Un arquitecto,Simón Varela, de pouco recoñecemento, recibe de súpeto un encargo dunha das familias máis importantes e ricas da cidade, os Dafonte-Llobet. Este encargo consistía nunha obra dunha fonte do xardín do pazo da familia.
Simón descobre un cofre misterioso con anotacións, pero cando llo vai entregar á súa clienta, Isabel Llobet, aparece morta en estrañas circunstancias.
Simón e a filla de Isabel, Mariña, emprenden unha investigación para coñecer o misterio que agochan as dúas moedas de ouro que contiña o cofre e que depositara alí Eneas Dafonte, pai de Mariña.
A busca do misterio levaraos a poñer en risco as súas vidas, atopándose con asasinatos, enigmas, narcotráfico, lendas, unha historia de amor e, sobre todo, descubrirán quen eran realmente os Dafonte-Llobet.
A novela está escrita con vocabulario sinxelo e incluso, ás veces, emprégase un vocabulario coloquial dándolle máis realismo aos personaxes.
A trama está moi ben estruturada, enganchando o lector desde o inicio. O autor, ademais, é moi descritivo, polo que se poden imaxinar os escenarios á perfección.
En canto aos actos, o primeiro está dedicado a Simón, o arquitecto encargado da obra. O segundo, dedicado a Mariña, a filla de Isabel. O terceiro leva o nome de Daniel, o pai de Mariña. Ese era o seu nome ata que tivo que exiliarse, pasando a chamarse Eneas. O cuarto acto é Eneas, o mesmo personaxe que Daniel, pero agora nárrase a historia despois do seu cambio de identidade. O último acto é Troia, o nome da empresa tapadeira, xa que empregaban os barcos para axudar a fuxir aos perseguidos pola ditadura franquista.
Toda a trama desenvólvese en Vigo, dando unha visión moi actual da cidade, das rúas e da xente. Hai que destacar o argumento histórico da obra, achegándonos a unha das etapas máis escuras da humanidade, o franquismo e o nazismo. Outro trazo histórico é a Batalla de Randea, onde conta a lenda que naufragaron barcos cheos de ouro, de alí as moedas de ouro do cofre que atopou Simón.
É importante tamén a alusión ao cabalo de Troia da Batalla de Troia no que se agochaban no interior de animal de madeira soldados inimigos. Por iso, a empresa de Eneas levaba o nome de “Troia”, porque nos seus barcos levaba un dobre fondo onde se escondían as persoas perseguidas polo franquismo para buscar a liberdade.
O autor soubo dotar de misterio a cada personaxe e darlles relación a todos entre si, cando parecía que non tiñan nada que ver. Simón pasou toda a novela pensando que facía el envolto nesta familia que nada tiña que ver con el para ao final, arrigar que era sobriño e neto de Daniel.
Na miña opinión, o personaxe máis misterioso foi Daniel, xa que para os ollos de todos os cidadáns de Vigo non era máis que un fascista que fuxiu, mais en realidade era unha boa persoa cun gran corazón. Falando de Daniel e do seu cambio de identidade, podemos atopar un personaxe secundario chamado Lugo que tamén tivo que recorrer a un cambio de nome, pasando a chamarse Sr. Noemiña.
Nesta obra non todo é misterio, senón que tamén está presente o amor. Simón e Mariña, no medio das súas aventuras van namorándose acabando xuntos ao final da historia.
O autor toca moi por encima o tema do narcotráfico, aínda que penso que o introduce na novela por ser un problema en Galicia dende hai moitos anos. É unha forma de achegarlle realidade ao marco no que se desenvolve a trama, o sur marítimo de Galicia. Xulio Asúcano, o irmá de Mariña, é un narcotraficante coñecido xa pola policía e por todos os veciños.
Como crítica negativa, destacarei a desaparición dun personaxe, baixo a miña opinión, fundamental para a obra. Ernest Rovira, o secretario da familia Dafonte-Llobet, a unión entre Simón e a familia. Un home coñecedor dos segredos de todos os implicados, que non volve aparecer despois da lectura do testamento. Penso que debería ter máis protagonismo ata o final da novela, xa que tamén creará un vínculo de amizade con Simón.
Para concluír, pareceume unha novela que engancha, fácil de ler a pesar dos xiros e saltos no tempo e das falsas identidades. Tamén ten toques históricos nacionais e mundiais moi ven enlazados. As cousas moitas veces están escondidas diante nosa, e as persoas non sempre son o que parecen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario