xoves, 15 de decembro de 2022

A diversidade lingüísitica, Saray López Cabanas (1º Bach B)

O autor defende a diversidade lingüística. Considera as linguas como unha forma de identidade, necesaria para as persoas, e busca promover a súa conservación. A forma na que se está a desenvolver o mundo na actualidade, que é un mundo cada vez máis globalizado, contribúe a que moitas linguas rematen caendo en desuso, sendo substituídas por outras predominantes, que son as máis empregadas. 

Como se expón no texto, entre dúas ou máis persoas cuxos idiomas non teñen ningunha relación entre si (coma no caso do francés e o coreano), acordar o uso dunha lingua en concreto (normalmente o inglés, por ser unha lingua bastante simple e que moitas persoas coñecen) é moi útil, posto que facilita a comunicación entre eles. 

Porén, noutros casos nos cales si existe unha relación entre esas linguas (coma o francés e o italiano) e a comunicación poderíase levar a cabo perfectamente, empregar unha lingua diferente unicamente por ser maioritaria supón un problema. 

Para tratar de evitar esta redución do uso que lle damos á nosa propia lingua que, como defende o texto, é parte da nosa identidade, -ao ser parte da nosa cultura-, é necesario promover o seu uso, tomando medidas coma as traducións en lugar de empregar outras linguas e así tratar de facer desaparecer esas diferenzas entre elas, xa que todas as linguas deberían ser igual de válidas e empregadas polas persoas.

HOMENAGEM A LUÍS DE CAMÕES