mércores, 24 de febreiro de 2021

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa de Antonio M. Fraga, recensión literaria de Diego Vilela Quintela (4º ESO A)

Esta novela de Antonio Manuel Fraga está principalmente inspirada nos nenos que tiñan que estar no Sanatorio Marítimo de Oza, pero ademais disto, adaptou a historia para engadirlle máis trama e así poder ter entretido o lector e facer que queira ler outro capítulo.

É unha novela relativamente curta, que está estruturada en 21 capítulos, todos eles acompañados con algunhas ilustracións de Víctor Rivas, que fan a lectura moito máis amena, ademais que ás veces cambia o estilo da letra, ambientando o texto nun manuscrito.

Este libro trata dun rapaz de aldea, chamado Suso, ao que, dende hai pouco tempo, lle comeza a doer a cabeza seguido e a estar cansado. A partir de aí, a nai decide levalo ao médico da vila, e este recoméndalle pasar un verán de repouso e descanso ao Sanatorio Marítimo de Oza. Cando colle o tren coñece a unha nena da súa idade chamada Tila, ademais de coñecer tamén a un grupo de abusóns cos que tempo despois no sanatorio se pelexará cun deles. Tila ten un libro científico da súa tía bióloga Anxos, no que conta datos sobre algunhas das criaturas mitolóxicas que se contan en lendas por Galicia. Ademais, Anxos encargoulle unha tarefa para facer a Tila sobre unhas criaturas que se atopan saíndo da auga no sanatorio segundo lendas da zona.

Case toda a novela xira en torno a este acontecemento que van ter que investigar durante toda a súa estadía nese verán de 1933. O sanatorio está dirixido por unhas monxas, que entre outras cousas dan clase e encárganse de vixiar os rapaces, ademais teñen un horario de clases, actividades e comida moi estritos. Para poder ver o acontecemento deberán escapar do sanatorio pola noite e estar na praia ata que saian unhas criaturas que mudan de pel na beira do mar. E non resumo xa nada máis da novela, xa que falta por dicir todo o que pasa na trama da novela, pero non o vou contar, xa que me parece a parte máis
interesante, e a verdade é que me gustaría que leades este libro nun futuro próximo.

O libro gustoume moito, xa que non é nin moi longo nin moi curto, e sobre todo porque a trama principal da novela e as misións que van ter facer son moi divertidas e entretidas ambientadas na nosa zona, á parte de ter e utilizar unha linguaxe elaborada e tratada con moito detalle.

Para min, está moi ben ambientada nesta zona da Coruña e sobre todo porque a estadía que pasou o protagonista neste lugar pode ser perfectamente un exemplo de xente que o habitou no seu día. Como ben narra a novela, o sanatorio está composto polos pavillóns de colonias (nos que estaban os escolares), un pavillón cirúrxico, o hospital de Oza e a batería de Oza ou O Fortín, onde estaban as cociñas e os comedores das colonias.

Antigamente, o hospital era utilizado para a xente con tuberculose ou con síntomas desta enfermidade, que se baseaba nunha bacteria que afecta aos pulmóns, pero tamén a outros órganos. É unha enfermidade infecciosa que se contaxia polo aire e que está presente aínda nos nosos días, pero agora hai medicamentos entre outros tratamentos para curala. Pero antes era unha enfermidade moi eficaz e coa que moita xente morría, e por iso era bo diagnosticala rápido.

Respecto ao pavillón cirúrxico, hoxe en día é propiedade do SERGAS, e está en perfecto estado, conservando as salas de cirurxía e o material médico antigamente utilizado, ademais de ser utilizado como unidade de psiquiatría de día. En canto ao pavillón de colonias, este foi reformado e ocultou as marabillas da antiga arquitectura deste lugar, ao igual que o hospital, hoxe en día non ten ningunha utilidade. En cambio, agora está ao lado destas estruturas, o Hospital Marítimo de Oza o cal é utilizado a diario.

A parte de ter o I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, estar lendo este libro foi un luxo, a parte de pasar moi bo anaco léndoo. Recoméndollelo a todas as persoas que queiran ler, aprender e investigar máis sobre as marabillas que teñen ao lado das súas casas e que moitas veces pasan desapercibidas, as cales moitas veces dan ambientación e inspiración a autores para situar as súas obras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

ENTREGA DE DIPLOMAS DE CERTIFICAÇÃO DO CAMÕES JÚNIOR

No dia de hoje fizemos entrega dos diplomas que acreditam a certificação B1 de proficiência em Português Língua Estrangeira aos alunos e alu...