domingo, 15 de maio de 2022

Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro, recensión de Simón Lago Hermida (1º Bach A)

Este libro é unha marabillosa recompilación de lendas galegas, recollidas dos recordos máis arraigados do pobo da Galiza. Antonio García e Antonio Reigosa complementan, ademais, cada lenda do fogar de Breogán cunha pequena composición lírica, que actúa de síntese do poema e axuda coa localización espacial (se non queda expresa no propio título do poema). Ademais, tanto as anotacións a pé de páxina, nas que moitas veces se especifíca o nome daquel que contou a lenda; como as ilustracións, que apelan á imaxinación do lector, son obra de Xosé Cobas, ilustrador moi recoñecido.

Segundo os autores, a idea deste libro naceu dunha coñecida súa, Carmen Pernas, á que lle tiveron que dar resposta negativa ante a súa petición dunha lenda. Entón, o maxín dos dous Antonios comezou a traballar para recoller a tradición oral mítica e galega, debido á imperante perda desta.

Isto, en fin, foi o que os impulsou á creación dunha obra tan bonita coma esta.

Entrando en detalles, as miñas preferidas son dúas. Unha, referente á Charca do Alligal, recórdame momentos pasados naquela poza vilalbesa que queda a poucos quilómetros do Roupar natal da miña nai. A segunda ten un motivo que está máis preto da casualidade do que da realidade, xa que o referente que conta a historia das árbores de Cabreiros, Manuel Cabaleiro, é padriño de Manuel Ángel (Manolo) Cabaleiro, persoa que teño en grande estima.

Penso, en conclusión, que este libro, a pesar do simple, transmite indudablemente a natureza da tradición galega e, así, a beleza do pobo que ten a grande imaxinación para converter, en moitos casos, a ignorancia de fenómenos naturais en incribles historias fantásticas, que transmiten a novas xeracións.

Mecanoscrito da segunda orixe de Manuel de Pedrolo, recensión crítica de Pablo Cagiao Rodríguez (1º Bach B)

 

O exército de fume de Manuel Gago, recensión de Sofía López Iglesias (1º Bach A)

Trátase dunha novela escrita por Manuel Gago, un xornalista, profesor e divulgador cultural, nacido en Ribeira en 1976. Dá clase na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela e tamén é membro do Grupo de investigación en Novos Medios da USC. 

Esta novela narra os acontecementos vividos durante a Segunda Guerra Mundial e as consecuencias da Guerra Civil en España, en tres liñas argumentais a principios de 1942.

A primera liña argumental, a máis relevante, narra a historia de Celia Pardo, unha mestra coruñesa enviada á localidade de Arbia por iniciativa do seu pai. 


Celia descoñece o motivo polo que foi enviada alí pero promételle ao seu pai enviarlle toda a información posible sobre algún suceso importante en Arbia. Tempo despois, sucedeu un encontro inesperado entre a mestra e un alto cargo nazi, chamado Albert Speer, durante un dos habituais paseos de Celia. Depois do encontro Celia chamou ao seu pai para comunicarlle o sucedido. O que Celia descoñecía era que o seu pai, Emilio Pardo, médico de gran sona na Coruña, era un espía que traballaba para a resistencia británica.


A nai de Celia, Esperanza, segundo lle contara o seu pai morrera tras enfermar gravemente de tuberculose.


A medida que avanza a historia coñecemos o gran segredo que Emilio ocultaba con ferocidade a súa filla, a historia da súa nai e as circunstancias da súa morte. Descubrimos que Esperanza, estivo dous anos no cárcere tras asumir a culpa dun delito que non cometeu para salvar o seu marido Emilio. No cárcere, pola malas condicións e insalubridade, enfermou de tuberculose e posteriormente, morreu. Celia, despois de descubrir a historia, séntese traizoada e enganada polo seu pai. Toda a súa vida era unha gran mentira. 


Por outro lado, nárrase a historia de Ramallo, un importante guerrilleiro, case lexendario que actuaba en nome da República contra os dilixentes fascistas da ditadura. A embaixada británica, na que traballaba Emilio Pardo, entra en contacto con Ramallo para dar un golpe nunha mina, chamada Valdareas, expropiada polos nazis e reconvertida nun campo de concentración. 


Ramallo acepta co fin de recuperar a dous amigos que foron destinados alí e pola recompensa que lle proporcionarían os britanicos, que sería destinada para volver a encontrarse co seu fillo, oculto dos problemas que tiña o seu pai.


Tamén, se narra a historia de Urbano Lugrís, un pintor ao que por encargo os nazis lle piden piden un retrato dunha moza, Celia. Urbano, ao ver a fotografía que debía retratar, decatouse de que era coma Esperanza, o seu primeiro amor, que aínda non olvidara. Descóbrese que Urbano e Emilio, na infancia, eran grandes amigos ata que Emilio e Esperanza casan, distanciando a Urbano, que estaba profundamente namorado dela. 


Lugrís decide buscar a Emilio e contarlle que a súa filla é buscada polos nazis. Emilio comunícase coa embaixada e deciden que el e mais Celia debían escapar de España. 


A novela remata nun capítulo apaixonante no que aparece Celia dez anos máis tarde en Nova York como diplomática do goberno británico, alí encontrouse cun vello amigo chamado Brais de Brantuas. 


En conclusión, este libro é moi recomendable e gustoume moito, paréceme imprescindible lelo para comprender unha parte da historia recente na nosa sociedade. Narra  sucesos que aconteceron en Galicia nos primeiros anos da posguerra e que moita xente descoñece como o desembarco de submarinos alemáns en territorio galego para recargar subministros e a resistencia dos guerrilleiros galegos en busca da liberdade que lles foi arrebatada. 



                                                                                                                

Irmá paxaro de Tamara Andrés, recensión crítica de Xoel Lago Hermida (1º Bach A)

 Vou facer unha reflexión o poemario Irmá paxaro de Tamara Andrés da editorial Cuarto de Inverno.
Aparece unha metáfora do sangue que se pode entender de moitas maneiras, pode ser a menstruación, pode ser o abandono da nenez, a separación porque unha sangra e outra non: “o sangue descendeulle/polas coxas/en trenzas/mentres eu comprendía/ o silencio atroz da nai”. Aínda que o último verso o silencio atroz da nai é, para min, un sinal sobre o abandono, sexa da nai, da irmá ou dalgunha outra persoa.
Na miña opinión, diría que María Montes fixo un gran traballo coas ilustracións, onde se ve claramente ese estilo de debuxo que ela fai. Eses debuxos, aínda que ninguén ten a mesma imaxinación, creo que plasman fielmente como xeralmente as persoas verían esas dúas irmás paxaro das que fala a autora. Atopo certa diferenza entre as ilustracións das diferentes partes; na primeira parte aparecen as irmás xuntas, na segunda comezan a aparecer separadas e na última só aparece unha unida ao paxaro que voa.

Escollín este libro porque o vin na mesa da miña nai e sorprendéronme as ilustracións e a portada. Lino porque me interesou e tamén me chamou a atención a reflexión que fai sobre o avance da relación das irmás co paso do tempo.

Eu dividiría o libro en tres partes: dende a páxina 9 á 30, da31 á 48 e da 48 á 75.

Na primeira parte vexo unha historia de dor entres as dúas irmás, unha ausencia. Talvez algún tipo de maltrato do que as dúas irmás son vítimas ou un abandono por parte dos pais. Chámame moito a atención a unión tan forte das dúas irmás, por exemplo, “unha sorría cando a outra choraba e viceversa”. Incluso se pode interpretar que unha queda atrapada no pasado mentres que a outra logra superarse, seguir coa súa vida e cumprir os soños que tecían xuntas polo día pero que esmorecían ao chegar a noite; era tanta a escuridade/de cada hora ”que as lapas/carcomían/por dentro/a esperanza”.

A segunda parte resultoume máis complicada de entender.

Hai como unha metáfora do leite que non acabo de saber moi ben o que significa (xa non ti/senón esoutra onde xa non se recoñecería/a pegada do leite/ no pozo das veas/máis vastas)”. Pode ser o rural oposto ao urbano, pode ser abundacia fronte a escaseza. Contoume miña nai que o leite significaba riqueza pois se tiñas vacas tiñan leite, podías vender o excedente; ela tamén me dixo que lle lembraba á liberdade que tiñan cando ían alindar as vacas e bebían directamente dos tetos sen que ninguén lles dixese nada. Eu, sinceramente, non entendín o significado que lle quería dar.

A terceira parte xera dor, crueza, medo, nostalxia. Con este desenlace faime pensar no duro que é desfacerse de quen queremos; “primeiro perdinte entre as mans/agora despréndeste tamén/ da miña ollada” (páxina 59). A nostalxia vén do recordo e da memoria como forza que nos posibilita non esquecer nin as persoas nin todo aquilo que deixan en nós. Todo é aprendizaxe igual que aprendemos a deixar ir aquelas persoas que estiveron nalgún momento na nosa vida e teñen que marchar, teñen que voar.

En xeral, gustoume esta lectura e sorprendeume bastante. Escollín os aspectos que máis me chamaron a atención e que me fixeron reflexionar. Creo que non se entendería sen as ilustracións, parécenme fermosísimas e un bo complemento da historia.

venres, 6 de maio de 2022

AUTOPOÉTICA DE NOOR MEDINA (2º Bach A)

A partir da Autopoética de Ronseltz 

Vai un vangardista e dille a unha cantante de ópera: cántame esta bonita revolución. 

Vai un poeta moderador e dille ao cobrador da luz: non cobres a miña lámpada que brilla sen luz. 

Vai unha lavandeira e dille a un túmulo: onde está a túa roupa negra? 

Vai un ce con cedilla e dille a unha tónica: ponme música. 

Vai un solpor e dille a un rapaz feo: saca un sorriso que mañá estarás máis guapo. 

Vai unha patria pequena e dille a un porteiro de discoteca: leva unha mensaxe para quen a entenda. 

Vai o mariscal Pétain e dille a un porteiro de discoteca: deixaches pasar a musa? 

Vai un leixaprén e queda colgado nunha sala X: agora non quere saír de aí. 

Vai a alborada de Veiga e faise de noite, e entón dille ao cristián de base: atopamos refuixio na fe. 

Vai a néboa dun verso, saise do poema e acata a Constitución: saíu da liberdade. 

Vai unha musa e dille ao porteiro da discoteca de antes: onde está o mariscal Pétain? 

Vai unha obra Hermética e dille a unha Asociación de Pais: o sincretismo dos nenos xrode da pureza das súas ideas.

luns, 28 de marzo de 2022

POEMA DE MIRIAM FERREIRO (1º ESO A)


O Martes tocaron as campás da igrexa.
O Mércores, no bus lembreime dalgún conto.
O Xoves descubrín unha historia castrexa.
O Venres fun parte dun curioso reconto.
O Sábado sufrín en carnes a envexa.
Non soaron os espertadores o domingo.
O luns xoguéi cos meus amigos ó bingo.

POEMAS DE DAVID LÓPEZ (1º ESO A)

 


O martes tocou clase pola tarde.
O mércores, no bus, sentinme cansado.
O xoves atopei un neno covarde.
O venres explorei un sitio apartado.
O sábado sentinme un paxaro feliz.
Non soou a guitarra no meu lado.
O luns xoguei ao parchís.

POEMA DE LAURA LÓPEZ (1º ESO A)


 Cando quero falar

      digo Helena.

      Digo Helena

      cando quero falar con ela.

      Digo Helena

      cando quero ir a Bruselas.

 

     Cando quero cantar

     digo Helena.

     Digo Helena

     cando vou a un concurso.

     Digo Helena

     e tócame facer un curso.

 

   Cando quero bailar

   digo Helena.

   Digo Helena

   cando o día é estraño.

   Digo Helena

   e remata este ano.

POEMA DE LUCÍA PÉREZ ROCA (1º ESO A)


O martes tocou carne con patacas.

O mércores, no bus, xogamos ao parchís.

O xoves escribín unha rima de maracas.

O venres explorei o Parque de Eirís.

O sábado sentinme coma se me atropelasen unhas vacas.

Non soou o domingo o espertador.

O luns xoguei a ser o emperador.

venres, 25 de marzo de 2022

PAREADOS DE DAVID LÓPEZ (1º ESO A)

Non encendas o camión,

que ese non é o botón.


Non retires a botella,

que suxeita aquela tella.


Non collas o meu horario,

mellor colle o dicionario.

PAREADOS DE LAURA SÁNCHEZ (1º ESO A)

 Sempre había unha nena no mar

                que non paraba de chorar

              

Esta caixa é moi lixeira,

             parece que non está enteira

             

 Déixame ese caldeiro,

             que mo pide o cesteiro              

xoves, 24 de marzo de 2022

PAREADOS DE MIRIAM FERREIRO PÉREZ (1º ESO A)

 


Ese é o abrigo máis lixeiro,
que habita no mundo enteiro

Será por non atopar, 
unha estrela preto do luar.

Unha figura ben feitiña, 
semellante á dunha meniña.


PAREADOS DE LUCÍA PÉREZ ROCA (1º ESO A)

 Xa non hai espazo no palleiro,

de tanta pota e caldeiro.

Ela é tan alta,
que xa non colle baixo a manta.

Regaláronlle un reloxo,
e cambiouno por un estoxo.

A aquelas velliñas,
encántanlles as xoaniñas.

luns, 14 de marzo de 2022

Tes ata as 10 de Francisco Castro, recensión de Marta Fernández (1º Bach A)

Tes ata ás 10 é unha novela de misterio e suspense do escritor galego Francisco Castro; a cal se desenvolve nas cidades galegas de Vigo e A Coruña.

A historia comeza cando, despois do enterro do Director do Eco de Vigo, o seu fillo Antonio recibe unha mensaxe electrónica a nome do seu defunto pai: “Tes ata ás 10”.

A partir dese momento Antonio tentará coñecer quen está detrás deses correos, e cal é o seu cometido. Con axuda de pistas e máis gmails que recibe, vai descubrindo o verdadeiro pasado do seu pai. Nesta pescuda contará coa axuda da súa compañeira de traballo, Celia, coa que mantén unha relación amorosa.

A medida que achan novos descubrimentos, serán conscientes das limitacións que había no ámbito xornalístico, e para a sociedade en xeral, durante o réxime franquista; as historias de amor que tiveron que quedar ocultas polo pensamento da época, e das penurias dos matrimonios concertados.

É un libro no que cada vez que pensas que a historia remata dun xeito, os acontecementos dan voltas sen que o esperes para coller outro rumbo completamente distinto; no que as historias das personaxes únense e mestúranse dunha forma incrible; no que formas parte da investigación e vas descubrindo a verdade á vez que o protagonista, e no que as principais pistas son citas referidas a libros clásicos coma “A illa do tesouro” ou “Vinte mil leguas baixo dos mares”.

Se che gustan ese tipo de historias, recoméndoche que leas “Tes ata ás 10”, porque estou segura de que este libro está feito para ti. Na miña opinión é unha novela entretida que consegue manter a intriga ata o final e que, no desenlace do misterio, da tantos xiros á historia que te fai quedar coa boca aberta.

venres, 11 de marzo de 2022

Made in Galiza de Séchu Sende, recensión de Samuel Sumay (1º Bach A)

Made in Galiza é un libro de relatos curtos escrito por Séchu Sende.

Séchu Sende é un escritor licenciado en Filoloxía Galega coñecido tamén por libros como Orixe. Os seus libros, particularmente este foron traducidos a múltiples idiomas.

Made in Galiza é un libro sen unha trama principal, son un conxunto de historias nas que se critica o conflito lingüístico que se está a vivir en Galiza dende diferentes puntos de vista, decote un neno ou unha nena que amosa desconcerto ante a situación. Esta variedade de puntos de vista achega unha oportunidade de falar de temas que non adoitan ser cómodos.

Por poñer un exemplo, ao final dun relato di: 'No estado de euforia exprésase un compromiso coa lingua en termos optimistas, e que no estado típico de baixón xorde o pesimismo existencial galego: 'Non hai que facerlle. Éche o que hai'. Este sentimento creo eu que non nos é alleo á meirande parte de nós, o autor fala destas situacións nun ton ridículo e ata gracioso ás veces.

Como esta hai moitas outras situacións habituais que todos nós temos experimentado e que el consegue transformar nun relato. Neste relato transmite a súa visión sobre o asunto e no que intenta animar á xente a tomar unha decisión propia.

Algúns dos meus relatos favoritos son:

UNHA PALABRA COMÚN

Este é un relato no que a personaxe protagonista é unha palabra que explica a súa vida como palabra e o medo que ten ás desaparicións de palabras cando aparece un castelanismo. Ela teme que un día calquera chegue un castelanismo que a substitúa e que a ela a esquezan.

Este relato trata o tema da deturpación do vocabulario do galego pola entrada en masa de castelanismos, xa que unha lingua ten unha certa resistencia á entrada de palabras estranxeiras, mais cando se converte nun fluxo masivo de vocabulario para o que xa existía unha palabra na lingua orixinal o vocabulario desta comeza a perder forma e a perderse.

NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS

Neste relato cóntasenos a historia dunha oficina de obxectos perdidos á que a xente vai para recuperar a súa lingua, isto é, o momento no que pasaron de falar en galego a falar en castelán. Isto crea unha situación un tanto cómica que fala da desgaleguización e de como a xente quizais non se decata do proceso xa que van a recuperar a súa lingua 10 ou 11 anos despois. Ata que un día se decatan e tentan recuperar a súa lingua e con ela algo da súa identidade.

O HOME QUE AGARDABA QUE LLE DIXESEN QUE FACER.

Esta historia trata sobre a xente indecisa, xente que xa sexa por pensar demasiado ou por medo ao que digan os demais nunca dá o paso ou toma ningunha decisión por orientar a súa vida. O protagonista é un home cuxa vida é basicamente seguir as ordes dos demais, e non porque sexa parte do seu traballo senón porque non sabe que facer el mesmo.

Realmente foi unha das historias que máis me gustaron xa que son bastante parecido ao protagonista, sigo ordes bastante ben pero unha vez que quedo sen instrucións non consigo decidirme ou saber que facer, entón esta historia serviu para abrirme os ollos sobre que nalgún momento vou ter que tomar unha decisión sobre que facer coa miña vida e deixar de perder o tempo.

En conclusión, pareceume un libro ás veces gracioso e interesante que está moi ben narrado. Recomendaríallo a calquera persoa que queira comezar a comprender o problema da diglosia ou do conflito lingüístico dun xeito ameno e entretido, ata chegando a rir co ridículas que son algunhas situacións.

 

 

Tes ata as dez de Francisco Castro, recensión de Diego López (1º Bach B)

Tes ata as 10 é unha novela de misterio publicada no 2014 pola Editorial Galaxia e escrita por Francisco Castro. Trata temas como o misterio, a morte ou o amor. Esta obra está escrita en primeira persoa e o presente mestúrase co pasado.

A historia comeza presentándonos a Toni, o director dunha editorial, que vinte anos atrás mudárase á Coruña para afastarse da mala relación coa súa nai. O día seguinte da repentina morte do seu pai, a editorial estaba xa pechada e só quedaban Celia e Toni, algo habitual xa que os dous eran apaixonados de seu traballo. Celia estaba no posto do protagonista, cando recibe un mensaxe no correo electrónico a nome do seu pai, dicíndolle “fillo meu, tes ata as dez”. Nun principio Toni pensou en que era unha broma de mal gusto, máis tarde comezou a recordar uns xogos que facía co seu pai de neno mentres traballaba no Eco de Vigo, xornal dirixido polo seu pai. Estes xogos só os coñecían Toni mais o seu pai, así que non podía ser unha broma, por tanto Toni porase mans á obra para chegar ao fondo do misterio que descubrira segredos da vida dos seus pais. A través de correos electrónicos, cartas e pistas Toni descobre que o pai ten unha segunda vida, o motivo do odio da súa nai, e a autora das mensaxes que chegaban baixo a identidade do seu pai. Tamén descubrimos a historia recente de España e Galicia, e onde o presente se mestura co pasado.

Nesta novela Francisco Castro ofrécenos unha historia cargada de intriga e solucións inesperadas. Cando cres que as cousas se encamiñan cara un sitio, unha nova pista lévate a outro sitio distinto, para o lector, todos son sospeitosos, polo que Francisco Castro é un moi bo escritor de novela de intriga.

Na miña opinión, esta obra é divertida e interesante e consegue somerxer o lector na obra. Cunha linguaxe moi sinxela consegue que sexa fácil de entender, o que a fai máis entretida que incomprensible. Esta forma de escribir tamén cambia dependendo do momento da historia, facendo a lectura máis intensa ou máis lixeira. Este libro ten unha boa trama, con moitos subtemas tamén interesantes, o que fai que non te canses de ler todo o tempo o mesmo tema. Os personaxes son persoas normais, con problemas normais, o que fai que o lector teña máis empatía cos protagonistas. Este libro conseguiu algo que moi poucos fixeron, que queira ler sempre un capítulo máis, e sempre me faga quedar coa intriga de que pasará. Outro punto positivo do libro é que ten un final moi inesperado, o que reafirma que Francisco Castro é un gran escritor de novelas de misterio. Sen ningunha dúbida, este libro gustoume moito e déixame con ganas de ler máis obras deste autor, un libro moi recomendable.

martes, 8 de marzo de 2022

Agosto do 36 de Xosé Fernández Ferreiro, recensión de Lucía e Diego Suárez e Emma López (1ºBach A)

 

Aire negro de Agustín Fernández Paz, recensión de Candela Ferrín Sabio (1º Bach A)

Esta obra, escrita por Agustín Fernández Paz, pertence ao xénero de suspense, esta novela fai unha mestura entre intriga, terror, amor e fantasía. Nestas novela encóntranse referencias literarias e de algúns autores. A linguaxe nesta novela é culto nalgunhas ocasións, e noutras é urbano.

Un dos temas principais é Galicia, as súas terras, os seus habitantes....

A estrutura desta novela é sinxela, está dividida en tres partes: a primeira narrada por Víctor Moldes, a segunda narrada pola protagonista Laura Novo, e a terceira e última parte narrada de novo por Víctor Moldes.

Nas partes narradas polo señor Moldes falan de como coñeceu a Laura e como foi a súa convivencia con ela, como avanza o seu tratamento e como a súa obsesión por axudala faise cada vez maior.

Na parte central narrada por Laura conta a súa historia, é unha narración dos recordos da súa vida. Aínda que esta historia ten un enigma, é realmente real o que Laura conta? E todo unha fantasía inventada na súa cabeza?

- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -

· Opinión:

Aire negro é unha novela absorvente, de breve duración e o seu ritmo de lectura é rápido. A historia atrapa, e a misterio de Laura Novo faise cada vez máis interesante.

Augustín Fdez. Paz crea unha mestura do mundo real, o mundo psíquico e o mundo da fantasía. Este inclúe lendas da propia Galicia e a escuridade que hai nelas.

Esta novela ten un final aberto, o que deixa a novela como inacabada. Debido a isto o lector sinte certa dúbida de se o relato é certo.

Paréceme unha novela moi interesante, como relata con moita delicadeza a historia de Laura e a súa relación médico-paciente co señor Víctor.

A única pega que podo poñerlle é o final aberto, é certo que prefiro ler libros cun final concreto non cun final que deixe dúbidas o teñas que imaxinar como acaba; aínda así recomendo ler esta novela, sobre todo se vos gusta o xénero de suspenso ou terror.


venres, 4 de marzo de 2022

Reo de Xesús Fraga, recensión de Sara Sánchez Blanco (1º Bach B)

Traballos de Lúa de Senegal de 1º ESO A

Lúa de Senegal de Agustín Fernández Paz, presentación de Daniela Hermo (1º ESO A)

A miña planta de laranxa lima de José Mauro de Vasconcelos, recensión de Cayetana Arduíno Suárez (1º Bach B)

Noite de voraces sombras de Agustín Fernández Paz, recensión de Irene Romero Castro (1º Bach B)

O neno do pixama a raias de John Boyne, recensión de Sofía Losada García (1º Bach B)

O que sei do silencio de Andrea Maceiras, recensión de Sofía Caride (1º Bach B)

A ira dos mansos de Manuel Esteban, recensión de Lucía Suárez Ramos (1º Bach B)

Un bosque cheo de faias de Francisco Castro, recensión de Ricardo Fernández (1º Bach B)

A praia dos afogados de Domingo Villar, recensión de Laura Novo González (1º Bach B)

O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas, recensión de Helena Santos (1º Bach B)

 

Ardalén de Miguelanxo Prado, recensión de Daniel Seara Cortés (1º Bach A)

O meu libro é un cómic chamado Ardalén de Miguelanxo Prado cunha notable popularidade xa que foi agasallado como Premio Nacional de Cómic pola súa calidade de debuxos nas viñetas e a historia que conta.

Esta novela foi publicada en 2012, conta cun total de 256 páxinas distribuídas en 9 capítulos e a historia xira en torno a unha vila non moi coñecida de Lugo. O principal tema desta novela é “a memoria” e o argumento é “a capacidade dos recordos de alterar a nosa personalidade”. O título “Ardalén” significa vento húmido que provén de América, o cal enreda nas memorias das persoas recordos de persoas descoñecidas que afogaron.

A protagonista deste cómic é Sabela, unha muller recién divorciada e desempregada que pasa o seu tempo nunha vila tratando de reunir o pasado do seu avó Francisco, o cal esconde unha gran cantidade de misterios da súa emigración a Cuba buscando maior estabilidade económica, abandonando a súa familia e morrendo alí, sen que ninguén soubese nada del. Aínda que a historia xira en torno á busca de Sabela por investigar a vida que escondía o seu avó, dende o meu punto de vista Fidel, unha persoa de gran idade da vila ao cal chaman “O náufrago” adquire unha maior importancia na historia xa que este ten unha característica única e que o fai moi especial, ten recordos moi pouco precisos da súa emigración, chegando a ter coñecido a Francisco, o pai de Sabela, o certo é que estes recordos non son seus xa que ao longo da novela pódense apreciar uns recordos de Fidel chamándoo polo nome de Antonio e ao final da novela amósase de maneira moi destacada a persoa á que pertencían estes recordos, un verdadeiro emigrante pero que morrera a causa doutro membro da tripulación por razóns descoñecidas. A Fidel cústalle distinguir os recordos das dúas persoas, chegando a recibir visitas á casa de pantasmas como Ramón; o mellor amigo de Antonio, Rosalía; a muller de Antonio e Francisco, os cales comezan a refrescarlle a memoria a Fidel sobre os seus recordos como emigrante e a relación que este tiña con Francisco. Desgraciadamente, a tarefa de Sabela de informarse acerca do seu avó, vese dificultada por un home da vila, o antagonista, chamado Tomás o cal pensa que a finalidade da visita de Sabela á vila é en busca dos tesouros que trouxo Fidel de Cuba, ten un pensamento equívoco xa que Fidel ten uns recursos moi limitados e a Sabela nunca se lle ocorrería pensar niso. Despois dun tempo falando con Fidel, Sabela comeza a coñecer as razóns de que Francisco nunca volvera a súa casa, resulta que o seu avó chegara a ter unha gran estabilidade económica en Cuba e mandara unha gran cantidade de cartas á familia de Sabela pedindo que fosen vivir onda el para non se preocupar máis do diñeiro, este chega a volver a España pedindo que a súa familia marche con el. A petición de Francisco é negada e sendo advertido de que se volve emigrar non vai poder volver. A pesar da ameaza, Francisco segue mandando diñeiro á súa casa e cartas que nunca chegaron a ser contestadas. Este termina morrendo a unha idade moi avanzada sen casarse no seu novo fogar despois dun día de esmorga, parándoselle o corazón de súpeto. Esta novela ten un final moi inesperado xa que cando Sabela obtén toda a información que buscaba e recibe a noticia dunha entrevista para un novo traballo, é asaltada por Tomás xusto antes de marchar da vila, o cal busca agredila pensando que segue a esconder as verdadeiras razóns da súa visita á vila pero inesperadamente aparece Fidel e Tomás remata morrendo a mans de este.

Gustoume moito este libro, persoalmente opino que este libro merece unha oportunidade para ser lido, as fermosas e precisas imaxes que presenta deleitan ao lector á vez que nos permite darlle cor e forma ós distintos lugares nos que ten lugar a historia. Ademais, explica dun modo moi realista a situación das persoas que emigran ou emigraban e como se ían perdendo os recordos destas ao emigrar. Recomendaría este libro a todas aquelas persoas que lles guste ler cómic ou lles gusten as novelas narrativas cunha historia única pero moi impactante e apasionante.

 

Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro, recensión de Simón Lago Hermida (1º Bach A)

Este libro é unha marabillosa recompilación de lendas galegas, recollidas dos recordos máis arraigados do pobo da Galiza. Antonio García e A...