domingo, 1 de decembro de 2019

Castelao inventou os memes e os selfies??, reflexión de Aquel-e

Estas semanas estamos descubrindo e analizando a obra plástica de Castelao e para resaltar a vixencia e a actualidade da obra do multifacetado autor rianxeiro, imos ver este vídeo de Aquel-e onde reflexiona sobre a relación da súa obra coa creación dos memes actuais e a importancia de todas as imaxes creadas por el como testemuño das realidades sociais da súa época.

Estrela na alba, o pensamento político de Castelao

Neste vídeo podedes escoitar diferentes fragmentos dos ensaios políticos de Castelao e ver ademais as imaxes do traslado dos seus restos desde a Arxentina ao Panteón de Galegos Ilustres en Bonaval no ano 1984.

Fotobiografía de Castelao

Déixovos aquí este vídeo con imaxes interesantes que ofrecen un percorrido cronolóxico pola vida do escritor, ensaísta, pintor e político máis destacado do Grupo Nós.

"Que é o medo?" de Sara Sanz (4º A), relato de terror gañador no Certame de Relatos do Samaín


Que é o medo? de Sara Sanz (4º A)
Relato de terror gañador no Certame de relatos de terror do Samaín

A vida dá máis medo que as historias que nos contan ás catro da mañá.

Pregúntalle que é o medo á muller que vive cun monstro durmindo ao outro lado da cama, que teme que algún día os seus berros queden afogados entre catro paredes tinguidas de vermello.

Pregúntalle que é o medo ao neno que vive rodeado das pantasmas que a guerra deixa inexorablemente. Ao neno que non coñece máis nanas que os estremecedores bombardeos, nin máis casa que as ruínas que escriben a dor na pupila de todo aqueles que as contemplan.

Atrévete a preguntarlle que é o medo a aquel que convertemos en demo só por ser diferente. Que engaiolamos nun cárcere de pecados por medo a que ame e sexa quen realmente é.

Pregúntalle tamén as mulleres Frankenstein que só buscan seguir os cánones de beleza que establecen con aires despóticos as revistas. Pensas que entre tanto botox non hai medo a non ser o que a sociedade quere delas?

Dille á Terra que che conto como se senten as torturas que lle facemos. Que che diga que ten medo a morrer de calor, sen ser bruxa queimada no lume.

Así que si, se queres sentir medo ve as noticias, le o xornal.

Iso si que provoca un arrepío instantáneo.


HOMENAGEM A LUÍS DE CAMÕES