luns, 22 de febreiro de 2021

Tantos anos de silencio de Francisco Castro, recensión crítica de María Fieira Muíño (1º Bach B)


Tantos anos de silencio é unha novela escrita por Francisco Castro, publicada en febreiro do 2020. Francisco Castro naceu en Vigo, é escritor e traballa dende hai anos como cronista cultural en varios medios galegos, actualmente dirixe na Editorial Galaxia á que tamén dirixe. Os xéneros máis destacados das súas obras é a novela e, a literatura infantil e xuvenil. Tantos anos de silencio é a súa obra máis recente, da que vou falar.

Esta novela, cóntanos a historia dunhas foxas comúns da Guerra Civil que a moza Ánxela acepta dirixir no Pazo de Flavia. Cando Ánxela e o seu equipo escava nestas foxas atopan os restos de seis persoas fusiladas, pero hai algo que lle chama a atención, o esqueleto dunha muller que aperta un libro. Ao longo desta historia, Ánxela investiga profundamente este caso do que cada vez vai relacionando esta información ata que chega a un punto clave para poder saber toda a verdade sobre o caso; e ao mesmo tempo tamén loita contra o acoso e os malos tratos recibidos por parte do seu marido Ramiro.

Moitos anos antes da escavación, o doutor Emilio Varela xunto a súa muller, que morre pouco despois, a súa filla biolóxica Ana e os seus fillos “adoptados” Darío Rocha e Ramón Gándara, dous nenos orfos, atópanse no Pazo de Flavia, un proxecto do doutor para o pobo no que quería divulgar as letras que el amaba a través dunha educación digna. O doutor dálle a eses nenos unha vida que sen el, non poderían ter. A Darío dálle a oportunidade de marchar a formarse como militar mentres que Ramón queda no Pazo xa que a súa vida son as letras e Ana.

Canto estala a Guerra Civil, toda a ilusión e o esforzo que involucraran o doutor e a súa familia no Pazo, viuse prexudicada pola chegada dos nacionalistas ao pobo. As ideas liberais que divulgara o doutor non estaban toleradas pola xente que viña gobernar.

Derruíron todos os seus soños dunha labazada sen saber que o peor estaba aínda por vir e que a dor sentimental gañaría a dor física provocado polas numerosas torturas.

Este libro reflicte ese temor e dor que provocou o estalido da Guerra Civil no país, levándose por diante numerosas vítimas inocentes cun pensamento liberal que os facía ser culpables aos ollos dos nacionalistas. Esa valentía que demostraba o doutor sabendo que era o feble arriscándose a morrer en escasos segundos, e ao mesmo tempo o medo de perder a persoa que máis quería, a súa filla Ana, a mans de Darío, ese fillo a quen lle deu todo e que se converteu no seu maior inimigo.

Recomendaría este libro a todos as persoas, xa que é un libro moi interesante e impactante que fai reflexionar sobre unha época de escuridade na que se cobraron moitas vidas inocentes e tamén pola historia tan bonita que reflicte o gran amor dun pai e unha filla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

POSTAIS DE NATAL DA TURMA DE 4º ESO