Marjane naceu en 1970, nun contexto nacional complicado. O imperio do Xa era moi estrito e conservador, mentres que a familia Satrapi era progresista e revolucionaria (ao longo da trama reflíctese o réxime de abuso de poder ao que están sometidos). Pouco a pouco suxestionada polo ambiente familiar (dos pais, avoa e do seu tío Anush) confecciona así a súa ideoloxía. Marjane aínda é pequena, pero está moi enterada da situación actual o que lle fai ser unha nena problemática na escola. Máis tarde na historia ocorre a chamada “Revolución Islámica”, o que converte o país nunha teocracia totalitaria onde perseguen e matan a todo aquel que se manifesta en contra; tamén obrigan as mulleres a poñer o veo e nos supermercados obsérvase unha gran escasez de comida; en resumo, Irán vólvese totalmente inviable para vivir, e máis sendo muller.
Tras isto os pais de Marjane deciden enviar a súa filla a Viena, onde realizará os seus estudos. Unha vez alí móstrase o enorme constraste entre unha e outra cultura. A liberdade daquel lugar alegra a Marjane, pero co paso dos anos chegan desgrazas e malas compañías, e dáse conta de que non é capaz de adaptarse á vida occidental. Chama os seus pais e volve ao seu país natal, pero as cousas están incluso peor que no tempo do Xa. Aínda que as consecuencias poden ser fatais, Marjane e mais os seus amigos organizan unha festa privada (segundo o réxime non poden consumir alcohol, as mulleres non poden ir sen veo, etc.) como teñen por costume, e o desenlace é o fusilamento dun amigo; isto fai que Marjane reflexione e decida partir e non volver xamais a Irán, a partir dese momento vivirá en París.
Esta novela gráfica pareceume un pequeno acercamento a unha cultura que consideramos moi afastada, observando as numerosas dificultades que están a sufrir os habitantes de países tan conflitivos como Irán. A trama non é fácil de dixerir, pero faite consciente do complicado que é vivir unha vida independente afastada do teu círculo familiar, ademais de ter o teu país nesas condicións.
A obra é marabillosa, os debuxos son moi carismáticos e o modo de narrar a historia é idónea. Unha gran lectura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario