A autora, Susan Hinton, nada en Oklahoma no 1948, é a responsable da publicación de varias novelas de contexto urbano e realista, entre as que se atopa o seu maior éxito, Rebeldes (The Outsiders - 1966) e outros títulos como A lei da rúa (1975).
Agora, entrando en detalle da historia da obra, é introducida ao comezo da mesma a familia Curtis, conformada polo noso protagonista, Ponyboy, e os seus irmáns, Sodapop e Darry que son orfos debido a un accidente de tráfico que tiveran os seus pais. Tamén se nos dá a coñecer a disgregación social que existe no lugar onde viven, separando a clase media de dúas bandas xuvenís principais divididas pola súa condición social e económica: os Socs, banda cararacterística da clase alta e adiñeirada; e os Greasers, á cal pertencen os Curtis e que se manten aferrada á baixa estima social e ao escaso poder económico, razón de exclusión con respecto ás demais clases.
Xa en contexto da trama, cabe destacar que Ponyboy vive unha vida o máis normal posible baixo o coidado dos seus irmáns maiores e atópase realizando os seus estudos, dato importante máis adiante, co único problema que supoñen os Socs, dando palizas aos seus amigos e abusando do seu poder, sendo así os antagonistas desta historia. Porén, a importancia da banda rival non se amosa o suficientemente importante ata que entran en contacto Ponyboy, Jonnhy, Two-Bit e Dally (outros Greasers) con esta banda de forma abrupta e violenta.
Toda esta situación é ocasionada pola interacción dos mozos nun autocine cunhas rapazas Socs que foron deixadas alí polos seus desconsiderados mozos, as calse comezan a establecer un vínculo cos Greasers, de especial importancia sobre todo entre Ponyboy e a moza de nome Cherry, amosando probas dun posible amor entre bandas. Desafortunadamente, os mozos das rapazas volven por estas e atopan o grupo saíndo xa do lugar, onde reñen con eles e levan consigo as mozas. Como dato importante cómpre falar do Soc chamado Bob, un dos que se opuxera á xuntanza de bandas e cuxa moza se atopaba reunida con Greasers. Tras este encontro, Ponyboy e Johnny (o cal é un dos mellores amigos do protagonista e aproximadamente da mesma idade ca o mesmo) van charlar a un descampado que frecuentan no que quedan dormidos, motivo polo que Ponyboy regresa á súa casa apurado para rematar recibindo a un Darry que malla nel como castigo por andar perdido a tan tardías horas, o que ten como resultado unha fuxida do irmá menor para buscar ao orfo Johnny.
É entón cando a trama se complica drasticamente, pois Ponyboy e Johnny son asaltados por un grupo de Socs entre os que se atopa o xa antes mencionado Bob, o cal é apuñalado por Johnny mentres intenta afogar nunha fonte o seu amigo. Desesperados polo que puidese supoñer a morte dunha persoa de ademais clase máis alta ca eles, van buscar axuda en Dally, o cal lles proporciona diñeiro e un refuxio nunha igrexa afastada do lugar onde viven, así como unha arma para defenderse se xurdise a ocasión, rematando os dous mozos como fuxitivos da lei. Aínda máis, e xa pasado un tempo, a igrexa incéndiase nunha excursión escolar, e Ponyboy, Dally (que estaba facéndolles unha visita) e mais Johnny (o cal consideraba entregarse) van rescatar os atrapados no lume, aínda que o segundo resulta ferido de gravidade no brazo e Johnny é ingresado nun hospital polas súas feridas.
A continuación, a familia Curtis reúnese no hospital e vai loitar xunto cos demais Greasers, incluído Dally recén escapado do hospital, nunha pelexa de bandas cos Socs, da que saen vitoriosos. Desgraciadamente, Johnny morre no hospital, Ponyboy é absolto dos crimes e Dally, guiado polas emocións do falecemento rouba unha tenda e fai que a policía lle dispare, morrendo tamén. Ponyboy, traumatizado polas mortes dos seus amigos, ten que afrontar os conflitos na súa casa especialmente con Darry, que estritamente lle reprocha as súas notas, conflitos que son resoltos grazas á intervención de Sodapop, reconciliando a familia. O libro remata co protagonista explicando que, como xa foi dito, este estudante, escribe a historia como redacción para os seus estudos.
Dende a subxectividade, resultoume unha gran obra de reflexión social e de notable cualidade narrativa, dando un enfoque claro e conciso do contexto das bandas americanas da segunda metade do século XX, así como unha impresionante creación e desenvolvemento dos personaxes, e recomendaríalla a calquera disposto a entreterse cunha historia de crueza e crítica social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario