luns, 29 de abril de 2024

Os fillos do mar de Pedro Feijoo, recensión de Alma Carneiro Medal (1º Bach B)

Novela negra escrita por Pedro Feijoo en marzo de 2012. A obra contén cinco actos, dedicando cada un a un dos personaxes máis importantes, e corenta e cinco capítulos. A obra pertence á editorial Xerais.

Un arquitecto,Simón Varela, de pouco recoñecemento, recibe de súpeto un encargo dunha das familias máis importantes e ricas da cidade, os Dafonte-Llobet. Este encargo consistía nunha obra dunha fonte do xardín do pazo da familia.

Simón descobre un cofre misterioso con anotacións, pero cando llo vai entregar á súa clienta, Isabel Llobet, aparece morta en estrañas circunstancias.

Simón e a filla de Isabel, Mariña, emprenden unha investigación para coñecer o misterio que agochan as dúas moedas de ouro que contiña o cofre e que depositara alí Eneas Dafonte, pai de Mariña.

A busca do misterio levaraos a poñer en risco as súas vidas, atopándose con asasinatos, enigmas, narcotráfico, lendas, unha historia de amor e, sobre todo, descubrirán quen eran realmente os Dafonte-Llobet.

A novela está escrita con vocabulario sinxelo e incluso, ás veces, emprégase un vocabulario coloquial dándolle máis realismo aos personaxes.

A trama está moi ben estruturada, enganchando o lector desde o inicio. O autor, ademais, é moi descritivo, polo que se poden imaxinar os escenarios á perfección.

En canto aos actos, o primeiro está dedicado a Simón, o arquitecto encargado da obra. O segundo, dedicado a Mariña, a filla de Isabel. O terceiro leva o nome de Daniel, o pai de Mariña. Ese era o seu nome ata que tivo que exiliarse, pasando a chamarse Eneas. O cuarto acto é Eneas, o mesmo personaxe que Daniel, pero agora nárrase a historia despois do seu cambio de identidade. O último acto é Troia, o nome da empresa tapadeira, xa que empregaban os barcos para axudar a fuxir aos perseguidos pola ditadura franquista.

Toda a trama desenvólvese en Vigo, dando unha visión moi actual da cidade, das rúas e da xente. Hai que destacar o argumento histórico da obra, achegándonos a unha das etapas máis escuras da humanidade, o franquismo e o nazismo. Outro trazo histórico é a Batalla de Randea, onde conta a lenda que naufragaron barcos cheos de ouro, de alí as moedas de ouro do cofre que atopou Simón.

É importante tamén a alusión ao cabalo de Troia da Batalla de Troia no que se agochaban no interior de animal de madeira soldados inimigos. Por iso, a empresa de Eneas levaba o nome de “Troia”, porque nos seus barcos levaba un dobre fondo onde se escondían as persoas perseguidas polo franquismo para buscar a liberdade.

O autor soubo dotar de misterio a cada personaxe e darlles relación a todos entre si, cando parecía que non tiñan nada que ver. Simón pasou toda a novela pensando que facía el envolto nesta familia que nada tiña que ver con el para ao final, arrigar que era sobriño e neto de Daniel.

Na miña opinión, o personaxe máis misterioso foi Daniel, xa que para os ollos de todos os cidadáns de Vigo non era máis que un fascista que fuxiu, mais en realidade era unha boa persoa cun gran corazón. Falando de Daniel e do seu cambio de identidade, podemos atopar un personaxe secundario chamado Lugo que tamén tivo que recorrer a un cambio de nome, pasando a chamarse Sr. Noemiña.

Nesta obra non todo é misterio, senón que tamén está presente o amor. Simón e Mariña, no medio das súas aventuras van namorándose acabando xuntos ao final da historia.

O autor toca moi por encima o tema do narcotráfico, aínda que penso que o introduce na novela por ser un problema en Galicia dende hai moitos anos. É unha forma de achegarlle realidade ao marco no que se desenvolve a trama, o sur marítimo de Galicia. Xulio Asúcano, o irmá de Mariña, é un narcotraficante coñecido xa pola policía e por todos os veciños.

Como crítica negativa, destacarei a desaparición dun personaxe, baixo a miña opinión, fundamental para a obra. Ernest Rovira, o secretario da familia Dafonte-Llobet, a unión entre Simón e a familia. Un home coñecedor dos segredos de todos os implicados, que non volve aparecer despois da lectura do testamento. Penso que debería ter máis protagonismo ata o final da novela, xa que tamén creará un vínculo de amizade con Simón.

Para concluír, pareceume unha novela que engancha, fácil de ler a pesar dos xiros e saltos no tempo e das falsas identidades. Tamén ten toques históricos nacionais e mundiais moi ven enlazados. As cousas moitas veces están escondidas diante nosa, e as persoas non sempre son o que parecen.

