mércores, 2 de marzo de 2022

Un animal chamado néboa de Ledicia Costas, recensión de Sofía López Caridad (1º Bach A)

A autora desta novela chamase Ledicia Costas. É unha escritora galega que naceu en 1979, licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo. Mentres cursaba os seus estudos os seus relatos e poesías gañaron diversos premios literarios convocados pola universidade. Empezou a escribir desde moi nova, sendo unha autora versátil que trata os máis diversos temas, estilos e xéneros.. A súa primeira novela publicada Unha estrela no vento foi escrita cando era unha adolescente. As súas outras obras, pertencentes na súa gran maioría ao xénero infantil-xuvenil, recibiron importantes recoñecementos, entre eles o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no 2015.

A novela narra sete relatos cruentos, brutais e inhumanos ambientados na Segunda Guerra Mundial. Todos eles constrúense a partir de distintas situacións durante o conflito bélico. Está escrita de forma directa, introducindo o lector nos relatos pero sen perder o contexto histórico do que se está narrando.

O primeiro e segundo relato son narrados en Leningrado, actualmente San Petersburgo, neles móstrase a historia de dúas familias que viven nunhas terribles condicións, debido ao asedio dos alemáns arredor da cidade, tentando sobrevivir e loitando contra a fame que se manifesta permanentemente durante esa época facendo estragos na mente dos que aínda permanecen vivos levándoos a cometer atrocidades.

O terceiro e cuarto relato están narrados en Estados Unidos. O primeiro conta a historia do afundimento do buque USS Indianapolis mesturando a narración do capitán do barco, Charles McVay e un rapaz que anos máis tarde descobre a historia do naufraxio. O segundo conta a terrible acción das bombas atómicas e as consecuencias que estas teñen, en poucos segundos, sobre unha cidade; arrasando todo ao seu paso.

O seguinte relato narra a barbarie das torturas producidas por Pietro Koch en Italia. Neste episodio narrase a través de varios interrogatorios o sufrimento perpetuo de varios presos que loitan pola súa vida e por recuperar a súa patria.

O sexto relato narra a historia de Martha, unha muller que foi levada a un campo de concentración e posteriormente trasladada a os sonderbauten, barracóns destinados a prostituir mulleres. Arredor de trinta e cinco mil mulleres foron protagonistas destas aberracións.

Por último, o sétimo relato narra os xuízos de tres altos cargos nazis durante os xuízos de Nüremberg. Os xulgados son Hermann Göring, Rudolf Hess e Adolf Eichmann. Rememórase os crueis acontecementos provocados polo Terceiro Reich, como o exterminio de millóns de persoas, polos campos de concentración, polos traballos forzados, pola inanición, polas cámaras de gas…

Este libro é moi recomendable e gustoume moito, paréceme imprescindible lelo para comprender unha parte da historia relativamente recente na nosa sociedade. Narra uns relatos arrepiantes sobre os sucesos ocurridos durante o conflito bélico, da Segunda Guerra Mundial. A destrución da condición humana, situacións na que as persoas eran capaces de humillar a outros ata tal extremo, como a torturar e planificar a súa morte e destrución lenta. Pero tamén, existían outras situación nas que te preguntas ata onde chega a infinita capacidade humana de resistir ou o que un é capaz de facer para sobrevivir.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

VOCABULÁRIO DAS PROFISSÕES EM PORTUGUÊS

A turma de Português 1º ESO elaborou estes cartazes com o léxico das profissões em português.