Nesta obra podemos ler a historia da nosa protagonista, Francisca Porta. Dende a súa madurez, Francisca, nunha residencia da terceira idade, fala co seu compañeiro de vida a través do único retrato que conserva del. Recorda, no seu aniversario, como coñeceu a Agustín Llaneza e o final tráxico que os separou. Grazas á memoria de Francisca coñecemos todas as aventuras das Misións Pedagóxicas levadas a cabo por importantes figuras como Urbano Lugrís ou Rafael Dieste, durante a II República. Estas misións achegáronlle ao pobo a cultura e arte da que sempre estiveron privados; ademais, foi nestas misións onde se coñeceron Francisca e Agustín. A parella viviu uns intensos anos ata o asasinato do seu marido debido á súa ideoloxía política a mans dun grupo fascista.
Paralelamente a esta historia, coñecemos os seus amigos asturianos da residencia; Camilo, un ex-alcalde franquista, e Matías, un ex-mineiro con problemas de memoria por un accidente. A protagonista xoga ao xadrez con Camilo e pasea con Matías; ao longo da historia coñecemos os lazos que os unen coa historia de Agustín. Camilo desfrutaba moito da arte de Agustín, e Matías, a pesar de non estar de acordo coa ideoloxía fascista, pertencía obrigado ao grupo que acabou coa vida deste.Esta historia trata de dar a coñecer anacos esquecidos da nosa historia e recorda a importancia da nosa memoria. Grazas a esta novela vemos a relevancia da cultura e como todos teñen dereito a ela.
Finalmente, recoméndolle a todo o mundo esta novela pois ademais de ser breve, decátaste das voltas que dá a vida e de que todos merecemos unha segunda oportunidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario