Carlos Manso é un
inspector de policía que, unha madrugada calquera, recibe unha chamada dos seus
compañeiros: atoparan un cadáver. Cando chegou ao lugar, decatouse de que era o
corpo dunha moza nova -de entre 15 e 20 anos-, pequena e de pelo louro. Porén,
o que máis lle chamou a atención era que se trataba dunha moza con Síndrome de
Down. O inspector de policía estrañouse cando, ao ver isto, se lle removera algo
no seu interior, que cría adormecido, despois de tantos anos traballando no
corpo: un desexo de vinganza, de atopar o culpable do asasinato daquela moza.
Nesta historia estarán involucrados personaxes importantes, como Lorena,
directora do centro de día de Alza-Down, no cal Violeta -a moza asasinada-
adoitaba pasar moito tempo. Finalmente, descubriranse os lazos das persoas que
rodeaban a Violeta e os motivos do seu asasinato.
Non obstante, esta
historia soamente é unha parte do libro. Logo de ter resolto o caso, Carlos teralle
que facer un favor a Lorena, pois unha das persoas do centro no que traballa
estaba envolta noutro asasinato, e, malia que era inocente, tiña escasas
posibilidades de demostralo. Esta é a historia de Pedro, que, pese ás poucas
vantaxes -por non dicir nulas-, que lle proporcionarían a Carlos traballar na
investigación, o inspector decide intervir no caso, motivado pola historia de
Violeta, que tanto o conmovera. Así, terá que atopar unha resposta a este
complicado crime, que se entroncará con outros, tendo como relación a actuación
das mafias serbias en Galicia.
Para rematar esta
recensión, quería comentar que esta é unha lectura que recomendaría a todo o
mundo. Trátase dun libro moi interesante que fala sobre a situación das persoas
con discapacidade intelectual na sociedade, as dificultades ás que se teñen que
enfrontar para intentar adaptarse e os prexuízos que os arrodean e cos que
teñen que convivir diariamente, sendo considerados inferiores (os mansos, de aí
o nome do libro) ás demais persoas, malia que, como se deixa ver no libro, son
en moitas ocasións máis humanos que moitos outros. Inclúe unha profunda reflexión
por parte do escritor, transmitida a través dos pensamentos do protagonista, na
que todos deberiamos pararnos a pensar. Ademais, aínda que poida parecer
difícil polos contidos que trata, resulta unha lectura fácil e rápida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario