xoves, 3 de novembro de 2022

Ollos de auga de Domingo Villar, recensión crítica de Daniel Felípez Eirín (1º Bach C)

Domingo Villar Vázquez foi un escritor que naceu en Vigo o 6 de Marzo de 1971 e faleceu o 18 de Maio de 2022, foi coñecido pola súa obra Ollos de Auga que tivo un éxito internacional e foi traducida a múltiples idiomas.

É unha historia ambientada na cidade de Vigo, dous inspectores, Leo Caldas, que presenta un programa de radio, e o seu compañeiro Rafael Estévez investigan o caso de Lois Reigosa asasinado aparentemente por celos ou por amor.

Leo Caldas atópase na cabina de radio do seu programa, Patrulla nas ondas cando recibe unha orde de que debe acudir á comisaría. Xa alí reunido co seu compañeiro Estévez encoméndaselles un caso e diríxense ao lugar do crime. Alí encóntranse co equipo que estaba a analizar o suceso e coa señora da limpeza que fora a que o denunciara. Recolleron as pistas necesarias e comezaron coa investigación non sen antes de que o forense lles explicara que Lois morrera porque se lle inxectara algunha substancia nos testículos.

Tras facer unha serie de preguntas, descobren que a vítima traballaba nun bar orientado a xente homosexual e alí encontran a Orestes, amigo de Lois, que queda atónito ao enteirarse da morte do seu amigo e a quen Leo Caldas convence para falar un día.

Mentres que os días pasaban, os inspectores presentábanse na farmacéutica para saber que tipo de medicamentos vendían e entre todos os mencionados estaba o Formol, que era o que buscaban e, acto seguido, diríxense á casa do dono da farmacéutica, o señor Dimas Zuriaga. A visita non fora moi produtiva, xa que non sacaran nada en limpo e quedaran con dúbidas.

Xa chegara o día de falar con Orestes, pero este non aparecía polo que Leo foi buscalo á súa casa e para a súa sorpresa este estaba morto.

Tras saber este suceso, o axente avisa o seu compañeiro e volven á residencia do señor Zuriaga, alí mostráranlle unha serie de fotografías que sacaran do ordenador de Orestes nas que aparecían el e Lois Reigosa. Nese mesmo intre o señor Zuriaga díxolle que mantiña unha relación con el dende había tempo pero temía que a súa muller o descubrira, xa que dun tempo a esta parte chegáranlle unha serie de correos electrónicos con ameazas de que publicarían as fotos dos dous amantes a non ser que se depositara unha cantidade de cartos no monte.

Leo Caldas, nun momento de concentración, uniu todas as pistas e chegou á dedución de que a muller de Zuriaga era a culpable, polo que detiveron a muller e confesou o seu crime, o asasinato de ambos rapaces fora polos celos que lle producira Lois Reigosa ao ver que o seu marido a enganaba con el.

O libro encantoume, a forma na que describe os personaxes e o contorno fai que poidas imaxinar todo o que está a pasar sen ningún tipo de dúbida. O vocabulario que emprega é perfectamente entendible e axuda á fluidez da lectura. O que máis me gusta é a capacidade de poder darlle a volta á situación porque en ningún momento pensaba que a culpable sería a muller. Recomendaría este libro a calquera persoa que lle guste a novela negra xa que é moi entretida e fórzate a ler ata rematar o libro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Traballos creativos do alumnado de 1º Bach