domingo, 1 de decembro de 2019

Castelao inventou os memes e os selfies??, reflexión de Aquel-e

Estas semanas estamos descubrindo e analizando a obra plástica de Castelao e para resaltar a vixencia e a actualidade da obra do multifacetado autor rianxeiro, imos ver este vídeo de Aquel-e onde reflexiona sobre a relación da súa obra coa creación dos memes actuais e a importancia de todas as imaxes creadas por el como testemuño das realidades sociais da súa época.

Estrela na alba, o pensamento político de Castelao

Neste vídeo podedes escoitar diferentes fragmentos dos ensaios políticos de Castelao e ver ademais as imaxes do traslado dos seus restos desde a Arxentina ao Panteón de Galegos Ilustres en Bonaval no ano 1984.

Fotobiografía de Castelao

Déixovos aquí este vídeo con imaxes interesantes que ofrecen un percorrido cronolóxico pola vida do escritor, ensaísta, pintor e político máis destacado do Grupo Nós.

"Que é o medo?" de Sara Sanz (4º A), relato de terror gañador no Certame de Relatos do Samaín


Que é o medo? de Sara Sanz (4º A)
Relato de terror gañador no Certame de relatos de terror do Samaín

A vida dá máis medo que as historias que nos contan ás catro da mañá.

Pregúntalle que é o medo á muller que vive cun monstro durmindo ao outro lado da cama, que teme que algún día os seus berros queden afogados entre catro paredes tinguidas de vermello.

Pregúntalle que é o medo ao neno que vive rodeado das pantasmas que a guerra deixa inexorablemente. Ao neno que non coñece máis nanas que os estremecedores bombardeos, nin máis casa que as ruínas que escriben a dor na pupila de todo aqueles que as contemplan.

Atrévete a preguntarlle que é o medo a aquel que convertemos en demo só por ser diferente. Que engaiolamos nun cárcere de pecados por medo a que ame e sexa quen realmente é.

Pregúntalle tamén as mulleres Frankenstein que só buscan seguir os cánones de beleza que establecen con aires despóticos as revistas. Pensas que entre tanto botox non hai medo a non ser o que a sociedade quere delas?

Dille á Terra que che conto como se senten as torturas que lle facemos. Que che diga que ten medo a morrer de calor, sen ser bruxa queimada no lume.

Así que si, se queres sentir medo ve as noticias, le o xornal.

Iso si que provoca un arrepío instantáneo.


sábado, 30 de novembro de 2019

A boneca, relato de terror de Ana Mondelo Pena (2º ESO B)


A familia Sánchez comprou unha nova casa situada na Costa Da Morte. Foi unha familia de tres, cunha nena pequena chamada Uxía.

Uns meses máis tarde xa tiñan todo preparado para mudarse, pero mentres que estaban ordenando todo, atoparon unha boneca, levaba un vestido de cor azul cunha coleta alta e zapatos negros e déronlla á máis pequena da familia. Tempo despois a boneca convertérase na mellor amiga de Uxía. Cando xa acabaron de ordenar todo convidaron a súa familia para que visen todo o que fixera na súa nova casa. O día antes de que chegara a familia, Uxía díxolles aos seus pais:
-Lucía (o nome que lle puxera a boneca) díxome que mañá iremos a un lugar fermoso onde poderemos estar sempre xuntas.
Os pais ignorárono pensando que eran cousas de nenos. Ao seguinte día estiveron toda a tarde coa súa familia, co cal acabaron cansos e ata Uxía quedou a durmir co seu vestido favorito azul. Pola mañá a nai espertou e foi ver como estaba a filla, pero non a encontraba por ningures.
Despois dun tempo buscando a rapaza sen obter respostas decidiron mudarse debido aos momentos que lles recordaba esa casa. Comprouna unha familia de catro persoas cunha nena de nove anos e a súa irmá que xa era adolescente.
Mentres que a nova familia estaba colocando as súas cousas atoparon a boneca de Uxía, e déronlla como agasallo á meniña de nove anos. Días depois de estar xa cómodos na casa díxolles a cativa aos seus pais:
-Uxía, díxome que mañá me levaría a un lugar fermoso onde poderemos estar xuntas sempre.

xoves, 28 de novembro de 2019

"Todo comeza co sangue", relato de terror de Carla García Soto (1º C)

Hai unhas semanas mercamos unha casa nova e fomos vela o sábado desa mEsma semana. Estaba a unhas tres horas do noso fogar.
Cando chegamos vimos que non había ninguna sinaL de vida e que estabamos rodeados de árbores.
Na entrada da finca poñía: “Rúa da horta”.
Cando xa nos instalamos era de noite e fun ao meu cuarto coa miña irmá.
Enrima da cama había un armario tipo ponte, polo tanto ao deitarse víase a parte de abaixo do estante.
Durmímonos e, ao día seguinte, espertamos, o primeiro que vimos foi o armario todo ensanguentado cunha frase que dicía: “Unha gota máis”.
Coa desfeita que se armou non nos decatamos, ata que estivemos cos nosos paIs, de que os catro tiñamos unha ferida aberta no antebrazo.
Chamamos a policía pero non había cobertura. Collemos o coche pero, co medo, perdémonos. Puxemos o GPS. Este levounos outra vez á finca, alguén o hackeara!
Saímos do coche.
Esta vez había unha muller no centro da finca. Esta estaba despeiteada, como se non tivera fogar.
Pensamos. Como pasou a reixa? Como enganou as cámaras?
Esta muller veu xunta nós á velocidade da luz. Colleu o letreiro da “Rúa da horta” e quitoulle unha especie de pegatina, esta pegatina ocultaba unha parte, en realidade dicía “Rúa morta”.
Estabamos confundidos. A muller dixo:
--Dende que alguén merca esta casa nunca estará a salvo, senón todo o contrario. Esta casa era miña pero un mal día veu unha persoa... non se quen foi, o que sei é que cambiou todo. Non podo vivir sen matar...e sen vivir nunca estarei libre. Así que…
Nun parpadeo de ollos a muller encontrábase a un milímetro de nós.
Empezamos a correr pero, uns minutos despois atrapounos.
E aquí estou... meus pais xa están mortos e quen sabe cando me tocará a min. Se alguén encontra isto que teña coidado porque seguro que o estará vixiando…
Carla García Soto 1º ESO C 

De profundis, Carla García Soto (1º ESO C)

Estaba navegando no meu barco, o mar estaba moi tranquilo.
 
De súpeto encontrei unha casa. Tiña moitos cadros dentro. A casa era bela. Asomeime á terraza e vin que un montón de orcas viñan.
 
Despois xa non estaba na casa, estaba no meu barco mirando a fachada da casa. Nela estaba unha muller moi fermosa que tocaba o violonchelo. Namorámonos.
 
 
Ao día seguinte volvín co meu bisneto. El cantaba de marabilla. 
 
Nese momento foi momento cando comprendín. A muller non podía falar e comunicábase co instrumento.
 
Collín o meu bisneto e díxenlle:
-Ás veces polo amor hai que sacrificar cousas. Vouche quitar a voz. 
 
Tiven que obrigalo a que ma dera.
 
Cando o conseguín, púxose de lado, cantou unha canción e entregoume a voz. Eu deilla á muller.
 
Un tempo despois encontrábamonos no mar. Ela era unha serea e os dous fomos almas xemelgas.
Por fin encontrara a miña media laranxa.

 

"Unha simple noite", relato de terror gañador no Concurso de Samaín en 2º B, Alma Qing Ramas Corrales

UNHA SIMPLE NOITE

Alma Qing Ramas Corrales (2º B)

-Estou tranquilamente vendo a televisión soa. E preguntarédesvos varias cousas: ‘’Quen es?’’ ou ‘’Por que estás soa?’; etc... Ben, eu chámome Cristina, teño 10 anos e vivo na Coruña. Eu estou soa porque os meus pais saíron cear, xa que hoxe é o Día do Samaín, tamén coñecido como Halloween, en inglés. Tamén estaredes pensando: ‘’Por que non estás na rúa co teu disfraz e cos teus amigos?’’ Para que o saibades, eu non teño amigos porque pensan que estou louca, tan só porque me gustan as cousas ‘’creepys’’; e non levo disfraz porque non sabía que poñerme... Aínda que me gusta estar soa porque podo facer o que queira!
De repente, escóitase un ruído no corredor.
-Eh? Que será iso? Meh, non me preocupa.
A nena volveu mirar o televisor, pero este apagouse.
-Vale... Isto non me gusta nada, nada...
Ela colleu o mando do televisor e intentou encendela, mais non o conseguiu.
-Vale... Mellor vou á cociña comer algo...
Ela levantouse, algo nerviosa pero sen medo, dirixíndose á cociña ata que quedou inmóbil no corredor.
-Eh?! Por que?... Non podo... moverme?!
Cristina moveuse moitas veces, intentando soltarse do que parecía ser un agarre invisible.
-Agh! Non podo soltarme! Que pasa?!
De súpeto, as luces da súa casa apagáronse e o lugar cubriuse dunha aura vermella e tenebrosa.
-Eh... Ok.... Isto non se ve todos os días e...
Foi interrompida por outro ruído, producido polo chan. Del elevábase unha gran táboa de madeira, onde se situaba o corpo dunha nena de cabelos rizos e castaños. Non podería ser máis que Verónica, unha compañeira da súa clase.
-V-Verónica?! Por que pareces... Estar morta...? –preguntoulle a moza de cabelo roxo.
A outra non respondeu. Quedou alí, aínda que non só estaba naquela táboa, senón que os seus brazos, pernas e peito estaban cravados cunha astilla, dato que viu Cristina segundos despois.
-Meu deus! Que é iso?! –horrorizouse.
O seu corpo, o da protagonista, comezou a moverse involuntariamente, indo ata a cociña para coller un coitelo afiado. Regresou a onde estaba Verónica e comezou a apuñalala. Ao principio horrorizábase e botou a chorar, pero pouco a pouco ela facíao por vontade propia. Unha e outra, e outra, e outra vez...
-E agora que.....? Xa sei!
Ela comezou a dicir palabras malditas, palabras inomeables e os seus ollos tornáronse dun vermello forte.
-Jajajaja!!!-ri malvadamente.
Ao facer iso, escoitou un ruído, esta vez proveniente da porta. Ela volveu ao seu estado inicial e, sen saber nada, quedou paralizada. Invocou o demo... Só ela o podía ver... O demo achegouse a ela e....
-Aaaaahhh!!!

Todo... Todo foi só un soño.... Cristina observou o seu redor. Todo estaba igual, je... E, antes de que volvera durmir, mirou de reollo a súa man, que tiña un símbolo estraño.
-Que é ist----?!
Todo volveu estar en negro....
FIN
ou tal vez non....

martes, 12 de novembro de 2019

INFERNO PERSOAL, relato de terror do Samaín de Alejandra Blas Otero (4º ESO A)


Desde que morrera, vira eses ollos suplicantes máis de cen mil veces. Vía o seu rostro reflectido nas súas bágoas unha e outra vez, dunha forma incesantemente dolorosa.
Xusto cando el entreabría os beizos como se quixese rogar pola súa alma, ela elevaba o coitelo e cravábao de forma ríxida no centro do seu peito, e nese intre unha dor comezaba a arder nas súas veas e queimaba o corpo deixándoa sen respiración e quebrando o seu ser en mil pedazos. Ela choraba, choraba sen remedio unha e outra vez, pero sabía que a súa expresión non retrataba os seus sentimentos, pois vía o seu rostro nas bágoas ao igual que vía a súa morte. Vía como a persoa que máis amara na súa vida, a persoa máis doce da súa amarga existencia, caía ós seus pés.
O peor desa morte non era o feito de perdela nas súas mans, non era o feito de que el vise a súa cara e non atopase no seu rostro o reflexo de todo o que estaba sufrindo. O peor, incluso, non era que ela non puidese evitar cometer acto tan atroz, posto que unha forza superior a sometía. Non. O peor de todo era saber que estaría condenada a facelo polo resto da eternidade.



domingo, 10 de novembro de 2019

O barco afundido de De Profundis, Helena Bermúdez Freire (1º ESO C)


Había unha vez un ancián que quedou viúvo e os seus fillos morreron, deixándolle en "herdanza"o seu neto.

O ancián era mariñeiro e vivía no mar, nun barco chamado Profundis.

Era o inverno de 1962. 

Ese mesmo día viu no medio do mar a súa muller, nunha casa de madeira. Onde esta o meu neto? preguntábase a si mesmo.

Buscando e buscando, non o encontraba, pero da nada saíu el, que de chegar sendo un neniño de seis anos, empezou a medrar e medrar ata chegar a un adulto de vinte e seis anos. O ancián non sabía como pasara iso...

Fíxose noite e arrefriou. O neto bocexou deixando un vapor, que ía cara o ancián, converténdose en moitas luceciñas que collía coa súa propia man.

Ao collelas notou como a auga lle entraba nos pumóns... era o barco que se inundara...


venres, 8 de novembro de 2019

De profundis, Paula Rodeiro Iglesias (1º C)

DE PROFUNDIS

No medio do frío e bravo mar, hai unha casa. Unha casa baleira. Non baleira de obxectos, senón baleira de sentimento. Unha casa sen persoas, aparentemente fría.

Pero de súpeto, un barco sitúase diante da casa. Dese barco sae un home, que tamén semella triste. No xardín da casa hai unha muller vestida de negro que toca violonchelo con cara triste. O barco zarpa deixando atrás a casa, e con ela, a muller.

O home mira o neno que vai con el no barco. Intercambian un par de miradas, por suposto tristes.4

É noite, todo está escuro, pero pódese ver como caen unhas bágoas polo rostro do home. O ambiente é frío, moi frío. O neno abre a boca: ten sono. Da súa boca sae vapor que maxicamente se converte en tres preciosas pedras verdes que brillan. Con cara de ledicia, o home, ao ver as pedras que flotan cara el, abre os brazos e cólleas. Ao tocar as pedras, de súpeto, aparece con cara de máxima ledicia, nun fondo cheo de pedras que brillan da man da muller que tanto estrañara durante a viaxe.

Paula Rodeiro Iglesias 1º ESO C

Relato de Samaín gañador en 2º E

DESPOIS DA MORTE

GRETA GONZÁLEZ MANCEBO (2º E)

Un día no traballo o xefe comentounos que falara cun empregado e que non o notaba ben. Eu tampouco. Daniel estaba tenso, nervioso e na empresa notábase. Debiamos estar tranquilos con el. 

Á semana seguinte non viñera a traballar, sempre que iso pasa, e non mo xustifican teño que chamarlles para confirmar a causa. Como directora na oficina tiña que saber o que lle pasaba a todos os empregados. Daniel sempre foi sumiso, ata aquel día. 

Chamei á súa casa e contestou a muller desesperada. Daniel dixéralle que o seu fillo ía cun amigo e que el lle prepararía unha cea especial á muller. Fixo unha barbacoa con carne e chourizo. Ela preguntoulle que era e el respondeulle “carne de familia”. Chamou á casa do amigo co que estaba o neno, e non. Non estaba alí. Daniel mirouna cuns ollos abertos coma pratos e cun sorriso moi grande.

Despois da historia fun correndo á casa, e encontreina. Dixo que non sabía onde estaba Daniel pero que chamara á policía. Cando chegou rexistrou a casa ata chegar ao garaxe. E Daniel estaba roendo naquel corpo, frío e tirado no chan, con eses ollos e ese sorriso tan terroríficos. Ela pediu a separación, el foi ao cárcere, eu pasei un tempo sen entrar na oficina. 

Dende que ela vivía noutra casa, soa, encontrara un oco nunha parede cunhas cartas dentro. Eran a nome de Daniel. Ela vivía alí con medo, pero un día decidiu lelas, e encontrou mensaxes que dicían o que facía, o que levaba posto, ou que a vira moi ben. Como podía Daniel deixar esas cartas dentro daquela casa dos hábitos diarios dela. Sempre que durmía tiña pesadelos con aquela cara tan fea, os ollos abertos e o sorriso tan grande. 

A última carta que había na casa estaba na entrada, como se a botara por debaixo da porta, ela colleuna e dicía “Véxote, co noso fillo, vimos visitarte. Levamos moito tempo sen verte, estamos arriba.” 

Ela subiu sen facer ningún ruído e cando abriu a porta da habitación encontrou ambos corpos colgados do teito, aforcados cunha grosa corda. Ela botou un gran berrido e Daniel cortoulle o pescozo por detrás. Morreu. Aquela casa incendiouse, e a historia conta que nos matorrais aparece Daniel con aquela cara fea, eu sigo soñando con ela.

Inventar De profundis

O alumnado de 1º da ESO tivo que facer esta actividade de creación literaria que consistiu en ver uns minutos do filme De profundis baseado na banda deseñada de Miguelanxo Prado para inventar os diálogos ou a narración da historia.

martes, 5 de novembro de 2019

A rapaza do circo de Carlos Casares

Nas aulas de 2º ESO para exemplificar o tipo de contos de autor, lemos o conto "A rapaza do circo" de Carlos Casares, publicado na obra Vento ferido. E para completar a lectura vimos estes vídeos elaborados por alumnado doutros centros educativos onde recrean con debuxos ou interpretacións orixinais este emotivo conto.


 

luns, 4 de novembro de 2019

A vida das pingas de Paula Rodeiro (1º C ESO)

Plin, plin, plin !
-Ola! Son unha pinga de choiva e vouvos contar unha historia : a miña.

Caín da nube coas miñas irmás. Eu quería caer no cristal dunha fiestra, para poder facer carreiras coas demais pingas. A ver quen chega antes ao marco da ventá!

Esta vez, tocoume caer nun paraugas. Iso tamén me gusta, porque mentres me escorro pola tea, dou un paseo pola cidade. Non pasa nada, un paseíño nunca vén mal, á próxima vez xa tocará correr.

Para gañar unha carreira de pingas hai que conseguir moitos cómplices, porque cantos máis teñas, máis rápido vas.

Eu un día xunteime con cinco pingas, e fomos tan rápido que gañamos a carreira. A min gústame ser unha pinga, pero ás veces me pregunto por que a xente escapa de nós, se non facemos mal ningún.

As miñas irmás están de acordo comigo, por que a xente se mete na casa cando aparecemos? Parecerémoslles feas ? O que creo que pasa en realidade é que non saben apreciar a nosa beleza. Somos transparentes.

Hai algo mellor que iso ?

Conto popular: "O sapo e o raposo"

Para traballarmos a estrutura do conto popular, nas aulas de 2º da ESO vimos este vídeo baseado no conto "O sapo e o raposo" e traballamos os seguintes aspectos: 1. Argumento do conto. 2. Estrutura: introdución, nó e desenlace. 3. Caracterización das personaxes. 4. Referencias temporais e espaciais. 5. Tema do conto.

venres, 25 de outubro de 2019

O gato e o rato, conto de Diana e Noa (2º B)

Aquí vos deixamos a adaptación do conto "O gato e o rato" que escribiron Noa e Diana e na que participaron María e Antía como actrices ou operadoras de cámara.

No Samaín

Xa que axiña chega o Samaín, no Monte das Moas comezan a aparecer polos corredores os morcegos, as caveiras e as pantasmas. Hai convocados concursos de Microrrelatos de terror e exposición de caixas terroríficas e abelorios con castañas. Para ambientar estes traballos, nas aulas de 1º e 2º da ESO escoitamos estas cancións do Samaín.

 

Arredor de si de Otero Pedrayo

Estivemos lendo algúns fragmentos da novela de Otero Pedrayo, Arredor de si e puidemos ver este traballo feito por alumnado de 1º da ESO do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía debuxando unha das pasaxes da novela .

martes, 22 de outubro de 2019

Otero Pedrayo

Para comezarmos a estudar a obra de Ramón Otero Pedrayo empregamos esta presentación e vimos a súa biografía neste enlace.

venres, 18 de outubro de 2019

Vicente Risco

Para coñecer a figura de Vicente Risco vimos este breve vídeo coa súa biografía.

Para ilustrar as caricaturas da sátira O porco de pé vimos este vídeo que recolle os cadros de Xabier Varela que se expuxeron na Fundación Vicente Risco en Allariz.

 

Tamén lemos a lenda e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán recollida no Concello de Pereiro de Aguiar.

Vimos o trailer da curtametraxe feita coa adaptación da obra Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros.

 


E, por último, quixemos coñecer algo máis sobre a historia de Blanco Romasanta, o Lobishome galego, que inspirou o discurso de ingreso de Vicente Risco na RAG.


 

xoves, 17 de outubro de 2019

O xénero e o número

Nas aulas de 2º da ESO estamos traballando sobre o xénero e o número e para completar a práctica estivemos facendo os exercicios propostos na páxina de galego.eu Exercicios sobre o xénero Exercicios sobre o número

Xeración Nós

Para comezar a coñecer o traballo da Xeración Nós nas aulas de 4º da ESO estivemos vendo este vídeo que en clace humorística tenta relacionar a figura da cantante islandesa Björk cos postulados dos homes da Xeración Nós.

Ademais empregamos esta presentación para explicar as características máis importantes do Grupo Nós.


 

venres, 11 de outubro de 2019

Variedades dialectais

Para ouvirmos exemplos de diferentes falas dialectais do galego nas aulas de 4º da ESO vimos este vídeo que recolle testemuños dalgunhas variantes de zonas galegas.

 

mércores, 9 de outubro de 2019

A praia dos afogados

Nas aulas de 2º da ESO lemos un fragmento da novela A praia dos afogados de Domingo Villar. Tras a lectura vimos o trailer da película protagonizada por Carmelo Gómez.


 

Tamén vimos este vídeo no que se fala do roteiro que o Concello de Nigrán organizou polos lugares nos que se ambienta a novela.

  

luns, 7 de outubro de 2019

Sobre da morte do Bieito de Rafael Dieste

Nas aulas de 4º da ESO lemos e o relato que Rafael Dieste publicou na obra Dos arquivos do trasno para traballar os conceptos de narrador e de punto de vista. Despois vimos a curtametraxe baseada neste conto para que tentasen inspirarse na creación de relatos de terror para participar no Concurso de Relatos de Terror do Samaín.

 

O corvo e a raposa

Para estudar os diferentes xéneros literarios, nas aulas de 2º da ESO estivemos lendo diferentes textos, entre eles algunhas fábulas, coma esta que está debuxada con area.

 
FÁBULA (Versión galego) from Adarme Visual on Vimeo.

xoves, 3 de outubro de 2019

Ramón Cabanillas, "Poeta da Raza"

Para traballar a figura de Ramón Cabanillas comezamos por ver esta biografía e mais un vídeo coas súas principais obras.

 Lemos e analizamos o poema "En pé"

 

Noriega Varela

Para coñecer a figura de Noriega Varela comezamos por ver esta biografía sobre o autor. Lemos varios poemas como "As floriñas dos toxos" do que vimos este recitado do alumnado do IES Salvador de Madariaga para despois analizar o poema.  

  

Tamén lemos o poema "Toda humilde beleza". Foinos útil esta páxina co poema comentado.

mércores, 2 de outubro de 2019

Irmandades da Fala

Nas aulas de 4º da ESO comezamos a estudar o período da literatura do primeiro terzo do século XX e investigamos sobre o labor das Irmandades da Fala.

Para introducirnos no tema vimos estes vídeos onde se conta a historia da fundación en 1916 na Coruña da primeira Irmandade, así como a posterior evolución desta institución.

As Irmandades da Fala | Videoremix from Illa Bufarda on Vimeo.

As Irmandades da Fala from Portal das Palabras on Vimeo.

Tamén vimos estoutro vídeo sobre a figura da mestra Elvira Bao que foi importante no ensino da época das Irmandades na cidade da Coruña e na escola do hospital de Oza. Nesta entrevista fala a súa filla.

Galicia encantada, mostras da literatura oral

Nas aulas de 2º da ESO traballamos os diferentes xéneros da literatura oral e para ler mostras reais visitamos a páxina de Galicia Encantada.

Puidemos ver os diferentes tipos de literatura oral coma contos, lendas, romances, cántigas, etc e lemos os que escolleron @s alumn@s de cada grupo.

mércores, 25 de setembro de 2019

Bala perdida de Manuel Rivas




Nas aulas de 1º C todos os mércores a última hora da mañá dedicarémoslla á lectura. Esta semana comezamos coa lectura de Bala perdida de Manuel Rivas. A ver que sorpresas nos dá este pirata!!

Compromisos de 2º B co galego

1. Falar galego máis a miúdo.

2. Pedir que se traduzan series e filmes ao galego.

3. Crear unha páxina web ou blog sobre as festas e a cultura galega.

4. Ensinarlles o galego aos estranxeiros.

5. Facer deporte en galego.

6. Falar o galego en diferentes sitios.

7. Falarlle galegos aos nenos e aos fillos.

8. Falar galego cos avós.

9. Convencer a xente de que non hai que avergoñarse de falar galego.

10. Pedir que haxa máis xornais en galego.
 
11. Facerse influencer e falar galego.

12. Facerse youtuber en galego.

13. Pedir que participe unha canción en galego en Eurovisión.

Ethnologue, as linguas de Europa




Para obter información sobre as linguas de Europa, o alumnado de 2º da ESO acudiu á páxina de Ethnologue e despois expuxeron os datos aos demais compañeiros na aula.

E os protagonistas d'Os defuntos falaban castelao tiveron esta nova vida


A parella escapou ás aforas de Galicia, alá por Ponferrada. A tía e o avó iniciaron unha expedición para atopar a súa sobriña/neta. Por desgraza, non a atoparon, e a tía rematou caendo por un precipicio ao ir andando sen mirar.

O avó gañou a lotería e doou todo a ONG, e pouco despois morreu de vello. A parella tivo sete fillos e viviron moi felices, sen excesivas preocupacións. O marido fíxose empresario e a muller atleta profesional.

Os do bar preto do camposanto tiveron unha boa vida, e o gato e mais o can fixéronse amigos. Nunca máis volveron ao camposanto por medo aos falecidos, ao "castelao" e ás maldicións que puideran contraer.

A parella protagonista, xa casada, viviu moitos anos cos seus fillos, que de maiores foron dous cantantes(Antía e Branca), dous científicos(Breixo e Xoán), dúas mestras(Carme e Lúa) e o outro pintor(Brais). Estes tiveron fillos, e a parella converteuse nunha parella anciá, co paso dos anos, e foron avós.

Daniel Varela Cacharrón e Óscar Juanantey Orol (2º B)

Literatura galega oral





Para completar o estudado nas aulas de 2º da ESO sobre a literatura oral galega, revisamos esta páxina da AELG para vermos mostras reais de cada un dos xéneros traballados.

As viaxes de Exeria




Para completar a lectura do fragmento da obra Exeria nos límites do mundo de Arturo Iglesias vimos este vídeo elaborado polo alumnado do Club de Lectura do Monte das Moas o pasado curso e aprendemos algo máis sobre as viaxes de Exeria.

martes, 24 de setembro de 2019

O galego, lingua minoritaria?



Para reflexionar sobre o concepto de lingua minoritaria vimos este vídeo que nos axudou a reparar sobre a situación do galego no contexto lingüístico mundial e ver a súa fortaleza como lingua presente na internet.

Tamén vimos estoutro vídeo de Manuel Núñez Singala sobre a posibilidade de escollermos ser, cando menos biblingües, neste contexto no que nos tocou nacer ou vivir.



E por último despois de ver estoutro, cada persoa elaborou unha listaxe de cousas que poden facer para mellorar a situación do galego.

 

Ditongos e hiatos

Nas aulas de 2º ESO estivemos repasando a teoría dos ditongos e hiatos que podedes consultar nesta ligazón.


Club de Lectura

 


Neste curso comezamos unha nova edición do Club de Lectura, Lecturas Rebuldeiras do IES Monte das Moas, onde hai lecturas en galego en todos os niveis desde 1º da ESO a 1º de Bacharelato.

Este ano ademais por primeira vez se organizará un Club de Leitura em Português para os niveis de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato.

Podedes estar atentos ás noticias do noso club de lectura no noso blog.

Castelao e os irmáns da liberdade


Nas aulas de 4º da ESO comezamos a ver este documental sobre a figura de Castelao e a época do exilio para coñecemos un pouco máis aspectos da vida do escritor, político e debuxante do que leremos a obra Os dous de sempre.


A Música de A Banda Sen Futuro


Nas aulas de 1º da ESO lemos un fragmento d'A banda sen futuro de Marilar Aleixandre para traballarmos cuestións de léxico e de contido.

Aproveitando esta lectura vimos este vídeo no que se recolle a música que lle gustaba a Carlota entre eles os grupos Aerosmith, U2, Derribos Arias, Os Resentidos ou Siniestro Total.

luns, 23 de setembro de 2019

Polifemo e Ulises

Nas aulas de 2º da ESO lemos un fragmento da Odisea de Homero, en concreto o episodio en que Ulises vence o ciclope. Traballamos cuestións de léxico e arredor do contido. E para completar o traballo sobre este heroe vimos un fragmento do filme.




venres, 20 de setembro de 2019

Os defuntos falaban castelao

Nas aulas de 2º da ESO viron a curtametraxe Os defuntos falaban castelao baseada nun conto de Ánxel Fole e a partir dela por parellas continuaron as historias dándolles un remate diferente. 

Acción galega de Ramón Cabanillas

Para introducir o tema do Agrarismo e da poesía cívica de comezos do século XX, escoitamos este poema de Ramón Cabanillas versionada por Nao que posteriormente analizaremos para resaltar os contidos e os trazos máis representativos da poesía agrarista.


Os vellos non deben de namorarse de Castelao






Nas aulas de 4º da ESO comezamos coa lectura dramatizada da obra teatral escrita por Castelao e estreada en Bos Aires no ano 1941, Os vellos non deben de namorarse e que podedes ler neste enlace.

Reflexionando sobre a Igualdade

Nas sesións de titoría de 2º B aproveitamos para ver diferentes curtametraxes ou cancións que tratan sobre o tema da igualdade entre homes e mulleres, entre rapazas e rapaces. Con esta curtametraxe reflexionamos sobre que é iso de facer as cousas "coma unha nena" para que debatesen sobre os prexuízos que xeralmente se asocian aos diferentes xéneros.


 

Escoitamos esta canción de Bomba Estéreo, Soy yo, para reflexionar sobre conceptos como a autoestima e a seguridade en si mesm@.

 

 Tamén vimos este videoclip dunha canción húngara que reflicte sobre a presión da imaxe á que é sometida a muller hoxe en día.

 

Vimos este videoconto titulado La Cenicienta que no quería comer perdices que trata sobre a tristeza dunha muller que vive cunhas tarefas que non lle gustan e unida a un home que non a fai feliz. Conta como decide mudar de vida e pensar nela mesma.

 

E para rematar escoitamos o audioconto narrado polo alumnado do CEIP Quintela de Leirado sobre o conto Artur e Clementina, unha tartaruga que quere fuxir ao seu triste destino cunha parella que non a entende e a enche de cousas innecesarias para tentar ser feliz.

 

xoves, 19 de setembro de 2019

A formiguiña, canción para 1º da ESO


Para rematar as aulas desta primeira semana de curso a rapaada de 1º da ESO cantou esta canción que podedes ver nas súas versións galega e brasileira.




A maior flor do mundo de José Saramago



Para comezar a redactar en 1º e 2º da ESO vimos esta curtametraxe adaptación do conto do nobel portugués José Saramago A maior flor do mundo. O alumnado tiña que explicar o seu argumento e tema e mais expresar a súa propia opinión sobre os contidos tratados e elaboraron unha redacción con todo isto.

Ghalegho e outras variedades dialectais

Para tratar os prexuízos cara as diferentes variedades dialectais e ir adiantando contidos de Dialectoloxía nas aulas de 4º da ESO vimos estes tres vídeos protagonizados por rapazada que se exprese nas súas variantes dialectais particulares. Así puidemos ver mostras orais de galego actual de zonas coma Rianxo, Ribadeo e Malpica.





Como resposta a este vídeo o alumnado de Ribadeo falou así

   

 E aínda vimos estes consellos elaborados polo alumnado do IES Urbano Lugrís de Malpica para ensinarnos a falar malpicán.


O galego na Coruña



Para reflexionar sobre as actitudes e usos da lingua galega na nosa cidade vimos nas aulas de 4º da ESO este vídeo elaborado por alumnado do Colexio Fogar de Santa Margarida.

Tras o visionado puidemos reflexionar sobre diferentes actitudes e prexuízos cara a lingua galega expresados polas persoas entrevistadas. Tamén definimos conceptos como normalización lingüística e normativización, conflito lingüístico e diglosia, lingua minorizada e lingua minoritaria, que serviron para introducir contidos de Sociolingüística estudados este curso.



HOMENAGEM A LUÍS DE CAMÕES