Preservar a cultura é un esforzo que merece a pena. Coñecer e apreciar os costumes, o traballo intelectual e artístico e o uso de lingua dos nosos antepasados é importante e beneficioso para nosa sociedade en progreso, que avanza tan rápido que ás veces esquecemos a marca profunda que deixaron aquelas persoas ao longo da historia. A cultura debería ser vista como un tesouro e valorada como tal e é a nosa responsabilidade como sociedade mantela e incentivar o máximo posible a creación de medios culturais que queden para a posteridade.
Crear arte, buscar e difundir coñecemento, desenvolver a linguaxe, etc., son accións moi humanas, que nos diferencian do resto de animais. O ser humano, dende o principio, buscou sempre formas de aumentar os seus coñecementos e capacidades, xa sexan en beneficio propio ou para o resto de persoas. Este pracer por aprender é algo propio de nós e é o que nos levou a intentar compartir os nosos descubrimentos e sentimentos ao respecto por medio da escritura, a arte, a danza, as tradicións, a linguaxe...
Milleiros de anos pasaron ata chegar agora onde estamos, grazas a eses avances de todas esas persoas que, aínda que con actos pequenos, deixaron a súa pegada na nosa sociedade.
O que me parece a min máis interesante é como evoluciona a cultura en cada parte do mundo. Como en cada lugar, as persoas aprenderon a mirar o mundo coas condicións de cada contorno, creando así unha identidade diferente e única para cada grupo. Por iso, resulta triste que culturas máis grandes absorban lentamente a outras máis minoritarias, tendendo a unha hexemonía que borra as súas diferenzas, perdéndose así unha parte moi importante da identidade do pobo.
Non digo que non debamos tomar inspiración e referencias doutras culturas que poderían ser beneficiosas para nós como sociedade, senón que non podemos deixarnos perder por completo pola hexemonía que a globalización actual quere impoñer cada vez máis sobre todo o mundo.
Recoñecer as nosas raíces e mirar con admiración todos eses elementos que nos levaron ata onde estamos agora, pode resultar reconfortante e permítenos a reconciliación coa nosa identidade cultural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario