xoves, 25 de febreiro de 2021

Fahrenheit 451 de Ray Bradbury, recensión crítica de Iván Couto Pintor (1º Bach A)

Fahrenheit 451 é unha novela distópica do escritor estadounidense Ray Bradbury. Está considerada como unha das súas mellores obras e foi galardonada co premio de Literatura da Academia estadounidense das artes e das letras e a medalla de ouro do Commonwealth Club of California.

Ray Bradbury comezou a escribir contos nunha biblioteca pública e os seus primeiros traballos vendeunos a revistas a comezos dos anos 40. Entre novelas, contos, poemas e obras de teatro publicou máis de 30 libros.

Fahrenheit 451 sitúanos no S. XXIV, nun futuro distópico no que a sociedade está controlada pola tecnoloxía e na que está prohibida a lectura. Para desfacerse de cada libro ou revista existe un corpo de bombeiros que se encarga de queimar calquera obra que apareza. O protagonista da novela é Montag, un bombeiro que se comeza a cuestionar a súa profesión despois de coñecer a súa veciña Clarisse, unha opositora ás regras do goberno.

A raíz destes encontros con ela, vemos como Montag comeza a darse conta de que quizais haxa algo importante nos libros e pregúntase por que son percibidos como perigosos.

Un día, nun dos seus traballos de limpeza, ve como unha anciá se nega a abandonar a súa casa e préndese lume xunto cos seus libros para acabar morrendo alí dentro, Montag queda impresionado polo compromiso da muller cara os seus libros. Esa noite Montag dáse conta de que non é máis ca un instrumento do goberno que os quere amordazar e ter controlados, e comeza a ler un libro que colleu da casa da señora. Montag descobre que, no pasado, existía un mundo máis alá do control tecnolóxico, no que se permitía a liberdade de pensamento e descubre o poder dos libros e da sabedoría que conteñen para a humanidade. A partir deste momento é onde Montag se dá conta de por que os libros son perigosos para o réxime, de como a lectura nos fai máis intelixentes, e polo tanto libres, e iso é perigoso para o gobernante opresor.

Movido pola súa curiosidade, Montag contacta cun vello profesor e xuntos deseñan un plan para eliminar os bombeiros. Despois de intentar involucrar a súa muller, esta denúnciao e tras discutir co seu xefe, Montag mátao agravando a situación e desátase unha persecución contra el. Montag logra escapar grazas á axuda do profesor Faber e únese a un grupo de persoas obrigadas a vivir no exilio. O seu líder, Granger, explícalle a Montag que entre todos memorizaron todas as obras que leron porque só así poderían salvalos da destrucción e, cando pase o risco, imprimilos de novo recreándoos dende a súa memoria. A novela remata coa cidade destruída pola bomba atómica e coa resistencia como únicos superviventes, e saen do seu escondite listos para comezar de novo e fomentar unha sociedade onde o libre pensamento poida florecer.

Recomendaría a lectura deste libro porque nos fai reflexionar sobre como non debemos aceptar as regras impostas sen cuestionarnos o que isto acarrexa ou como unha sociedade sen libros estaría condenada á ignorancia. Ao longo da historia, hai centos de episodios coma os que se reflicten na novela, na que o ditador de turno, queima as obras que poden facer que o pobo cuestione o seu liderado ou poida pensar libremente, xa que a lectura fainos máis intelixentes e ofrécenos as mellores armas para loitar contra a ignorancia e recoñecer os nosos dereitos e liberdades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Recensión sobre o filme Matria de Ana M. Polanco Ramos (1º Bach B)

E ste trimestre elixín ver a película Matria . Esta obra conta a vida de Ramona, unha muller á que lle suceden diferentes problemas ao longo...