domingo, 22 de maio de 2022

A balada dos unicornios de Ledicia Costas, recensión de Marta Fernández Bernardo (1º Bach A)

A balada dos unicornios é unha obra da escritora Ledicia Costas publicada no 2018.

A historia conta como unha rapariga orfa, chamada Ágata McLeod, vive baixo a tutela da súa tía Cornelia na Escola de Artefactos e Oficios, onde aprenden a construír inventos mecánicos.

A relación coa súa tía non é moi boa e, tras descubrir o que lle está a facer ao seu mellor amigo León, decide fuxir co irmán pequeno do rapaz e co seu fiel amigo Tic Tac, un robot creado por ela.

Emprenden así unha viaxe en busca dunha cura para León antes de que sexa demasiado tarde.

Polo camiño, atravesan novos e interesantes lugares, á vez que perigosos. Conseguen axuda e fan amizades no transcurso da súa busca, mentres que un asasino despiadado lles pisa os talóns.

Ademais, en Londres, o lugar onde comeza e remata a historia, dúas mulleres, líderes do clan das Córvidas e do clan das Albinas, rematan por romper un tratado de paz que fixeran trinta anos atrás tras unha cruenta guerra. Así, Ágata vese envolta nunha aventura na que os corvos e os unicornios son os protagonistas, e na que as historias do pasado e do presente conectan.

Este libro, aínda que parece recomendable para nenos de menor idade, contén escenas cruentas explicadas con todo detalle (facendo referencia aos crimes de Jack o Destripador) e temática moi dura, polo que, aínda que está considerado un libro de fantasía, non debería ser apto para esas idades.

O final da historia queda aberto para unha segunda parte que, a día de hoxe, aínda non se publicou. Nesta falaríase do pasado de Ágata e dos seus pais, e do por que o seu don lle foi arrebatado de cativa.

O libro pareceume fácil de ler e entretido, nalgunhas partes un pouco infantil, pero noutras bastante violento e “gore”. Describe moito os obxectos ou lugares “visitados”, quizais de forma excesiva.

En xeral o libro gustoume, aínda que me quedei coas ganas de saber máis sobre a historia da protagonista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VOCABULÁRIO DAS PROFISSÕES EM PORTUGUÊS

A turma de Português 1º ESO elaborou estes cartazes com o léxico das profissões em português.