domingo, 22 de maio de 2022

Tres catorce dezaseis de Rocío Leira, recensión de Pablo Liste González (1º Bach B)

Tres Catorce Dezaseis trátase dunha novela policíaca ambientada no mundo das matemáticas.

Este libro está escrito por Rocío Leira, nacida en Cee no ano 1979. É licenciada en Matemáticas pola Universidade de Santiago e actualmente desenvolve o seu labor dirixindo un centro de formación para universitarios. No ano 2009, gañou o X Certame de poesía para novos creadores Díaz Jácome, e no 2012 o segundo premio Anduriña Voandeira. A súa obra componse de narrativa, narrativa infantil/xuvenil e poesía.

Por este libro, Rocío foi finalista do XI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

Antes de comezar co resumo cabe destacar que se nos presentan dúas personaxes principais, o profesor de Matemáticas Benavides e unha das súas alumnas da universidade, Silvia.

Tamén aparecen outras personaxes como máis alumnos ou o pai de Silvia, pero estes terán menor relevancia na historia.

A historia comeza no Campus da Universidade de Santiago onde aparece un alumno asasinado, cando o profesor Benavides comeza a recibir unha serie de correos electrónicos nos que lle propoñen participar nunha serie de xogos de adiviñas para poder resolver o crime. Algúns destes correos chegan con fotografías que verifican que é o asasino o que está ao outro lado da pantalla, polo que Benavides decide aceptar.

Para a resolución destes enigmas conta coa colaboración de Silvia, unha alumna súa da facultade a cal ten unha gran capacidade para estes xogos de lóxica e mostra unha boa disposición para axudalo a resolver os casos.

Tras este asasinato, empezan a aparecer novos e con isto, novos xogos de lóxica que os protagonistas deberán resolver.

Aos nosos protagonistas quédalles pouco tempo para resolver os casos aínda…parece que están chegando ao final, cando, de súpeto, se produce un brusco xiro dos acontecementos que cambiará por totalidade a historia do libro. Este xiro trata sobre unha historia anterior que Benavides e Silvia descobren e que foi o causante de todos os crimes e os xogos de adiviñanzas.

Este cambio final é totalmente impactante, e a mellor forma para coñecelo será lendo o libro...

Na miña opinión, é un libro moi interesante e a ter en conta, xa que non é moi longo e ten un vocabulario moi sinxelo, pero aínda así mantén unha boa trama e todos os acontecementos están perfectamente conectados.

Outra característica do libro é a súa forma amena de ensinar as matemáticas, usando xogos de lóxica para que resulten máis entretidos, así que, por todo isto, recomendo totalmente a lectura deste libro.



 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VOCABULÁRIO DAS PROFISSÕES EM PORTUGUÊS

A turma de Português 1º ESO elaborou estes cartazes com o léxico das profissões em português.