venres, 4 de novembro de 2022

Infamia de Ledicia Costas, recensión literaria de María Prieto Rodríguez (1º Bach C)

Infamia é unha novela negra de ficción e misterio escrita pola célebre autora Ledicia Costas, publicada no 2019.

Ao redor dunhas 270 páxinas, mergullaranos nas historias dunhas personaxes moi diversas e nun crime sen resolver, que atormenta a todo a vila de Merlo, ao que a nosa protagonista, Emma, acaba de mudarse. Tráfico de influencias, persoas corruptas en postos de poder, o tratamento dos casos de desaparición, a pederastia na igrexa, o amor e, sobre todo, o pasado, son temas que este libro tratará sen escrúpulos dun xeito no que as lectoras/es serán forzadas/os a dubidar da súa propia moralidade. Os perfís das personaxes non son para nada idílicos, xa que todas elas teñen grandes defectos, cousa que os fai ver moitos máis reais, aínda que dun capítulo a outro podes cambiar radicalmente de opinión e levar unha grandísima decepción con algún deles. Ao rematar a novela, quedas cunha incrible insatisfacción pola forma na que remata, deixando un halo de misterio e unha sensación agre no corpo, que ansía seguir consumindo as vidas e miserias destas personaxes.

Este libro ten un léxico coidadísimo, facilitando así a inmersión absoluta na lectura, pode resultar bastante forte nalgunhas partes explícitas e bastante doce ou sensual noutras. Esta mestura de narrativas resultan moi cautivadoras e faino pracenteiro de ler. Algo que se pode apreciar é como a autora, cara o final do libro, vai facendo os capitulos máis e máis curtos, pero aumentando a intensidade destes.

Como conclusión, gustaríame rematar falando das personaxes máis emotivas para min, Noel e Salva, vítimas de abusos por parte do clero da igrexa da vila. Gústame moito a personaxe de Noel, pola implementación dun home homosexual adulto (aínda que estea no armario) na trama e como expoñía ese medo que tiña a sentir pracer e afrontar a súa homosexualidade, crendo que esta era froito dos abusos previos. Polo outro lado, empaticei moito co xeito que tiña Salva de explicar ese trastorno disociativo, que anos despois derivará nunha profunda depresión. É moi emotivo o concepto de converterse nunha balea e navegar sen rumbo no inmenso cosmos. Tamén me gusta como eles dous queren sacar a verdade á luz, tanto do caso dos abusos da igrexa (que non só foran propiciados a eles), coma o asasinato dunha das irmás Giraud propiciado por Rubén máis tódolos seus pais, dos que eles eran cómplices.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

HOMENAGEM A LUÍS DE CAMÕES