O protagonista foi unha persoa real, e as cartas que lle enviaba a súa moza atópanse actualmente conservadas no museo de Peniche, en Portugal.
Esta novela segue a vida dun home de San Pedro de Moel (Portugal), Dinis Miranda, que cunha retrospección nos conta a súa historia; nace da aventura entre un home xa comprometido e a súa nai, orfa e sen diñeiro. Medra na súa vila, pescando e traballando na fábrica do seu pai biolóxico (que nunca chegou a coñecer), ata que aparece Filipa, filla dun mercader portugués acomodado, e neta da terratenente de San Pedro de Moel, Dona Leonor.
Cando a rapaza entra na súa vida, todo cambia; tras pasar varios anos tendo unha relación ás agochadas, ela comeza a amosarlle a verdade do mundo no que viven, e ser recrutado para a mili remata de espertalo do sono no que estivera. Ao volver das colonias ten outra perspectiva da vida, así que decide entrar nun grupo comunista (ilegal), para organizar unha revolta na fábrica na que traballa. Despois da revolta méteno no cárcere para presos políticos de Peniche, onde vive innumerables torturas. Mentres, Filipa busca a maneira de visitalo, mais cando o consegue é recoñecida polas autoridades que intentan detela, así que, xunto co seu pai marcha ao Brasil para escapar. Pouco despois recibe unha carta do goberno portugués comunicando a morte de Dinís, e máis tarde recibe outra notificando a morte da súa avoa, perdendo así calquera conexión con Portugal. Ao mesmo tempo Dinís empeza a facer aliados no cárcere para organizar unha revolta e poder escapar. O 27 de abril de 1974 Dinís e os seus compañeiros son liberados do cárcere grazas á Revolución dos Cravos..
Con este libro podemos ver dunha maneira máis profunda a realidade da ditadura, o sufrimento que provocou e como a xente loitou contra ela ata o último momento, buscando o mellor para as súas familias. Ao ter ese compoñente de realidade impáctanos máis, porque imaxinar que todo o que lle pasou a Dinís aconteceu de verdade, e non só a el, senón a moitísimas máis persoas, é devastador.
Na miña opinión, recomendaría a todo o mundo esta novela, o contexto histórico está moi ben explicado e non é necesario ter un coñecemento previo para entendelo, ademais a escritora ten moi en conta os sentimentos das personaxes, facendo que conectemos moito con elas e que as entendamos mellor. Eu destacaría que neste libro case non hai partes de recheo, todo o que acontece sucede por un motivo, e non existen as causalidades, polo que hai que estar moi atento para poder seguir o fío. A única advertencia que eu faría é que trata temas coma a violación, a tortura e a morte, polo que non recomendaría esta lectura a persoas sensibles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario