Teño
que dicir que nesta personaxe se nota que Ledicia Costas é autora de
libros infantís e xuvenís, o lector sente e entende os verdadeiros sentimentos do neno, a súa admiración por
unha persoa pegada a un martelo e que a golpes de luz unhas veces,
e golpes de misterio e escuridade outras, crea un universo onde
pasado e presente se mesturan para crear un vínculo indestrutíbel entre avoa e neto.
Aínda
que Sebas é unha personaxe atractiva pola claridade e enxeño co que
describe e afronta a situación familiar, para min a auténtica
protagonista é Luz, porque é o nexo, o fío condutor da historia;
toda a novela xira arredor dunha muller forte, maltratada nun pasado
e atormentada no presente.
Non
é unha avoa normal, tampouco unha nai doada de levar, ten forza, é
descarada, de aí o alcume da súa familia, Animala, co que experimenta unha relación diferente ao longo do tempo, pasa “de odialo durante anos, ata amalo con paixón".
Así é ela, apaixonada no seu comportamento, xa sexa mantendo agochada a verdade sobre o seu
home ou apaixonada facendo rir ao
seu neto mentres describe arroutadas nun xogo de complicidade.
Luz é a
retranca, o enxeño,
a rapidez e lucidez mental no final do camiño, despois dunha vida
difícil, se
ben, é merecedora dos agarimos e apertas dunha filla que terminará
comprendéndoa.
Xulia
representa nesta novela a ponte entre Sebas e Luz, por iso é a
personaxe menos atractiva, representa a normalidade, o día a día
cunha nai difícil, o día a día dunha muller sentimentalmente soa,
chea de dúbidas e de bágoas agochadas.
Para
finalizar,
recomendaría esta novela
a todas aquelas persoas que queiran desfrutar de historias cheas de emotividade, onde situacións cotiáns
se envolven cunha simboloxía que arrepía, onde as flores de
plástico se mudan a flores dos esquecidos e onde os golpes de luz da
memoria dunha vella de oitenta anos
lévana a reecontrarse con ela mesma, con Xulia e descubrir unha nova
forma de ver o mundo con Sebas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario