domingo, 6 de novembro de 2022

A cabeza da medusa de Marilar Aleixandre, recensión de Alma Quing Ramas Corrales (1º Bach B)

A cabeza de Medusa é unha novela que mistura a mitoloxía grega coa realidade, publicada no 2008 e escrita por Marilar Aleixandre. Foi “Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2008”.

María Pilar Jiménez Aleixandre naceu o 1 de Maio de 1947 en Madrid (España). Licenciouse en Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid e foi nomeada Catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais en 1996, na Universidade de Santiago de Compostela.

É membro da “Real Academia Galega” dende 2017 por adoptar o galego como a súa lingua literaria e gañadora de numerosos premios, sendo o máis recente o “Premio Nacional de Narrativa” pola obra As malas mulleres.

Esta novela sitúa a dúas amigas, Sofía e Lupe, que, despois de asistir a unha festa de disfraces, son violadas a altas horas da madrugada. A partir dese momento, cargan o mesmo sufrimento ca Medusa e comeza a debaterse se superar todo e denuncialo ou gardalo para elas mesmas.

Ao principio de cada capítulo, hai anotacións de libros como A Biblia ou A Metamorfose, que fan referencia ao capítulo e tamén partes de periódicos relacionados coas violacións, o tema principal desta obra.

A historia está baseada no mito de Medusa, un personaxe da mitoloxía grega, chegando a facer referencias á mesma, como, por exemplo, os títulos de cada capítulo ou de cada parte.

Este mito conta que Medusa, unha muller normal e corrente, foi violada polo deus Poseidón/Neptuno, no templo sagrado da deusa Atenea/Minerva. Como ela era unha deusa virxe, aquel acto impuro foi como deshonrar o seu nome e decidiu convertela no que é agora, facendo que cada vez que miraba a alguén, sobre todo a algún home, o convertería en pedra, e sumándolle aquela cabeleira de serpes que a facía ver horrible.

A miña opinión persoal sobre esta novela é que me gustou bastante polo realismo desta. Como fan da mitoloxía grega, a forma de plasmar o mito de Medusa foi algo que nunca vira antes porque nunca me parei a pensar en como sería contada ese mito na vida real.

E a razón de por que elixín esta obra é porque, como adolescente, gústame ler obras que reflicten os temas reais e comúns desta etapa que nós vivimos (violacións, alcohol, abusos, etc) nas historias xuvenís e reflexionar. É algo que todos deberían facer para poder decatarse do mundo no que vivimos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Traballos creativos do alumnado de 1º Bach