Booktrailer Ulf de Jacobusland. Os viquingos en Galicia de Alberto Varela Ferreiro realizado por Hugo Vázquez Pedreira (1º Bach B)

sábado, 27 de abril de 2024

sábado, 20 de abril de 2024

Recensións sobre o filme Matria de Alberto González Aller, Noa González Uzal e Ana M. Polanco Ramos (1º Bach B)

Este trimestre elixín ver a película Matria. Esta obra conta a vida de Ramona, unha muller á que lle suceden diferentes problemas ao longo da película, tanto laborais (na fábrica onde traballaba) como familiares (coa súa filla), o que lle leva no final a decidir refacer a súa vida dende cero.

Esta película galega foi moi amena e entretida, mostra a realidade da vida de moitas mulleres, especialmente nos ámbitos máis importantes da súa vida: o traballo e a familia. Porén, Ramona , a pesar dos seus momentos de baixón, móstrase sempre como unha persoa forte, e busca continuamente solucións; ata que decide deixar todo atrás e comezar de novo lonxe do seu fogar e da súa xente.

Gustoume moito a película, tanto a súa trama como a actuación dos actores, a gravación e os diálogos. Recoméndoa.

Ana M. Polanco Ramos (1º Bach B)


Este último trimestre, aproveitando a semana do cine en galego, uns compañeiros máis eu fomos ver a película de “Matria”.

Esta película trata de Ramona, unha muller que vive amargada debido á súa mala relación co seu marido e ao mal momento, tanto laboral como persoal, polo que está a pasar.

Ao longo do filme, pódese ver como Ramona vai afrontando todos os problemas que lle suceden, como o despido do seu antigo traballo nunha fábrica de conservas, ou a cantidade de traballos que fai co único obxectivo de poder pagarlle uns estudos en condicións a súa filla, coa que non ten unha relación exemplar.

Finalmente cando Estrella, a súa filla, decide facer a súa vida sen depender de ela, Ramona decide marchar da vila galega onde vivía, xa que pensa que é a única vez que pode facer algo por si soa sen a necesidade de traballar para ninguén e facer nada por ninguén; só por e para ela.

Na miña opinión esta película está moi ben, xa que mostra moitos aspectos da vida que non estamos acostumados a ver, polo que a recomendo.

Noa González Uzal (1º Bach B)

Baixo o meu punto de vista é unha película moi conmovedora e que busca a reflexión do espectador. A súa ambientación nunha aldea de Galicia e a súa exploración sobre temas como a maternidade, a familia e a loita contra as adversidades que, fan que a historia sexa realista e que algunhas persoas podan verse reflectidas nela.

Matria non trata dunha muller calquera que, Ramona, sae adiante como unha heroína. Sen capa, nin súper poderes, simplemente con superación ante a crúa realidade que lle tocou vivir.

Esta película recoñece o traballo de todas aquelas mulleres que viven e traballan pola súa familia, dende o amencer ata o solpor, para sobrevivir e manter os seus seres queridos.

Alberto González Aller (1º Bach B)

domingo, 7 de abril de 2024

Mulleres na química de Sergio Menargues, podcast de Emma Buján Mouriño (1º Bach A)

O señor das moscas de William Golding, booktrailer de Gabriela López Iglesias (1º Bach A)


En canto ao libro, sorprendeume. Ao comezo custoume seguir a historia e fíxoseme un pouco lento, pero, da metade cara o final, mellorou moitísimo. Eu tendo a posicionarme cos personaxes, pero durante todo o libro todos actuaron mal e, á vez, era un pouco entendible dada a situación e a que eran nenos. Gustoume Ralph e, aínda que ao comezo fose un pouco bully, tentou manter a orde e o civismo. Ademais, Piggy non merecía ese final, sobre todo cando os rescataron tan axiña.
En definitiva, é un libro que te fai pensar, pero, sen ningunha información previa, podes perder moita da simboloxía agochada.

 

martes, 2 de abril de 2024

Senlleiras de Antía Yáñez, recensión de Natalia Porras Gutiérrez (1º Bach C)

Nesta novela a autora fai unha crítica á sociedade machista na que aínda hoxe vivimos, ás veces camuflada, pero latente. Conta o problema deste tipo de violencia, tanto física como psicolóxica, que moitas veces pasa desapercibida e é xustificada polas mesmas vítimas. 
 
A novela chámase deste xeito facendo referencia a unha escea do relato no que Alana está co fillo da outra muller, coa que casou seu pai. Ela pregunta polo nome dunhas árbores e el dille que se chaman senlleiras, que quere dicir que son singulares, que merecen ser recordadas. Este nome é unha homenaxe ás vítimas de violencia de xénero da obra e de todo o mundo. 
 
É unha novela doada de ler e de seguir, que trata un tema moi importante dunha forma moi orixinal e está ambientada na nosa propia cidade, perto da fonte de Catro Camiños. 
 
Gustoume moito, é unha lectura recomendada que ten presente este tema, tristemente común.