sábado, 27 de febreiro de 2021

Atranco no banco de Manuel Núñez Singala, recensión de Simón Lago Hermida (4º ESO A)

Dous atracadores moi torpes, un rufián banqueiro e unha espelida secretaria, todos estes personaxes coincidirán, por quendas, no salón principal do banco, manténdonos en vilo mediante unha trama chea de disparatadas ocasións, dramas familiares e diálogos hilarantes. Pero non só coincidirán no lugar, senón tamén no obxectivo: roubar, o mesmo banco, o mesmo día e á mesma hora. Don Serafín, o director, intentará quitar diñeiro a poucos, sen que ninguén se decate; mentres que Vanessa por un lado e Lois e Rafael polo outro intentarán dar un verdadeiro golpe mestre. Estes dous últimos parecen algo fervellasverzas, e non son que de esperar ao seu momento, polo que se distraerán cun xogo de palabras que consiste en que un diga un nome e o outro o relacione cunha actividade comercial. Este recurso primará nas aparicións destes personaxes e dará lugar a escenas moi orixinais.

Non esperaba nada menos desta obra, sabendo que foi escrita por un mestre como Singala, autor d’O achado do castro, unha obra realmente boa.

É unha lectura moi divertida e graciosa, onde as risas están aseguradas e, ademais, fainos pensar, aínda que só sexa un pouquiño. É unha lectura sinxela pero que engancha e que fai que a leas dun tirón.

O que máis me chamou a atención é a capacidade do autor para enlear a historia e mesturar os personaxes nun mesmo espazo e nun tempo moi curto.

Este autor gústame bastante e esta obra penso que é moi recomendable para nenos e adultos que queren pasar un bo anaco lendo un libro agradable que aínda por riba che asegura unhas risas.




Mulleres e poder, un manifesto de Mary Beard, recensión de Irene Quintela Valiño (4º ESO A)

O libro Mulleres e poder, un manifesto, é unha tradución ao galego feita por María Alonso Seisdedos do libro Women & Power, a manifesto de Mary Beard. Mulleres e poder, un manifesto foi publicado na editorial Hércules de Ediciones e pertence á Colección PÚRPURA. Esta edición saíu en 2019 e a orixinal en 2017.

A maiores do libro conta cunha introdución ou limiar, un epílogo, referencias a outras lecturas, agradecementos, listaxe de ilustracións e un índice onomástico. En total conta con case 100 páxinas e ten un prezo de arredor de 10€.

Mulleres e poder é un dos varios libros que escribiu Mary Beard, todos de ensaio e cun certo carácter histórico, xa que todos relatan algo relacionado co pasado, principalmente coa Antiga Grecia e Roma. Este libro amosa o xeito en que a historia e o mundo occidental tratou as mulleres, e como comportamentos antigos seguen a afectar hoxe en día.

En canto ao contido do libro e no primeiro lugar temos o limiar, dúas páxinas onde a autora conta un pouco sobre a súa nai e o que lle acarrexou ser muller na súa época. Despois desta pequena introdución empeza o libro falando da voz pública das mulleres, un capítulo ao que merece a pena prestarlle especial atención, é un capítulo onde Mary Beard nos dá algúns exemplos de cando un home lle mandou calar a muller, empezando co primeiro exemplo rexistrado, na Odisea de Homero. Neste capítulo danse varios exemplos, tanto antigos coma outros máis modernos, e en ambos podemos ver unha estrutura común e moi similar. Neste capítulo tamén fala sobre os insultos, ataques e mensaxes por internet, especialmente por Twitter.

O seguinte capítulo trata das mulleres no poder, dános varios exemplos de homes que evitan que as mulleres estean no poder ou que directamente intentan “salvar o goberno das súas mans”. Mary Beard fala un pouco do libro Terradelas e fai un comentario moi interesante analizando brevemente a obra e contando un pouco o tema, tamén fala da historia da Medusa, unha historia que persoalmente resúltame moi interesante e éo aínda máis ao ver a reflexión que fai a autora e como isto se entrelaza coa actualidade, tamén nos dá algúns exemplos onde se usa esta historia contra as mulleres na actualidade (coma nas eleccións de Estados Unidos en 2016 onde puxeron unha imaxe de Perseo e Medusa cambiando as caras pola de Trump e a de Hillary Clinton)

Despois de varias historias máis vén o epílogo, con dous capítulos, un titulado: “Das conferencias ao libro, e do dereito a cometer erros”. Neste capítulo fala das súas conferencias e como as plasmou neste libro e confésanos que se tivera que volver escribir este libro, dedicaríalle máis espazo para defender o dereito das mulleres a cometer erros. O outro capítulo é: “Do libro ao #Metoo e ás reflexións sobre a violación” este é un capítulo moi importante, onde a autora se abre a nós e cóntanos a súa experiencia persoal coa violación. Por último vemos as referencias a outras lecturas os agradecementos e o índice onomástico.

Despois de ler este libro páraste a reflexionar sobre os comportamentos do teu arredor, analizas toda esa misoxinia interiorizada que antes ao mellor pasaba imperceptible aos teus ollos, demóstranos como a misoxinia e o machismo segue a existir nos nosos días, que eu persoalmente xa o sabía, e este libro recomendaríallo principalmente á xente que cre que xa non existe, claramente se xa sabes que existe tamén recomendo ler o libro, porque sempre é moi interesante saber de onde veñen os nosos comportamentos e os do noso arredor, o libro conta e comenta historias moi interesantes, todas diferentes pero unidas por eses trazos comúns de misoxinia. En conclusión, é un libro fascinante, que trata temas moi importantes e que merece a pena ler.

Ardalén de Miguelanxo Prado, recensión de Raúl Doval Amor (4º ESO A)

Hai un tempo tiven o pracer de ler o cómic Ardalén, de Miguelanxo Prado, unha obra con debuxos marabillosos que fala dunha maneira asombosa das enfermidades mentais, concretamente do alzheimer.

Conta a historia dunha muller que vai buscando información sobre o seu avó. Ela ten unha gran intriga de saber o seu pasado, xa que na súa familia sempre foi un tema do que non gustaba falar, ata chegando a prohibir o seu nomeamento. Termina nunha pequena e coqueta aldea entre montañas, entra nun bar da zona para preguntar se alguén sabe algo, e dinlle que busque a Fidel, un veciño que pode ter algunha información.

A muller, chamada Sabela, aluga un cuarto porque vai quedar varios días. Aparece o personaxe Tomás, un vello da aldea que se converte no antagonista, o cal sospeita de Sabela, dicindo que é unha interesada e intentando manchar a súa imaxe. Ao día seguinte a nosa muller vai a casa de Fidel, onde descansan dentro e comezan a falar, Sabela conta toda a historia que sabe da man da súa tía, pero Fidel non recorda nada, só as sensacións da estar polo Caribe, así que pronto remata o seu primeiro encontro.

Fidel ten algo peculiar, a súa mente chega a crear ilusións moi fortes, onde fala e convive con personaxes do seu pasado. Nesas numerosas alucinacións podemos ir comprendendo e trazando, nós mais el, o seu pasado. Repítese a figura do seu amigo Ramón, moi cercano a Fidel co cal terá algún que outro enfado. Podemos ver tamén á súa antiga noiva, unha fada, etc. Ao final nin el sabe de onde proveñen eses recordos, dos cales ni recoñécese.

Nesta recensión non vou a contar o final nin dar máis datos, porque penso que a lectura perdería interese. Persoalmente sinto que é un libro moi interesante, de gran calidade, o recomendaría pola súa historia, os seus debuxos tan peculiares formados pola fusión de numerosos trazos de cores. Gústanme moi os numerosos formatos tamén introducidos entre capítulos, como por exemplo anacos de xornais, revistas, documentos civís,...

É unha obra con momentos sorprendentes, podes chegar a meterte no fío da historia facilmente chegando a engancharte. Por este motivo lin o libro rapidamente e cunha lectura moi bonita. Considéroo como dos mellores cómics que lin ata agora, pode gustar a todos os públicos.

Mentira de Care Santos, recensión de Ainhoa Mosteiro Lago (1º Bach B)

Mentira é unha novela escrita por Care Santos, unha escritora catalá que escribe tanto en galego como en castelán. Con esta novela gaña o Premio Edebé de Literatura Xuvenil en 2015.

A protagonista é Xenia, unha rapaza que leva unha vida do máis normal. É filla única e os seus pais preocúpanse moito por ela. O seu principal obxectivo é sacar boas notas para poder estudar Medicina. Un día, despois de coller un libro prestado, decide botarlle unha ollada ao foro. Dentro chámalle a atención un comentario dun rapaz chamado Marcelo. Aos dous lles encanta, pero teñen visións diferentes. Comezan a escribirse e empezan a coñecerse. As mensaxes do rapaz sempre son breves e nunca son diarios. Ela empeza a sentir algo por el e decide que xa é hora de coñecelo, pero ao parecer el non está preparado. Xenia non se dá por vencida, así que decide ir visitalo pola súa conta. Neste intre descobre que Marcelo non existe, ou polo menos non é el, senón outra persoa pola que se fixera pasar. Xenia séntese enganada e moi doída e aínda por riba descoidara moito os seus estudos.

Pasa un tempo sen saber nada del e cando parecía que xa todo volvera á normalidade, recibe unha carta no instituto. É de Éric, o verdadeiro Marcelo, pero para a súa sorpresa, vén dende un centro de menores! Nesa carta, el cóntalle todo polo que tivo que pasar, punto por punto, e a súa moi dura infancia.

Esta novela, que parece romántica, acaba sendo un thriller onde se ven problemas sociais moi duros como o abandono familiar, a delincuencia xuvenil, a pobreza ou a violencia no caso de Éric, pero despois tamén temos a unha familia de clase media á que non lle falta de nada no caso de Xenia. Hai dous mundos moi diferentes, pero os dous rapaces comparten o seu amor pola literatura. Neste caso fai que se coñezan, pero en toda a novela a literatura é esencial na vida dos dous.

Este libro fanos reflexionar. Éric incluso coa vida tan dura que levou, segue sendo moi sensible. Tamén che ensina a non ter prexuízos, a decatarse de certas realidades, tanto a non crer todo o que ves por internet, como a ver que somos moi afortunados por vivir nunhas circunstancias onde sobrevivir non é nin de lonxe unha das nosas preocupacións. Temos tantas comodidades que, ás veces, non vemos máis alá e montamos un drama por calquera cousa superficial.

Ademais, a autora consegue meternos na novela como se fósemos un dos dous adolescentes.

Recomendo ler o libro xa que é moi fácil de ler, vaite enganchando e ao final reflexionas sobre estes problemas da nosa sociedade sen ningún tipo de tabú.


 

A miña planta de laranxa lima de José Mauro de Vasconcelos, recensión de Brenda Ramírez Vicente (1º Bach A)

A miña planta de laranxa lima
é un dos libros que sempre é bo recomendar, é un gran besteller brasileiro, que fai que o lector sinta que está dentro do libro, que sufra e se emocione en cada capítulo e situación deste. 
 
A historia de Zezé, un neno brasileiro, dotado de gran intelixencia o cal descobre pouco ao pouco que a aprendizaxe leva un gran paso, con referencia á súa idade, e é a perda da inocencia e aquilo fantástico. O protagonista é un neno pobre, que vén dunha gran familia e ás veces sofre algunhas consecuencias debido á súa intelixencia e chegan a calificalo de neno demo. Zezé ten o soño de ser poeta e ter unha boa e tranquila vida no futuro e aférrase a iso sempre que pode ou sempre que unha situación chega e golpea a súa vida. 
 
Persoalmente o libro namoroume, teño que confesar que ao principio custoume un pouco porque só o vía dende un plano infantil, pero no momento en que comezas a ler o libro pensando que o narra unha persoa en vez dun neno de 5 anos, todo cambia. A miña lectura foi emocións, eu sentín a dor, as lágrimas, as risas e a frustración e así mesmo o pasei. Sentín a dor de cada lágrima do neno, a emocionalidade que pon a cada situación. 
 
O libro é como unha evolución constante, recorda a ese instante, ao paso de cando somos nenos inocentes, sen sufrimento directo, onde todo e efémero, onde cada situación pasa e alí queda ao momento en que vamos crecendo sentindo todo aquilo que doe, as inxustizas, a sociedade sobre os nosos ombreiros e os cambios bruscos. 
 
Recomendo este libro ao 100%, é unha marabilla, fácil de ler, emotivo, ben escrito e cunha narrativa incrible.

xoves, 25 de febreiro de 2021

Booktuber de A cabeza da medusa de Marilar Aleixandre, Sofía López Iglesias e Lucía Vecino (4º ESO A)

 

Guitiriz de Carlos Meixide, presentación de Christian Martínez Prado (1º Bach B)

 

Fahrenheit 451 de Ray Bradbury, recensión crítica de Iván Couto Pintor (1º Bach A)

Fahrenheit 451 é unha novela distópica do escritor estadounidense Ray Bradbury. Está considerada como unha das súas mellores obras e foi galardonada co premio de Literatura da Academia estadounidense das artes e das letras e a medalla de ouro do Commonwealth Club of California.

Ray Bradbury comezou a escribir contos nunha biblioteca pública e os seus primeiros traballos vendeunos a revistas a comezos dos anos 40. Entre novelas, contos, poemas e obras de teatro publicou máis de 30 libros.

Fahrenheit 451 sitúanos no S. XXIV, nun futuro distópico no que a sociedade está controlada pola tecnoloxía e na que está prohibida a lectura. Para desfacerse de cada libro ou revista existe un corpo de bombeiros que se encarga de queimar calquera obra que apareza. O protagonista da novela é Montag, un bombeiro que se comeza a cuestionar a súa profesión despois de coñecer a súa veciña Clarisse, unha opositora ás regras do goberno.

A raíz destes encontros con ela, vemos como Montag comeza a darse conta de que quizais haxa algo importante nos libros e pregúntase por que son percibidos como perigosos.

Un día, nun dos seus traballos de limpeza, ve como unha anciá se nega a abandonar a súa casa e préndese lume xunto cos seus libros para acabar morrendo alí dentro, Montag queda impresionado polo compromiso da muller cara os seus libros. Esa noite Montag dáse conta de que non é máis ca un instrumento do goberno que os quere amordazar e ter controlados, e comeza a ler un libro que colleu da casa da señora. Montag descobre que, no pasado, existía un mundo máis alá do control tecnolóxico, no que se permitía a liberdade de pensamento e descubre o poder dos libros e da sabedoría que conteñen para a humanidade. A partir deste momento é onde Montag se dá conta de por que os libros son perigosos para o réxime, de como a lectura nos fai máis intelixentes, e polo tanto libres, e iso é perigoso para o gobernante opresor.

Movido pola súa curiosidade, Montag contacta cun vello profesor e xuntos deseñan un plan para eliminar os bombeiros. Despois de intentar involucrar a súa muller, esta denúnciao e tras discutir co seu xefe, Montag mátao agravando a situación e desátase unha persecución contra el. Montag logra escapar grazas á axuda do profesor Faber e únese a un grupo de persoas obrigadas a vivir no exilio. O seu líder, Granger, explícalle a Montag que entre todos memorizaron todas as obras que leron porque só así poderían salvalos da destrucción e, cando pase o risco, imprimilos de novo recreándoos dende a súa memoria. A novela remata coa cidade destruída pola bomba atómica e coa resistencia como únicos superviventes, e saen do seu escondite listos para comezar de novo e fomentar unha sociedade onde o libre pensamento poida florecer.

Recomendaría a lectura deste libro porque nos fai reflexionar sobre como non debemos aceptar as regras impostas sen cuestionarnos o que isto acarrexa ou como unha sociedade sen libros estaría condenada á ignorancia. Ao longo da historia, hai centos de episodios coma os que se reflicten na novela, na que o ditador de turno, queima as obras que poden facer que o pobo cuestione o seu liderado ou poida pensar libremente, xa que a lectura fainos máis intelixentes e ofrécenos as mellores armas para loitar contra a ignorancia e recoñecer os nosos dereitos e liberdades.

A dúbida de María Reimóndez, recensión crítica de Patricia Mena Cruz (1º Bach B)

A dúbida é unha novela escrita por María Reimóndez. Naceu no 1975 en Lugo e actualmente ten 46 anos. É unha escritora, tradutora e intérprete de carácter feminista por convicción. Ten unha gran cantidade de libros publicados, cada un deles con numerosas edicións. Cultiva tanto a narrativa, a poesía como o ensaio e o teatro.

Nesta novela, María Reimóndez cóntanos a historia de Deli e Vicente, unha parella que leva xunta dende a adolescencia, e un bo día a policía chama á porta da súa casa dicindo que teñen que levar ao cárcere a Vicente por abuso de menores. Nese momento os dous quedan sorprendidos, pois eles eran unha parella normal e corrente, el traballaba na política e ela era economista.

Deli está completamente segura de que o seu marido non é culpable, pois os seus mellores amigos teñen unha filla que adora a Vicente, case todas as fins de semana Ana queda na súa a casa e xogan xuntos. Pero iso non fai que Deli poida tranquilizarse, ela sabe que todo vai saír na prensa.

Días despois desvelan que a nena que denunciara por abuso sexual fora Ana, cousa que ninguén esperaba despois da boa relación que tiñan. Vicente díxolle á súa muller que iso debía ser cousa de Ricardo, xa que había uns días vira unhas contas raras no seu ordenador. Ela comezou a investigar pola súa conta, pasaron os días e seguía sen atopar nada. Chegou o primeiro día de xuízo, todo estaba a favor de Vicente, pero Deli sabía que había algo raro.

A partir deste momento comezan a desvelarse cousas que poderían cambiar as súas vidas, pero para sabelo hai que ler o libro.

Este libro reflicte o temor de todas as mulleres e nenas de ser violadas, xa que a día de hoxe non te podes fiar de ninguén. Tamén podemos ver esa valentía por parte das mulleres para que se algún home as viola denuncialo, aínda que algunhas veces dea medo.

Recomendaría este libro a todas as persoas. Penso que as violacións son algo que está moi presente na actualidade e co que deberíamos loitar. Non ter medo a contalo e denunciar para que non vaia a máis.

mércores, 24 de febreiro de 2021

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa de Antonio M. Fraga, recensión literaria de Diego Vilela Quintela (4º ESO A)

Esta novela de Antonio Manuel Fraga está principalmente inspirada nos nenos que tiñan que estar no Sanatorio Marítimo de Oza, pero ademais disto, adaptou a historia para engadirlle máis trama e así poder ter entretido o lector e facer que queira ler outro capítulo.

É unha novela relativamente curta, que está estruturada en 21 capítulos, todos eles acompañados con algunhas ilustracións de Víctor Rivas, que fan a lectura moito máis amena, ademais que ás veces cambia o estilo da letra, ambientando o texto nun manuscrito.

Este libro trata dun rapaz de aldea, chamado Suso, ao que, dende hai pouco tempo, lle comeza a doer a cabeza seguido e a estar cansado. A partir de aí, a nai decide levalo ao médico da vila, e este recoméndalle pasar un verán de repouso e descanso ao Sanatorio Marítimo de Oza. Cando colle o tren coñece a unha nena da súa idade chamada Tila, ademais de coñecer tamén a un grupo de abusóns cos que tempo despois no sanatorio se pelexará cun deles. Tila ten un libro científico da súa tía bióloga Anxos, no que conta datos sobre algunhas das criaturas mitolóxicas que se contan en lendas por Galicia. Ademais, Anxos encargoulle unha tarefa para facer a Tila sobre unhas criaturas que se atopan saíndo da auga no sanatorio segundo lendas da zona.

Case toda a novela xira en torno a este acontecemento que van ter que investigar durante toda a súa estadía nese verán de 1933. O sanatorio está dirixido por unhas monxas, que entre outras cousas dan clase e encárganse de vixiar os rapaces, ademais teñen un horario de clases, actividades e comida moi estritos. Para poder ver o acontecemento deberán escapar do sanatorio pola noite e estar na praia ata que saian unhas criaturas que mudan de pel na beira do mar. E non resumo xa nada máis da novela, xa que falta por dicir todo o que pasa na trama da novela, pero non o vou contar, xa que me parece a parte máis
interesante, e a verdade é que me gustaría que leades este libro nun futuro próximo.

O libro gustoume moito, xa que non é nin moi longo nin moi curto, e sobre todo porque a trama principal da novela e as misións que van ter facer son moi divertidas e entretidas ambientadas na nosa zona, á parte de ter e utilizar unha linguaxe elaborada e tratada con moito detalle.

Para min, está moi ben ambientada nesta zona da Coruña e sobre todo porque a estadía que pasou o protagonista neste lugar pode ser perfectamente un exemplo de xente que o habitou no seu día. Como ben narra a novela, o sanatorio está composto polos pavillóns de colonias (nos que estaban os escolares), un pavillón cirúrxico, o hospital de Oza e a batería de Oza ou O Fortín, onde estaban as cociñas e os comedores das colonias.

Antigamente, o hospital era utilizado para a xente con tuberculose ou con síntomas desta enfermidade, que se baseaba nunha bacteria que afecta aos pulmóns, pero tamén a outros órganos. É unha enfermidade infecciosa que se contaxia polo aire e que está presente aínda nos nosos días, pero agora hai medicamentos entre outros tratamentos para curala. Pero antes era unha enfermidade moi eficaz e coa que moita xente morría, e por iso era bo diagnosticala rápido.

Respecto ao pavillón cirúrxico, hoxe en día é propiedade do SERGAS, e está en perfecto estado, conservando as salas de cirurxía e o material médico antigamente utilizado, ademais de ser utilizado como unidade de psiquiatría de día. En canto ao pavillón de colonias, este foi reformado e ocultou as marabillas da antiga arquitectura deste lugar, ao igual que o hospital, hoxe en día non ten ningunha utilidade. En cambio, agora está ao lado destas estruturas, o Hospital Marítimo de Oza o cal é utilizado a diario.

A parte de ter o I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, estar lendo este libro foi un luxo, a parte de pasar moi bo anaco léndoo. Recoméndollelo a todas as persoas que queiran ler, aprender e investigar máis sobre as marabillas que teñen ao lado das súas casas e que moitas veces pasan desapercibidas, as cales moitas veces dan ambientación e inspiración a autores para situar as súas obras.

Ninguén morreu de ler poesía de Aldaolado, recensión literaria de Sara García Álvarez (1º Bach B)

Ninguén morreu de ler poesía é un libro poderíase dicir que autobiográfico en forma de diálogo interactivo co lector. Foi publicado en 2020 por María Lado e Lucía Aldao. Estas dúas poetas galegas formaron un dúo en 2005 e empezaron a dar recitais de poesía por toda Galicia. A súa poesía é coñecida polo humor que utilizan para introducila en todo tipo de xente; por exemplo, un dos seus recitais máis famosos recibe o nome de Onde Estea un Cubata, que se Quite un Soneto. Aínda que leven 16 anos unidas dando espectácuo, esta é a súa primeira obra escrita en conxunto.

O principio do libro é completamente autobiográfico e introdutorio; falan dos seus comezos, das primeiras veces, de como se coñeceron…

O resto do libro está dividido en capítulos que separan os distintos poemas. Como está formado por diálogos e algúns dos poemas son conxuntos, aparece a voz de María en cor vermella e a de Lucía en cor negra.

Hai poemas máis persoais e outros máis simbólicos, nos que atopei como monotema o desamor.

Nos poemas persoais ou autobiográficos falan de experiencias entretidas e amenas que se foron atopando ao longo da súa vida tanto profesional como persoal. Neste ámbito existen poemas dedicados aos distintos tipos de amores que se atoparon ao longo da súa vida, a confesións do seu público, a lembranzas da infancia nas décadas dos 80 e 90…

Eu persoalmente recomendo este libro a todo tipo de público, xa que me resultou moi ameno lelo e, como ás nosas idades non acostumamos a ler poesía todos os días precisamente, é unha moi boa maneira de introducila no noso día a día, como fan elas.

martes, 23 de febreiro de 2021

Europa express de Andrea Maceiras, recensión literaria de Marta González Raña (1º Bach B)

Europa Express é unha obra escrita pola autora Andrea Maceiras. Nada na Coruña, é unha escritora e profesora de lingua galega en educación secundaria. Licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galega na Universidade da Coruña. Publicou sete obras en galego e gañou algúns, como en 2015 que obtivo o Premio Jules Vernes polo libro Europa Express, ese mismo ano gañou o Premio Fervenzas Literarias con ese mes no libro.

Este libro empeza en Bergen, Noruega. Refuxiándose da nevada, Nico entra nunha tenda de souvenirs, alí encontra unha postal que o deixa asombrado e que lle revelará un segredo sobre o seu pasado. El xa estivera nesa cidade había dez anos cos seus amigos, Aroa, Mía, Óscar, Piero, Bea e Xacobe, nunha viaxe de Interrail que fixeran ao rematar o instituto.

Aquela viaxe inolvidable acobou nunha traxedia da que ningún dos sete rapaces logrou recuperarse. Tras descubrir esa postal, Nico quixo saber a verdade e retomará o contacto cos seus amigos, xa que, co paso dos anos perdera relación con algún deles. Organizará unha cea onde se reunirán todos eles e parellas dalgúns deles e a partir desta cea acabarán saíndo verdades que aclararán aquel traxico suceso.

Europa Express trata temas como o paso do tempo, que se ve reflectido nas vivencias e nos recordos dos mozos. Tamén trata a adolescencia problemática que vemos reflectida en Xacobe e por último as relacións afectivas entre as personaxes. Neste libro tamén vemos alternancia de personaxes, alternancia de lugares e tempos narrativos, xa que narra en tempo pasado e tempo presente.

Recomendo este libro a todos os rapaces que estean buscando algún libro para ler, sobre todo aos que lles guste a trama de misterio, xa que logra manter a intriga do que ocorreu hai dez anos atrás ata o final da historia.

luns, 22 de febreiro de 2021

O que sei do silencio de Andrea Maceiras, presentación e análise de Sofía Amor Manteiga (1º Bach B)

 

Feliz idade de Olga Novo, recensión literaria de Sara Sanz Fonta (1º Bach A)

Feliz Idade é un paseo, da man da talentosa Olga Novo, por un recóndito bosque de cromosomas. Este libro conta cunha selección de poemas cos que Olga nos invita a trepar pola súa árbore xenealóxica, a tropezarnos coas súas ramas, a descubrir as súas raíces e as follas máis novas. As súas palabras atopan a maneira de crecer dentro de nós, coma sementes que ela planta e rega na nosa leira.

O libro está escrito expresamente para a súa filla, Lúa, á que lle dedica gran parte dos seus versos, sobre todo os comprendidos nos primeiros capítulos, nos que nos conta de maneira moi íntima e tenra, moitos aspectos da maternidade, tanto do embarazo como dos sentimentos que lle produce ver medrar a alguén que estivo dentro dela durante 9 meses.

Nestes capítulos Olga fálanos do que é construírlle unha infancia ao teu fillo e ademais suxire un concepto moi interesante que me fixo reflexionar sobre o feito de que cando crías á túa descendencia, na maioría dos casos, estás inculcándolle gran parte dos valores cos que ti mesma medraches e conviviches, preservando aos teus antepasados nas xeracións futuras da túa familia. Desta maneira a autora establece unha ponte entre o futuro, a súa filla, e o pasado, o cal aparece representado coa figura do seu pai, o avó de Lúa. Esta persoa constitúe un piar fundamental xa que se lle dedica un capítulo enteiro ademais de numerosos versos e metáforas dispersos noutros poemas. Olga atopa a maneira de representar realidades moi duras, como poden ser a morte, a vellez ou o Alzheimer, dunha maneira moi sensible e agarimosa, impregnando cada poema dunha dozura infinita, facendo ao seu pai eterno a través das palabras, aínda que non se poida escribir unha elexía a un tigre, como escribe ela. E de pronto atopámonos cun capítulo que fala dun sentimento que funciona como fío condutor de todo o libro; o amor, pero non soamente o amor romántico, ou amor cara á parella, senón tamén o amor xenuíno cara á familia, sobre todo aparece enfocado cara á súa filla, e nalgunhas ocasións cara ela mesma. Moitos poemas desta temática non van cara un destinatario determinado xa que describen o amor coma un concepto moi abstracto e impreciso, polo que cando os les podes interpretalos de maneira libre creando un sentimento de unión co poema e coas emocións tan auténticas que están a describirse.

A poesía de Olga Novo, tanto coma a de Yolanda Castaño e outras poetisas galegas, é un refacho de aire sobre o panorama literario galego, pero tamén a nivel nacional. En concreto, este libro gañou o Premio Nacional da Crítica Española do ano 2019, e Olga Novo foi agasallada noutras ocasións pola súa poesía e polo seu ensaio. Estamos convivindo cunha xeración de talentosas escritoras e poetisas galegas que buscan reivindicar o noso papel na literatura e que teñen unha calidade na súa escrita verdadeiramente excepcional. Ademais nas súas obras buscan reclamar a sexualidade da muller como algo noso e desfacerse dos tabús impostos cara o erotismo e a sexualidade feminina, tratándose dunha poesía totalmente nova e libertaria. E realmente fermoso ler este libro e eu recoméndoo a todo aquel que busque emocionarse lendo poesía. Grazas a Olga Novo por conmovernos coas túas verbas e por inculcarnos sentimentos tan bonitos a través desta viaxe guiada polo teu bosque de cromosomas.

Tantos anos de silencio de Francisco Castro, recensión crítica de María Fieira Muíño (1º Bach B)


Tantos anos de silencio é unha novela escrita por Francisco Castro, publicada en febreiro do 2020. Francisco Castro naceu en Vigo, é escritor e traballa dende hai anos como cronista cultural en varios medios galegos, actualmente dirixe na Editorial Galaxia á que tamén dirixe. Os xéneros máis destacados das súas obras é a novela e, a literatura infantil e xuvenil. Tantos anos de silencio é a súa obra máis recente, da que vou falar.

Esta novela, cóntanos a historia dunhas foxas comúns da Guerra Civil que a moza Ánxela acepta dirixir no Pazo de Flavia. Cando Ánxela e o seu equipo escava nestas foxas atopan os restos de seis persoas fusiladas, pero hai algo que lle chama a atención, o esqueleto dunha muller que aperta un libro. Ao longo desta historia, Ánxela investiga profundamente este caso do que cada vez vai relacionando esta información ata que chega a un punto clave para poder saber toda a verdade sobre o caso; e ao mesmo tempo tamén loita contra o acoso e os malos tratos recibidos por parte do seu marido Ramiro.

Moitos anos antes da escavación, o doutor Emilio Varela xunto a súa muller, que morre pouco despois, a súa filla biolóxica Ana e os seus fillos “adoptados” Darío Rocha e Ramón Gándara, dous nenos orfos, atópanse no Pazo de Flavia, un proxecto do doutor para o pobo no que quería divulgar as letras que el amaba a través dunha educación digna. O doutor dálle a eses nenos unha vida que sen el, non poderían ter. A Darío dálle a oportunidade de marchar a formarse como militar mentres que Ramón queda no Pazo xa que a súa vida son as letras e Ana.

Canto estala a Guerra Civil, toda a ilusión e o esforzo que involucraran o doutor e a súa familia no Pazo, viuse prexudicada pola chegada dos nacionalistas ao pobo. As ideas liberais que divulgara o doutor non estaban toleradas pola xente que viña gobernar.

Derruíron todos os seus soños dunha labazada sen saber que o peor estaba aínda por vir e que a dor sentimental gañaría a dor física provocado polas numerosas torturas.

Este libro reflicte ese temor e dor que provocou o estalido da Guerra Civil no país, levándose por diante numerosas vítimas inocentes cun pensamento liberal que os facía ser culpables aos ollos dos nacionalistas. Esa valentía que demostraba o doutor sabendo que era o feble arriscándose a morrer en escasos segundos, e ao mesmo tempo o medo de perder a persoa que máis quería, a súa filla Ana, a mans de Darío, ese fillo a quen lle deu todo e que se converteu no seu maior inimigo.

Recomendaría este libro a todos as persoas, xa que é un libro moi interesante e impactante que fai reflexionar sobre unha época de escuridade na que se cobraron moitas vidas inocentes e tamén pola historia tan bonita que reflicte o gran amor dun pai e unha filla.

mércores, 17 de febreiro de 2021

Os nenos da varíola de María Solar, recensión literaria de Sarai Coba Vázquez (1º Bacharelato B)

Nesta novela escrita por María Solar, podemos observar que o tema consiste no desenvolvemento da vacina contra a varíola e a súa expansión polo mundo ata chegar a ser erradicada por completo en 1980. O libro, céntrase no ocorrido na Coruña durante o século XIX. A pesar de que algúns sucesos redactados no libro son ficticios, a maioría non o son. É unha historia baseada en feitos reais.

María Solar expresa o seu agradecemento e recoñecemento aos vinte e dous nenos que formaron parte da Real Expedición Filantrópica da Vacina. A ela, cando estudou na facultade de Bioloxía, explicáronlle a expedición de Balmis, onde vinte e dous nenos cruzaron o océano Atlántico transportando nos seus corpiños a vacina da varíola. Cando sufriu un xiro na súa carreira profesional cara ao periodismo, decidiu contar coa axuda duns investigadores que recolleran as idades e nomes dos nenos que foran case esquecidos pola sociedade e decidiuse a revivir as almas deses pequenos heroes que cambiaran o mundo.

Ao ler a historia, para min descoñecida, puiden sentir esa morriña que sentían aqueles nenos ao partir do porto da Coruña cara un futuro incerto e perigoso. Estes nenos orfos deixaban o seu fogar, para emprender unha longa viaxe que prometía prosperidade e novas oportunidades para eles, máis das que lles esperaban na súa terra nativa. Completamente de acordo coa autora do libro, eses nenos merecen ser recoñecidos pola súa valentía ademais do esforzo mental e físico que tiveron que facer ao longo da viaxe coa vacina nos seus corpiños.

Incriblemente, nesta expedición formou parte Isabel Zendal, unha muller. Ela era a reitora do hospicio, ademais de ser nai solteira, o cal non era moi ben visto naquela época. Esta muller tivo un papel moi importante na historia, era para moitos dos nenos orfos a figura materna que nunca tiveran, ademais de ser intelixente e axudar na expedición cos seus coñecementos, sendo enfermeira. Paréceme unha muller moi valente, que prefire loitar e resistir fronte aos problemas que deixarse vencer por eles. Podemos decatarnos disto dende o principio da historia cando en vez de abandonar o seu fillo, decidiu crialo soa e traballar duro para mantelo. Ou tamén cando quedou sen cartos porque Tomás lle roubara todo o que tiña, decidiu formar parte da expedición e buscar un novo futuro para ela e Benito.

Quedeime asombrada cando coñecín a gran bondade do doutor Posse cos nenos e o respecto que tiña cara os demais sen importar o sexo, posición laboral ou idade. A miúdo cando pensamos nesa época na que as mulleres eran denigradas, a sociedade estaba dividida por clases e había moita tensión social, pensamos en persoas que só pensan no seu benestar propio. Por iso o carisma amable do doutor Posse e os grandes xestos que tivo co protagonista ao ofrecerlle un traballo no seu hospital e comprometerse a ensinarlle letras e números, paréceme digno de honra.

A varíola é unha enfermidade maligna que daquela podía provocar a morte, pero se tiñas sorte e sobrevivías quedábanche secuelas, como a cegueira ou ronchas na pel. Isto causou unha gran mortalidade que foi decrecendo pouco a pouco ata estabilizarse, pero aínda existía aquela enfermidade contaxiosa e perigosa no mundo. A través de científicos, descubriron que existía unha varíola que afectaba as vacas, pero que para os humanos non era mortal, entón fixeron varios experimentos nos que se comprobou a validez da vacina. Comezouse a expandir polo mundo, no que tiveron relevancia grandes expedicións como a da Coruña.

Os vinte e dous nenos máis o equipo da expedición partiron dende o porto da Coruña no barco O María Pita. A misión non era sinxela, de feito era moi complica, tanto que requiría ter esperanza nas situacións máis fráxiles. Lograron levar a vacina por toda América, sacrificándose moitos deles no camiño, como Salvany. Anos despois, Balmis regresou a España e foi recibido con honra, mentres que outros como Isabel Zendal ou Salvany non puideron regresar.

Indiscutiblemente, este feito é histórico, non só debido a que se lograra erradicar a enfermidade, senón que o verdadeiramente honrado foi a unión das persoas para levalo a cabo. Formaron unha cadea humana para transportar a vacina nos seus brazos e estaban dispostos a loitar pola causa. Esa colaboración logrou salvar a vida de millóns de persoas e conseguir un lugar máis seguro para as novas vidas.



Vento e chuvia de Manuel Gago, recensión literaria de Aldara García Bergondo (1º Bacharelato B)

Vento e chuvia é un libro do autor Manuel Gago e apoiado nas ilustracións de Manel Cráneo, onde se xuntan una serie de relatos do mundo da Idade de Ferro. Manuel Gago, nado en Palmeira (Ribeira) é un xornalista e profesor galego na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. Ten varias novelas en narrativa moi coñecidas á parte de Vento e Chuvia, así como O anxo negro e O exército do fume.

No territorio extenso e misterioso onde vivimos, tempo atrás os homes conviviron cos deuses. Onde hoxe vemos ruínas con formas circulares e murallas en mal estado, hai miles de anos, contáronse historias de xeración en xeración de deuses cos mesmos costumes ca nós e cos mesmos sentimentos.

É unha viaxe no tempo ás vellas historias que se contaban na noite dos castros, unha das orixes máis importantes da sociedade galega. Aquí atoparemos ás tres mulleres Sulas Natugaicas, ao Vestio Aloneico, a Poemana…

Na primeira parte deste libro fálase de 10 fascinantes deuses da mitoloxía da antiga Gallaecia. E a segunda parte, o autor explica o porqué da obra, datos da Idade de Ferro e agradecementos.

Personalmente, o libro gustoume e aprendín moitas cosas de mitoloxía que descoñecía. A min sempre me encantaron este tipo de temas, e poder atopar libros que achegan tantas cousas de mitos de Galicia paréceme xenial. Quería facer especial mención tamén ao ilustrador coruñés Manel Cráneo, parécenme moi apropiadas e moi bonitas as ilustracións de todo libro.

Por último, considero que este libro non é un libro de mitoloxía clásico ao que estamos acostumados. Está adaptado e formado cun material que nos permite un acceso e entendemento a todo o mundo, poder involucrarnos na historia e desfrutar dela mentres aprendemos mitoloxía da nosa terra. Por iso mesmo, recomendaría este libro a todo o mundo, xa que é fácil de ler e moi interesante. Pero, especialmente á xente de Galicia é a quen lle gusta a mitoloxía en xeral.



luns, 15 de febreiro de 2021

Os lobos de Moeche de Manel Cráneo, recensión literaria de Eva Peña Porto (1º Bacharelato A)

Os lobos de moeche é unha novela gráfica escrita por Manel Cráneo. Cóntanos a historia de como sucederon as tan recoñecidas revoltas irmandiñas das que os pobos galegos foron os protagonistas, derrocando máis de 140 fortalezas e castelos de nobres. Estas revoltas prodúcense debido ós continuos abusos dos señores feudais contra o pobo.

A historia comeza cun pesadelo que atormenta a Martín, o noso protagonista, durante unha noite enteira. Neste pesadelo, uns lobos que saben falar perségueno ata que o acurralan, pero o soño remata xusto alí pois a nai espértao para que vaia traballar no campo con ela.

Martín é o home da familia dende que o seu irmán Lopo marchara cara Lugo 5 anos atrás, e o seu pai morrera cando el era pequenho. Esa mañá, o antagonista principal, un fidalgo a cargo do alcalde de Lugo e compañeiro de Nono Freire de Andrade, vai a casa do prota a exixir os impostos a nai de Martín, quen di que xa os pagou. Nun acto de rabia, este asasina a nai diante de Martín.

Lopo visítao durante o enterro, e leva a Martín a Lugo. Alí, el coñecerá a “Irmandade” á que pertence Lopo e unirase ás revoltas irmandiñas xunto seu irmán.

A representación dos lobos no pesadelo de Martín é un dato importante durante toda a historia, pois a bandeira dos señores que matan a nai de Martín teñen como símbolo a este animal. Este pesadelo representa a continua sensación de verse perseguido e presionado por aqueles seres que poden arrebatarche a vida de forma inxusta.

A completa obra baséase nese sentimento de indiferenza que provoca a situación de Martín, que pese á súa curta idade loita nas revoltas buscando a vinganza da súa nai. Pese a ser unha historia reducida, podes ver o desenvolvemento de Martín de covarde a completo home que loita polas súas crenzas tendo como modelo a seguir (pese a que o rexeita ó principio) a Lopo.

Lopo non presenta un alto desenvolvemento como personaxe, o que eu entendo como representación dun ideal fixo polo que pode morrer sen dúbida. Martín ademais coñece a outras entidades da Irmandade que forman os seus puntos de vista mesturados cos do seu irmán.

O cómic ten un contexto histórico ben localizado, e incluso, ó final deste hai unas cantas páxinas que falan do castelo de Moeche, onde se produce a principal revolta onde Martín perde a súa inocencia por completo e convértese nun loitador.

O resto de personaxes tampoco presentan evolución algunha.

Personalmente, o final de ambos personaxes (pois máis adiante se lle dá un gran protagonismo a Lopo) non me gustou moito, pois é aberto, o de Martín non tanto, pero non se sabe o que ocorre con Lopo ao final do cómic, o que deixa coa intriga por completo. Quitando esta opinión sobre a forma de finalizar, o que máis me gustou deste cómic foi o estilo de debuxo, pois pese a non ser moi realista, capta a atención porque, eu, sendo alguén que debuxa, e que persoalmente me gustaría publicar un cómic, pensaba que para poder publicar un cómic, tes a necesidade de debuxar un mínimo de realista e dar concepción espacial, pero este artista xoga coa deformación de rostros por personalidade e da realidade coma paisaxe.

xoves, 4 de febreiro de 2021

Enderezo descoñecido de Kressmann Taylor, recensión crítica de Olga Fernández Marta (1º Bach A)

Enderezo descoñecido, obra de Kressmann Taylor (Kathrine Kressmann) representa a correspondencia que se cruzan Max e Martin dende 1932 ata 1934. Martin Schulse e o xudeu Max Eisenstein son amigos e traballan xuntos nunha galería de arte en California. Os dous proveñen de Alemaña e viviron case toda a súa vida en EEUU. Martin decide volver coa súa familia a Alemaña en 1932 para que os seus fillos coñezan a súa patria e non perdan a súa identidade. Esta novela epistolar de gran sinxeleza achega unha perspectiva moi enriquecedora sobre o nazismo e os seus seguidores.

O seu carácter epistolar fai que poidamos observar ás personaxes dende un punto de moita máis intimidade. O feito de poder acceder á correspondencia privada lévanos a un estado de complicidade e confesión que nos axuda a entender esta amizade. Ao mesmo tempo fornece inmediatez e fai que os feitos cheguen a nós dunha forma moito máis chocante.

O contido da novela é moi delicado. Escribiuse cando EEUU aínda non estaba involucrado nos problemas do continente europeo, polo que a voz reivindicativa de Kathrine é un refacho de realidade naquel momento. Céntrase na ruptura dunha amizade que parecía inquebrantable. Martin sofre un cambio que o enche de ira, rabia e resentimento. Durante o intercambio de cartas obsérvase a transformación radical de Martin, que o converte nunha persoa intolerante e racista.

O punto máis importante da novela é que nos recorda que a maioría dos alemáns percibían a Hitler como un salvador e un gran líder, e non todas esas persoas tiñan que ser malas. Alemaña sufrira unha gran pobreza e vergoña dende a Primeira Guerra Mundial. Cando lle dás un anaco de pan a unha persoa famenta e lle prometes un futuro mellor, non vai cuestionar a súa procedencia porque non o pode permitirse iso. Como di a novela, para eles non existe a opción de elixir entre “un verdadeiro xefe e o anxo da morte”. O nazismo retrátase coma un veleno que corroe as persoas e as relacións.

A novela dá un xiro de 360º cando a actitude esperanzadora de Max se converte en vinganza e comeza a escribirlle cartas sen ningún sentido pero que parecen albergar algún tipo de código en contra do réxime nazi. Max emprega as propias armas do nazismo como a censura das cartas para castigar a Martin por non axudar á súa irmá Griselle cando era perseguida.

En conclusión, o triste desenlace dunha amizade fainos entender o comportamento humano fronte a movementos maioritarios. Max déixase arrastrar pola sede de vinganza e a ira e Martin consómese polo odio. Este libro resume a transformación ideolóxica que o nazismo operou nas alemáns e fainos entender como o discurso de Hitler puido ser interiorizado por millóns de persoas. Porén, a novela é unha arrepiante reflexión sobre o fácil que é manipular as persoas, aínda máis en momentos de crise, unha reflexión que tamén deberiamos aplicar nos nosos tempos.


LÉXICO DO CARRO EM PORTUGUÊS. TURMA DE 4º ESO

  Daniela Naya Torreiro (4º ESO C) Lucía Varela Janeiro (4º ESO B) Ainhoa Varela Gómez (4º ESO B)