luns, 1 de marzo de 2021

Tres catorce dezaseis de Rocío Leira Castro, recensión literaria de Marta Fernández Bernardo (4º ESO A)

Tres catorce dezaseis é unha novela da autora ceense Rocío Leira Castro, coa que chegou a ser finalista na última edición dos premios Jules Verne de Literatura Xuvenil. É unha novela policíaca ambientada no mundo das matemáticas.

A autora está licenciada en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela e desenvolve o seu labor en Santiago de Compostela dirixindo un centro de formación para universitarios. No ano 2009 gañou o X Certame de poesía para novos creadores Díaz Jácome e no 2012 o segundo Premio Anduriña Voandeira. Escribe narrativa e poesía.

As personaxes principais son Silvia, unha alumna da Universidade compostelá, e Benavides, o seu profesor de matemáticas.

Outras personaxes que aparecen son, varios alumnos da institución e o pai de Silvia.

A historia comeza cando, despois dun asasinato, un profesor do Campus da Universidade compostelá chamado Benavides recibe un correo electrónico cunha imaxe dun cadáver e unha mensaxe convidándoo a xogar.

Os correos chegan en ocasións acompañados de fotos que demostran que só o autor do crime pode estar detrás desas mensaxes, polo que o profesor acepta a proposta e trata de resolver o misterio.

Para iso, conta coa colaboración de Silvia, unha das súas alumnas, boa nos xogos de lóxica, que parece interesada en axudar ao profesor nas súas investigacións.

Despois dese primeiro asasinato comezan a producirse máis e, mentres tanto, chegan novos xogos de lóxica que agochan novas pistas.

Silvia e Benavide van contrarreloxo na resolución do caso, pero cada vez están máis preto do final.

A trama do libro dá un xiro cando se descobre que hai unha historia anterior e que foi a causante dos crimes e do xogo.

Para coñecer o desenlace deste misterio deberedes ler o libro…

Na miña opinión é un libro bastante sinxelo de ler, cun vocabulario fácil. É entretido, xa que se propoñen adiviñas ao longo do libro, as cales podes intentar resolver xunto cos protagonistas, meténdote así ti tamén na historia.

Ademais aprendes sobre as matemáticas e a súa historia de forma amena, e para nada aburrida.

Paréceme que é un libro que merece a pena ler se queres pasar un bo anaco resolvendo misterios.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Recensión sobre o filme Matria de Ana M. Polanco Ramos (1º Bach B)

E ste trimestre elixín ver a película Matria . Esta obra conta a vida de Ramona, unha muller á que lle suceden diferentes problemas ao longo...