mércores, 17 de febreiro de 2021

Os nenos da varíola de María Solar, recensión literaria de Sarai Coba Vázquez (1º Bacharelato B)

Nesta novela escrita por María Solar, podemos observar que o tema consiste no desenvolvemento da vacina contra a varíola e a súa expansión polo mundo ata chegar a ser erradicada por completo en 1980. O libro, céntrase no ocorrido na Coruña durante o século XIX. A pesar de que algúns sucesos redactados no libro son ficticios, a maioría non o son. É unha historia baseada en feitos reais.

María Solar expresa o seu agradecemento e recoñecemento aos vinte e dous nenos que formaron parte da Real Expedición Filantrópica da Vacina. A ela, cando estudou na facultade de Bioloxía, explicáronlle a expedición de Balmis, onde vinte e dous nenos cruzaron o océano Atlántico transportando nos seus corpiños a vacina da varíola. Cando sufriu un xiro na súa carreira profesional cara ao periodismo, decidiu contar coa axuda duns investigadores que recolleran as idades e nomes dos nenos que foran case esquecidos pola sociedade e decidiuse a revivir as almas deses pequenos heroes que cambiaran o mundo.

Ao ler a historia, para min descoñecida, puiden sentir esa morriña que sentían aqueles nenos ao partir do porto da Coruña cara un futuro incerto e perigoso. Estes nenos orfos deixaban o seu fogar, para emprender unha longa viaxe que prometía prosperidade e novas oportunidades para eles, máis das que lles esperaban na súa terra nativa. Completamente de acordo coa autora do libro, eses nenos merecen ser recoñecidos pola súa valentía ademais do esforzo mental e físico que tiveron que facer ao longo da viaxe coa vacina nos seus corpiños.

Incriblemente, nesta expedición formou parte Isabel Zendal, unha muller. Ela era a reitora do hospicio, ademais de ser nai solteira, o cal non era moi ben visto naquela época. Esta muller tivo un papel moi importante na historia, era para moitos dos nenos orfos a figura materna que nunca tiveran, ademais de ser intelixente e axudar na expedición cos seus coñecementos, sendo enfermeira. Paréceme unha muller moi valente, que prefire loitar e resistir fronte aos problemas que deixarse vencer por eles. Podemos decatarnos disto dende o principio da historia cando en vez de abandonar o seu fillo, decidiu crialo soa e traballar duro para mantelo. Ou tamén cando quedou sen cartos porque Tomás lle roubara todo o que tiña, decidiu formar parte da expedición e buscar un novo futuro para ela e Benito.

Quedeime asombrada cando coñecín a gran bondade do doutor Posse cos nenos e o respecto que tiña cara os demais sen importar o sexo, posición laboral ou idade. A miúdo cando pensamos nesa época na que as mulleres eran denigradas, a sociedade estaba dividida por clases e había moita tensión social, pensamos en persoas que só pensan no seu benestar propio. Por iso o carisma amable do doutor Posse e os grandes xestos que tivo co protagonista ao ofrecerlle un traballo no seu hospital e comprometerse a ensinarlle letras e números, paréceme digno de honra.

A varíola é unha enfermidade maligna que daquela podía provocar a morte, pero se tiñas sorte e sobrevivías quedábanche secuelas, como a cegueira ou ronchas na pel. Isto causou unha gran mortalidade que foi decrecendo pouco a pouco ata estabilizarse, pero aínda existía aquela enfermidade contaxiosa e perigosa no mundo. A través de científicos, descubriron que existía unha varíola que afectaba as vacas, pero que para os humanos non era mortal, entón fixeron varios experimentos nos que se comprobou a validez da vacina. Comezouse a expandir polo mundo, no que tiveron relevancia grandes expedicións como a da Coruña.

Os vinte e dous nenos máis o equipo da expedición partiron dende o porto da Coruña no barco O María Pita. A misión non era sinxela, de feito era moi complica, tanto que requiría ter esperanza nas situacións máis fráxiles. Lograron levar a vacina por toda América, sacrificándose moitos deles no camiño, como Salvany. Anos despois, Balmis regresou a España e foi recibido con honra, mentres que outros como Isabel Zendal ou Salvany non puideron regresar.

Indiscutiblemente, este feito é histórico, non só debido a que se lograra erradicar a enfermidade, senón que o verdadeiramente honrado foi a unión das persoas para levalo a cabo. Formaron unha cadea humana para transportar a vacina nos seus brazos e estaban dispostos a loitar pola causa. Esa colaboración logrou salvar a vida de millóns de persoas e conseguir un lugar máis seguro para as novas vidas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

HOMENAGEM A LUÍS DE CAMÕES