoje fizemos entrega dos diplomas que acreditam a certificação B1 de proficiência em Português Língua Estrangeira aos alunos e alu...
-
Tres catorce dezaseis é unha novela da autora ceense Rocío Leira Castro, coa que chegou a ser finalista na última edición dos premios Jules...
-
Ninguén morreu de ler poesía é un libro poderíase dicir que autobiográfico en forma de diálogo interactivo co lector. Foi publicado en 2020...
-
Made in Galiza é un libro de relatos curtos escrito por Séchu Sende. Séchu Sende é un escritor licenciado en Filoloxía Galega coñecido tamé...