A historia comeza cando, despois do enterro do Director do Eco de Vigo, o seu fillo Antonio recibe unha mensaxe electrónica a nome do seu defunto pai: “Tes ata ás 10”.
A partir dese momento Antonio tentará coñecer quen está detrás deses correos, e cal é o seu cometido. Con axuda de pistas e máis gmails que recibe, vai descubrindo o verdadeiro pasado do seu pai. Nesta pescuda contará coa axuda da súa compañeira de traballo, Celia, coa que mantén unha relación amorosa.
A medida que achan novos descubrimentos, serán conscientes das limitacións que había no ámbito xornalístico, e para a sociedade en xeral, durante o réxime franquista; as historias de amor que tiveron que quedar ocultas polo pensamento da época, e das penurias dos matrimonios concertados.
É un libro no que cada vez que pensas que a historia remata dun xeito, os acontecementos dan voltas sen que o esperes para coller outro rumbo completamente distinto; no que as historias das personaxes únense e mestúranse dunha forma incrible; no que formas parte da investigación e vas descubrindo a verdade á vez que o protagonista, e no que as principais pistas son citas referidas a libros clásicos coma “A illa do tesouro” ou “Vinte mil leguas baixo dos mares”.
Se che gustan ese tipo de historias, recoméndoche que leas “Tes ata ás 10”, porque estou segura de que este libro está feito para ti. Na miña opinión é unha novela entretida que consegue manter a intriga ata o final e que, no desenlace do misterio, da tantos xiros á historia que te fai quedar coa boca aberta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario