sábado, 27 de febreiro de 2021

Mentira de Care Santos, recensión de Ainhoa Mosteiro Lago (1º Bach B)

Mentira é unha novela escrita por Care Santos, unha escritora catalá que escribe tanto en galego como en castelán. Con esta novela gaña o Premio Edebé de Literatura Xuvenil en 2015.

A protagonista é Xenia, unha rapaza que leva unha vida do máis normal. É filla única e os seus pais preocúpanse moito por ela. O seu principal obxectivo é sacar boas notas para poder estudar Medicina. Un día, despois de coller un libro prestado, decide botarlle unha ollada ao foro. Dentro chámalle a atención un comentario dun rapaz chamado Marcelo. Aos dous lles encanta, pero teñen visións diferentes. Comezan a escribirse e empezan a coñecerse. As mensaxes do rapaz sempre son breves e nunca son diarios. Ela empeza a sentir algo por el e decide que xa é hora de coñecelo, pero ao parecer el non está preparado. Xenia non se dá por vencida, así que decide ir visitalo pola súa conta. Neste intre descobre que Marcelo non existe, ou polo menos non é el, senón outra persoa pola que se fixera pasar. Xenia séntese enganada e moi doída e aínda por riba descoidara moito os seus estudos.

Pasa un tempo sen saber nada del e cando parecía que xa todo volvera á normalidade, recibe unha carta no instituto. É de Éric, o verdadeiro Marcelo, pero para a súa sorpresa, vén dende un centro de menores! Nesa carta, el cóntalle todo polo que tivo que pasar, punto por punto, e a súa moi dura infancia.

Esta novela, que parece romántica, acaba sendo un thriller onde se ven problemas sociais moi duros como o abandono familiar, a delincuencia xuvenil, a pobreza ou a violencia no caso de Éric, pero despois tamén temos a unha familia de clase media á que non lle falta de nada no caso de Xenia. Hai dous mundos moi diferentes, pero os dous rapaces comparten o seu amor pola literatura. Neste caso fai que se coñezan, pero en toda a novela a literatura é esencial na vida dos dous.

Este libro fanos reflexionar. Éric incluso coa vida tan dura que levou, segue sendo moi sensible. Tamén che ensina a non ter prexuízos, a decatarse de certas realidades, tanto a non crer todo o que ves por internet, como a ver que somos moi afortunados por vivir nunhas circunstancias onde sobrevivir non é nin de lonxe unha das nosas preocupacións. Temos tantas comodidades que, ás veces, non vemos máis alá e montamos un drama por calquera cousa superficial.

Ademais, a autora consegue meternos na novela como se fósemos un dos dous adolescentes.

Recomendo ler o libro xa que é moi fácil de ler, vaite enganchando e ao final reflexionas sobre estes problemas da nosa sociedade sen ningún tipo de tabú.


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

ENTREGA DE DIPLOMAS DE CERTIFICAÇÃO DO CAMÕES JÚNIOR

No dia de hoje fizemos entrega dos diplomas que acreditam a certificação B1 de proficiência em Português Língua Estrangeira aos alunos e alu...