Círculo vicioso é unha novela negra e urbana publicada por Manuel de Pedrolo en 1968, e máis tarde en 1999 xa traducida ó galego en Vigo.
Manuel de Pedrolo é un escritor catalá nacido en 1918 e falecido en 1980. Pasou por un campo de concentración ó final da Guerra Civil. É unha das figuras máis representativas e relevantes da literatura catalá do século XX. Na súa produción narrativa destacan títulos como Mecanoscrito de segunda orixe, Xogo sucio ou o propio Círculo vicioso. Estes libros foron todos publicados en galego pola Editorial Galaxia.
A obra, contada en primeira persoa e ambientada en Barcelona, conta como un traballador chamado Jordi, que levaba informes comerciais, informes prematrimoniais, solvencias económicas e algúns asuntos comprometidos, descobre unha morte misteriosa, e a través dalgúns interrogatorios a veciños intenta conseguir información para descubrir os parentescos do falecido. Interroga a bastantes persoas, como Gloria, os Méndez, Eusebio...
Non contarei o final porque iso lle quita a graza a ler a obra, cousa que non podo permitir xa que realmente recomendo esta novela.
Á xente namorada da novela negra encantaralle, é unha obra complexa pero que se pode seguir con facilidade, e por iso mesmo tamén pode ser lida por lectores acostumados a outro tipo de obras. A historia provoca bastante intriga e ao ir lendo o libro dan ganas de non parar, sobre todo a partir da metade do argumento, porque polo menos eu necesitaba saber o final.
Só direi que a medida que avanzan os sucesos descóbrense máis cadáveres relacionados coa investigación, e que a persoa que estaba no cemiterio estaba morta, mais “ocupaba” o sitio da persoa sobre a que se investiga. É máis fácil de entender do que parece se se lle presta un mínimo de atención á lectura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario