sábado, 27 de febreiro de 2021

Mulleres e poder, un manifesto de Mary Beard, recensión de Irene Quintela Valiño (4º ESO A)

O libro Mulleres e poder, un manifesto, é unha tradución ao galego feita por María Alonso Seisdedos do libro Women & Power, a manifesto de Mary Beard. Mulleres e poder, un manifesto foi publicado na editorial Hércules de Ediciones e pertence á Colección PÚRPURA. Esta edición saíu en 2019 e a orixinal en 2017.

A maiores do libro conta cunha introdución ou limiar, un epílogo, referencias a outras lecturas, agradecementos, listaxe de ilustracións e un índice onomástico. En total conta con case 100 páxinas e ten un prezo de arredor de 10€.

Mulleres e poder é un dos varios libros que escribiu Mary Beard, todos de ensaio e cun certo carácter histórico, xa que todos relatan algo relacionado co pasado, principalmente coa Antiga Grecia e Roma. Este libro amosa o xeito en que a historia e o mundo occidental tratou as mulleres, e como comportamentos antigos seguen a afectar hoxe en día.

En canto ao contido do libro e no primeiro lugar temos o limiar, dúas páxinas onde a autora conta un pouco sobre a súa nai e o que lle acarrexou ser muller na súa época. Despois desta pequena introdución empeza o libro falando da voz pública das mulleres, un capítulo ao que merece a pena prestarlle especial atención, é un capítulo onde Mary Beard nos dá algúns exemplos de cando un home lle mandou calar a muller, empezando co primeiro exemplo rexistrado, na Odisea de Homero. Neste capítulo danse varios exemplos, tanto antigos coma outros máis modernos, e en ambos podemos ver unha estrutura común e moi similar. Neste capítulo tamén fala sobre os insultos, ataques e mensaxes por internet, especialmente por Twitter.

O seguinte capítulo trata das mulleres no poder, dános varios exemplos de homes que evitan que as mulleres estean no poder ou que directamente intentan “salvar o goberno das súas mans”. Mary Beard fala un pouco do libro Terradelas e fai un comentario moi interesante analizando brevemente a obra e contando un pouco o tema, tamén fala da historia da Medusa, unha historia que persoalmente resúltame moi interesante e éo aínda máis ao ver a reflexión que fai a autora e como isto se entrelaza coa actualidade, tamén nos dá algúns exemplos onde se usa esta historia contra as mulleres na actualidade (coma nas eleccións de Estados Unidos en 2016 onde puxeron unha imaxe de Perseo e Medusa cambiando as caras pola de Trump e a de Hillary Clinton)

Despois de varias historias máis vén o epílogo, con dous capítulos, un titulado: “Das conferencias ao libro, e do dereito a cometer erros”. Neste capítulo fala das súas conferencias e como as plasmou neste libro e confésanos que se tivera que volver escribir este libro, dedicaríalle máis espazo para defender o dereito das mulleres a cometer erros. O outro capítulo é: “Do libro ao #Metoo e ás reflexións sobre a violación” este é un capítulo moi importante, onde a autora se abre a nós e cóntanos a súa experiencia persoal coa violación. Por último vemos as referencias a outras lecturas os agradecementos e o índice onomástico.

Despois de ler este libro páraste a reflexionar sobre os comportamentos do teu arredor, analizas toda esa misoxinia interiorizada que antes ao mellor pasaba imperceptible aos teus ollos, demóstranos como a misoxinia e o machismo segue a existir nos nosos días, que eu persoalmente xa o sabía, e este libro recomendaríallo principalmente á xente que cre que xa non existe, claramente se xa sabes que existe tamén recomendo ler o libro, porque sempre é moi interesante saber de onde veñen os nosos comportamentos e os do noso arredor, o libro conta e comenta historias moi interesantes, todas diferentes pero unidas por eses trazos comúns de misoxinia. En conclusión, é un libro fascinante, que trata temas moi importantes e que merece a pena ler.

Ningún comentario:

Publicar un comentario