Existen algunhas culturas que se impoñen sobre outras e tamén pode haber culturas que compartan cousas, en calquera caso, nós coma humanidade temos o dereito de poder coñecelas. Aínda que moita xente diga que o idioma galego só serve en Galicia e outra moita afirme que serve para falar en moitos lugares máis, independentemente de canta xente o fale, o noso deber é conservalo, ensinalo, aprendelo e ser libres para usalo.
Cando por falta de uso e o paso do tempo esquécese un idioma e unha cultura, é porque fixemos algo mal en xeral, a esencia dun pobo non debe esquecerse, xa que conta a historia de onde vimos, e todo o que é coñecemento e historia suma.
Saber e coñecer enriquécenos xa que todo o que se sabe serve para algo, todo contribúe e amplía os nosos horizontes, dá puntos de vista distintos e achega variedade, para non ficar sempre nun mundo igual. Se as persoas fósemos unhas iguais que as outras xa non sería o mesmo, e penso que coas culturas ocorre exactamente iso, se cada pobo ofrece a súa forma de ver a vida e os seus costumes, fan do planeta un lugar moito máis interesante e diverso.
Unha forma de ver as cousas é o que deixamos como humanidade antes de irnos para sempre, xa que non vamos ficar vivos eternamente, pero co paso do tempo aínda que xa levemos anos baixo terra e o que fomos como persoas xa estea comido polos vermes e non se conserve, o que fomos como humanidade e como pobo pode seguir moitos anos máis grazas á cultura e á preservación da identidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario