Esta historia dá comezo un verán de 1998 cando o doutor Moldes comeza a traballar na clínica psiquiátrica Beira Verde, situada nun pazo magnífico no Baixo Miño. Ocúpase de Laura Novo, unha muller nova e coa memoria borrada a quen ninguén ata ese momento lograra axudar. Laura pasa o día enteiro escribindo de xeito compulsivo o seu nome, aferrada a el comO se non fose capaz de soltalo. O doutor conseguirá achegarse a ela utilizando unha terapia innovadora baseada na lectura e é así como Laura recorda todo o que lle sucedeu nos meses anteriores dende que sentiu a presenza dunha escura sombra na súa vida. Despois desta interesante introdución dos sucesos e dos protagonistas, Laura toma a voz do relato para contar en primeira persoa todos os acontecementos que veñen á súa memoria.
De aí que Lanzós supoña para Laura, ademais do reencontro con Galicia, a posibilidade de retomar o contacto con Carlos Valcárcel (o seu antigo profesor de historia nun amor retomado antes da traxedia) e de lograr o acougo consigo mesma rodeada da natureza, tras tantos anos de vida na cidade. Pero tamén supón o encontro coas supersticións rurais grazas a Moncho, o caseiro da casa rural, que nacen a causa do seu aspecto atractivo e da cor roxa do seu pelo e xiran ó redor da idea da existencia da porta do inferno nos montes de San Simón, onde segundo as crenzas populares dorme a Gran Besta que Laura podería espertar coa súa presenza. Despois do primeiro encontro co medo que esta fábula lle produce, Laura volve a Madrid e descobre o contraste entre a paz e o illamento da casa rural e a animación da cidade e das súas rúas no Nadal. O doutor Moldes, trala lectura da historia de Laura, intenta seguir axudándoa e atopar respostas que completen as lagoas do relato.
Procurando información reconstrúe a viaxe da rapaza dende Vilalba á aldea de Lanzós, percorre San Simón e a Cova de Fornos e acode despois a Porto, cidade na que vive Carlos, quen abandonou Lanzós para estar preto de Laura mesmo sen que ela o soubese. Mais sen querer e dun xeito inexorable, os acontecementos devalan cara ó misterio e Laura desaparece sen que o mesmo doutor Moldes poida atopar unha explicación lóxica.
Este libro foi un dos mellones libros en galego que lin en moito tempo. Os amantes das novelas de terror psicoloxico (aínda que non posúe moito desta temática), misterio e suspense coma min deberían probar a ler este libro xa que, se desfrutas de ler autores coma Carlos Ruiz Zafón ou Stephen King (por exemplo), con este tes ademais a oportunidade de ler nun idioma no que non é moi común ver este tipo de novelas, é unha das mellones opcións para introducirte neste tipo de literatura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario