martes, 21 de abril de 2026

A identidade cultural, Mabel Martín Allegue (4º ESO C)

Aínda non teño unha opinión moi formada sobre o que supón a identidade cultural e o que a forma, pero supoño que é o que nos diferencia como pobo do resto, o distintivo. Penso que ese distintivo é un idioma propio, uns costumes, unha vestimenta e a fraseoloxía do lugar, pode haber outras cousas que formen a identidade cultural, pero esas son as que sei. 

Existen algunhas culturas que se impoñen sobre outras e tamén pode haber culturas que compartan cousas, en calquera caso, nós coma humanidade temos o dereito de poder coñecelas. Aínda que moita xente diga que o idioma galego só serve en Galicia e outra moita afirme que serve para falar en moitos lugares máis, independentemente de canta xente o fale, o noso deber é conservalo, ensinalo, aprendelo e ser libres para usalo.

Cando por falta de uso e o paso do tempo esquécese un idioma e unha cultura, é porque fixemos algo mal en xeral, a esencia dun pobo non debe esquecerse, xa que conta a historia de onde vimos, e todo o que é coñecemento e historia suma.

Saber e coñecer enriquécenos xa que todo o que se sabe serve para algo, todo contribúe e amplía os nosos horizontes, dá puntos de vista distintos e achega variedade, para non ficar sempre nun mundo igual. Se as persoas fósemos unhas iguais que as outras xa non sería o mesmo, e penso que coas culturas ocorre exactamente iso, se cada pobo ofrece a súa forma de ver a vida e os seus costumes, fan do planeta un lugar moito máis interesante e diverso.

Unha forma de ver as cousas é o que deixamos como humanidade antes de irnos para sempre, xa que non vamos ficar vivos eternamente, pero co paso do tempo aínda que xa levemos anos baixo terra e o que fomos como persoas xa estea comido polos vermes e non se conserve, o que fomos como humanidade e como pobo pode seguir moitos anos máis grazas á cultura e á preservación da identidade.

Que supón para min a preservación da cultura galega?, Daniela Cruz Allegue (4º ESO C)

A preservación da cultura galega, paréceme unha protección da identidade dos galegos. Pouco a pouco imos perdendo tradicións propias da nosa fermosa terra e iso o único que nos provoca é volvernos iguais aos demais. Pode tomarse como algo bo, pero ao final acabaremos perdendo a diferenza do noso pobo galego e volvéremonos copias da nova “cultura” global que se expande polas redes.

Cada vez fálase menos galego, báilase menos, cántase menos… imos perdendo as nosos orixes e o noso sentimento de “irmaus”. Por iso, a preservación da cultura supón algo boísimo, volver ter ese sentimento de unidade sexas quen sexas, volver loitar para protexer os nosos dereitos, non quedar calados.

Hai que manter a nosa lingua fermosa que cada vez se fala menos, a nosa música xunto cos seus bailes… Que se note que a Torre de Hércules non é o único que temos para ofrecer! Temos unha terra riquísima en cultura e non a aproveitamos para nada e temos que ensinarlle ao resto do mundo que somos un dos mellores lugares do mundo.

Resumindo, para min preservar a cultura galega é o mellor, pois significa restaurar os valores perdidos pola globalización que nos distinguían do resto do mundo. Vaise perdendo o sentimento galeguista e nótase moitísimo, xa apenas oio as típicas frases ou bromas e por moi simple que sexa tamén é moi importante.

Temos que enchernos de orgullo pola nosa cultura tan ignorada e deixar os falsos prexuízos de que a cultura galega é de vellos ou só de pobo. A cultura galega é moitisimo máis, é a nosa identidade, e hai que mantela.


A identidade cultural, Mabel Martín Allegue (4º ESO C)

Aínda non teño unha opinión moi formada sobre o que supón a identidade cultural e o que a forma, pero supoño que é o que nos diferencia como...