domingo, 29 de maio de 2022

Made in Galiza de Séchu Sende, recensión literaria de Diego Vilela Quintela (1º Bach A)

 

Made in Galiza é o nome do libro que tiven que ler para esta terceira avaliación, e a verdade é que me gustou moito. Escollín este libro, xa que, ao ver o seu título, me chamou moito a atención e me fixo escollelo entre outros moitos.

Ao comezar a lelo, chamoume moito a atención a maneira e a forma na que estaba escrito e distribuído este libro. Probablemente, se comezas a ler agora o libro, daraste conta de que está distribuído en moitos capítulos de temas moi diversos, pero todos relacionados coas linguas e a comunicación, que penso que foi clave para o desenvolvemento humano. En total hai 42 contos con personaxes e argumentos diferentes, moi breves e rápidos de ler. Por exemplo, hai capítulos de apenas 2 páxinas, polo que impresiona bastante a orixinalidade que tivo o escritor (Séchu Sende) á hora de escribir este libro.

Chamoume a atención a forma coa que fala, pensa e critica a nosa lingua que se está perdendo. Poderíase dicir que se trata dun libro máis ou menos sociolingüístico, xa que conta, mediante cada capítulo, as diferentes actitudes da sociedade sobre o galego. Por exemplo, hai un relato que trata sobre un bebé, que nos conta dende o seu punto de vista, que os seus pais falan diferente entre eles e os seus avós (falan en galego) e cando lle falan (porque lle falan en castelán), polo tanto non entende porque lle falan diferente a ela. Neste capítulo de exemplo, podemos observar como este é un tema que ocorre en moitas casas, xa que nalgunhas familias trátanse e comunícanse entre eles en galego, e aos seus fillos ou netos lle falan en castelán. Polo tanto, por capítulos como este penso que Séchu Sende escribiu un libro de temas sociolingüísticos, que el trata cunha orixinalidade e retranca, que non moitos escritores son capaces de facer, xa que (polos menos a min) me fixo reflexionar bastante sobre a nosa lingua.

Tamén me gustou moito un capítulo no que basicamente aparece un cartel, ocupando toda a páxina, que dá as instrucións para comezar a falar unha lingua calquera, neste caso o galego. Destaca o humor que ten o autor á hora de escribir o libro, porque fíxome moita graza a frase dese cartel que dicía que non notará o cambio de antes de falar a lingua e despois de falala e aprendela.

En conclusión, foi un libro que me gustou moito ler xa que está escrito dunha forma moi orixinal, ao igual que o contido, ademais de que é breve e rápido de ler. Como dixen antes, cada capítulo trata un tema diferente, polo que cada un faite reflexionar sobre o uso da nosa lingua que se non se fai nada, perderase.

Sinceramente, recoméndolle este libro a calquera persoa que lle interese o tema da sociolingüística ou da lingua galega na nosa sociedade.

Recitado do poema "A Galiza asolagada" de Florencio Delgado Gurriarán

O grupo das alumnas Selene Antelo Ares, Mencía Pérez Cifuentes e Carmela Taboada Rodríguez de 2º ESO D elaboraron como traballo para conmemorar as Letras Galegas 2022 este recitado acompañado dun debuxo da súa autoría sobre o poema do valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.


Xograres dun tempo novo de Pepe Carballude, recensión de Sofía Losada García (1º Bach B)

Xograres dun tempo novo é unha novela narrativa escrita polo autor galego Pepe Carballude e publicada en 2009. Carballude estudou Filoloxía Clásica na Universidade de Santiago e foi profesor de latín. Ao longo da súa carreira profesional escribiu moitas obras de literatura infantil-xuvenil (Os Gazafellos, S.O.S., Paisaxe con fondo gris, etc.), obras colectivas (8 contos, Catro contos para unha data, Poesía contemporánea, etc.) e traducións ao galego ( Sobre a vellez; Sobre a amizade de Cicerón, etc.).

Nesta obra podemos ler a historia da nosa protagonista, Francisca Porta. Dende a súa madurez, Francisca, nunha residencia da terceira idade, fala co seu compañeiro de vida a través do único retrato que conserva del. Recorda, no seu aniversario, como coñeceu a Agustín Llaneza e o final tráxico que os separou. Grazas á memoria de Francisca coñecemos todas as aventuras das Misións Pedagóxicas levadas a cabo por importantes figuras como Urbano Lugrís ou Rafael Dieste, durante a II República. Estas misións achegáronlle ao pobo a cultura e arte da que sempre estiveron privados; ademais, foi nestas misións onde se coñeceron Francisca e Agustín. A parella viviu uns intensos anos ata o asasinato do seu marido debido á súa ideoloxía política a mans dun grupo fascista.

Paralelamente a esta historia, coñecemos os seus amigos asturianos da residencia; Camilo, un ex-alcalde franquista, e Matías, un ex-mineiro con problemas de memoria por un accidente. A protagonista xoga ao xadrez con Camilo e pasea con Matías; ao longo da historia coñecemos os lazos que os unen coa historia de Agustín. Camilo desfrutaba moito da arte de Agustín, e Matías, a pesar de non estar de acordo coa ideoloxía fascista, pertencía obrigado ao grupo que acabou coa vida deste.Esta historia trata de dar a coñecer anacos esquecidos da nosa historia e recorda a importancia da nosa memoria. Grazas a esta novela vemos a relevancia da cultura e como todos teñen dereito a ela.

Finalmente, recoméndolle a todo o mundo esta novela pois ademais de ser breve, decátaste das voltas que a vida e de que todos merecemos unha segunda oportunidade.

Un animal chamado néboa de Ledicia Costas, recensión literaria de Laura Novo González (1º Bach B)

A autora deste libro é Ledicia Costas, unha escritora en galego nada o 19 de setembro de 1979 en Vigo. Licenciouse en Dereito na Universidade de Vigo. Comezou a escribir moi nova e o seu primeiro libro publicado foi Unha estrela no vento. Pola súa obra Escarlatina, a cociñeira cadáver recibiu o Premio Merlín de literatura infantil e o Ministerio de Cultura entregoulle o Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil no ano 2015. Esta novela foi traducida a varios idiomas, coma o coreano, persa ou o portugués. Coa novela de aventuras Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta conseguiu o Premio Lazarillo de creación literaria no 2015 e en 2017 volveuno gañar coa novela A balada dos unicornios.No ano 2019 publica Infamia, novela ben acollida entre os adultos e pola súa carreira, no ano 2020 concedéronlle o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria.

Esta obra, titulada Un animal chamado néboa, consiste nunha serie de relatos sobre a II Guerra Mundial desde diferentes perspectivas.

No primeiro relato cóntanos como estaba nese momento a cidade de Leningrado dende a perspectiva de Katarina, agora recordándoo de vella, da fame que pasaban e as pésimas condicións nas que ela e a súa familia tiveran que vivir.

No segundo temos a Svetlana e Iván, unha próxima parella de pais e as graves condicións que tiñan que pasar as mulleres embarazadas, neste caso desde a perspectiva de Svetlana, vivindo naqueles sotos.

Neste terceiro relato falanos da historia do USS Indianapolis, un barco que afundiu por culpa duns kamikazes xaponeses e vivimos desde a perspectiva do capitán dese barco os 4 días que pasaron no medio do Pacífico cos tiburóns devorándoos e a xente morrendo de fame e insolación, etc. E tamén temos unha historia dun amor que nunca puido suceder.

No seguinte relato cóntanos o episodio da caída das bombas de Hiroshima e Nagasaqui dende diferentes perspectivas. Unha muller que deixa de amar o seu home porque era quen tripulaba a avioneta que soltou as bombas, e o froito desa parella, un neno que naceu con chagas no peito e que se namora doutra nena tamén filla dos superviventes das bombas atómicas.

No quinto relato cóntanos as brutais torturas as que se viron sometidos dous oficiais da loita antifascista despois de ser detidos por Koch, xefe dun cárcere que foi perseguido e que, ao final se entregou e foi condenado a morte.

A historia de Martha é a principal deste sexto relato, unha muller que é levada a un campo de concentración feminino onde nos relata todas as violacións, torturas e humillacións que sufrían as mulleres. Un día a Martha ofrecéronlle saír de alí e prostituírse durante seis meses e logo concederíanlle a liberdade pero, despois deses duros 6 meses, devolvérona ao campo de concentración, onde se suicidou.

Neste último relato hai tres nazis xulgados despois do fin da guerra, Hermann Goering, Rudolf Höss e Adolf Eichmann. Cóntanos como transcorren os xuízos de cada un, todos os seus delitos e os asasinatos máis crueis e como eles intentan negalo. Tamén nos explica como con cianuro de potasio moitos dos xulgados neste xuízos de Nüremberg, suicidábanse antes de que os executaran polos seus delitos. Explicase tamén como funcionaban as cámaras de gas e as barbaridades dos alemáns durante toda a guerra e o holocausto.

A min este libro gustoume moito e creo que todo o mundo debería lelo porque, aínda que trata temas moi fortes nalgún momento e que foron bastante duros de ler, son necesarios para concienciar a xente do que realmente foi a II Guerra Mundial non só para os xudeus, aínda que foron os máis salientables, senón para un montón de colectivos. A fame que se pasaba e ao que se tiña (ás veces) que chegar para sobrevivir (incluso tiñan que comer a carne da xente morta nas rúas porque os camións con comida non chegaban ás cidades). Ou, por exemplo no relato da embarazada, impactoume moito nun momento que lle deu o peito ao seu marido en lugar de á súa filla porque este estaba morrendo de fame e tiña moitas máis posibilidades de salvarse que a filla. Por isto e por todas as leccións que aprendes sobre o devastadora e cruel que foi a guerra, creo que é un libro necesario.


O que sei do silencio de Andrea Maceiras, Lucía Suárez Ramos (1º Bach B)

Inspirado nunha historia real, este libro fala do tempo en que Delia se mantivo en silencio acerca do acoso presente na súa escola. Delia non era a vítima, senón unha acosadora máis, pero pasiva. Acostumada á soidade e a ser a marxinada da clase, creceu nela un gran medo por perder a "amizade" de Daniela, Xulia e Lara, tres mozas superficiais e interesadas. A chegada de Silke ao instituto provocou unha onda de ameazas, insultos e abusos. O odio das súas tres amigas cara a estudante nova estendíase por todo o centro escolar, e Delia sabía que a súa covardía chegara demasiado lonxe.

É moi interesante xa que a historia non é contada pola vítima, senón que é vista dende unha perspectiva distinta: a dunha acosadora pasiva que conta ou ocorrido dende un blog, porque non soporta máis a culpa. Delia nunca planeou nada en contra de Silke, nin tampouco sentiu odio cara ela. De feito, sentía mágoa por ela e sabía que o que lle facían non estaba ben, pero debido ao medo, quedou calada. Desta forma, o que comezou como unha pelexa de rapazas, case remata coa vida dunha delas. Normalmente, a xente non é consciente de que quen ve o bullying e non di nada é igual de cómplice do asunto que os propios acosadores. A dos acosadores pasivos é unha situación complicada, xa que hai risco de que a súa intervención os prexudique tamén. Pero hai que saber que o acoso escolar é un problema moito maior do que imaxinamos, que pode ata rematar con vidas. Aínda que a situación non chegue ata eses extremos, o dano físico e, sobre todo, psicolóxico, que pode crear o bullying é enorme. Por todo isto, aínda que pensemos que o noso testemuño pode complicar a situación, o mellor que podemos facer nestes casos é contar ou sucedido, para así, rematar toda a dor ocasionada, canto antes.

Un detalle curioso do libro está relacionado co club de lectura ao que adoita asistir Delia. No momento no que Silke ingresa non instituto, os membros do club están a ler un libro de contos titulado De cando fun serea de Leaena Hiems. Delia adxunta varios contos no blog ao longo da historia. Aclara que non son necesarios para entender a continuidade do ocorrido, pero que serven para reflexionar acerca dous sucesos e das súas preocupacións, xa que teñen relación con estas.

Persoalmente, creo que é un moi bo libro para reflexionar acerca de algo que está máis preto de nós do que adoitamos imaxinar, o acoso escolar. Os nenos que pasan por isto rematan por ter secuelas que probablemente sexan permanentes. Aínda que é algo que a vítima superará, o máis seguro é que manteña certa inseguridade ou desconfianza en certos aspectos da súa vida. Pareceume interesante que a historia estivese narrada dende outra perspectiva, xa que axuda a ver ou importante que é intervir nestas situacións. Son casos que se estenden de forma moi rápida e que teñen cada vez máis dificultade para paralos.


O señor Ibrahim e as flores do Corán de Éric-Emmanuel Schmitt, recensión de Daniel Naveira Rodríguez (1º Bach B)

O Señor Ibrahim e as flores do Corán é unha obra escrita por Éric-Emmanuel Schmitt, un escritor franco-belga, nacido en Francia no ano 1960. Éric superou as probas de acceso para a Escola Superior de París, na que estudou dende 1980 ata 1985. Ao terminar aprobou unhas oposicións de filosofía. A súa tese levou por título Diderot e a metafísica.

O Señor Ibrahim e as flores de Corán pertence á editorial Faktoria k de libros, ten máis de 300 obras, e nela escribiron autores como Virginie Aladjidi, Agustín Fernández Paz e demáis escritores.

Esta obra conta a historia dun adolescente xudeu que foi abandonado pola súa nai, e viviu durante unha etapa da súa vida co seu pai. Momo é o protagonista desta historia, xunto co señor Ibrahim, un tendeiro musulmá da rúa Azul. O señor Ibrahim sabíao todo, e iso sorprendía a Momo.

Mohamed sería abandonado tamén polo seu pai, quen se suicidará contra un tren en marcha, acontecemento que non causou tristeza no seu fillo. Posteriormente Ibrahim será o pai de Momo e dende entón comezarán grandes aventuras polo mundo, co novo coche que mercou Ibrahim. A historia acaba cun accidente de coche onde morre Ibrahim e despois dun tempo Momo traballará nun ultramarino na rúa Azul.

O Señor Ibrahim e as flores do Corán é un libro curto, pero moi divertido, aconsellable para todas as idades.

Na miña opinión, é un libro rápido de ler, que me gustou bastante, e que trata un tema moi interesante.

martes, 24 de maio de 2022

Golpes de luz de Ledicia Costas, recensión de Andrea Chorén Plaza (1º Bach A)

Ledicia Costas consegue con Golpes de Luz que o lector vexa dende un lugar privilexiado as diferentes perspectivas dunha mesma historia. É unha novela escrita a tres voces, tres xeracións: avoa, filla e neto, que conviven nunha mesma casa, nunha mesma realidade con olladas diferentes.

Tras a lectura de Infamia e o golpe de realidade que nela se describe, con Sebas, Xulia, e Luz, Ledicia Costas transforma o cotiá nunha aventura para Sebas, un neno que afronta o divorcio dos seus pais cunha madurez e intelixencia abraiante e atopa na súa avoa "a superheroína"que necesita para ese delicado momento que está a vivir.


Teño que dicir que nesta personaxe se nota que Ledicia Costas é autora de libros infantís e xuvenís, o lector sente e entende os verdadeiros sentimentos do neno, a súa admiración por unha persoa pegada a un martelo e que a golpes de luz unhas veces, e golpes de misterio e escuridade outras, crea un universo onde pasado e presente se mesturan para crear un vínculo indestrutíbel entre avoa e neto.


Aínda que Sebas é unha personaxe atractiva pola claridade e enxeño co que describe e afronta a situación familiar, para min a auténtica protagonista é Luz, porque é o nexo, o fío condutor da historia; toda a novela xira arredor dunha muller forte, maltratada nun pasado e atormentada no presente.


Non é unha avoa normal, tampouco unha nai doada de levar, ten forza, é descarada, de aí o alcume da súa familia, Animala, co que experimenta unha relación diferente ao longo do tempo, pasa “de odialo durante anos, ata amalo con paixón". Así é ela, apaixonada no seu comportamento, xa sexa mantendo agochada a verdade sobre o seu home ou apaixonada facendo rir ao seu neto mentres describe arroutadas nun xogo de complicidade. Luz é a retranca, o enxeño, a rapidez e lucidez mental no final do camiño, despois dunha vida difícil, se ben, é merecedora dos agarimos e apertas dunha filla que terminará comprendéndoa.


Xulia representa nesta novela a ponte entre Sebas e Luz, por iso é a personaxe menos atractiva, representa a normalidade, o día a día cunha nai difícil, o día a día dunha muller sentimentalmente soa, chea de dúbidas e de bágoas agochadas.


Para finalizar, recomendaría esta novela a todas aquelas persoas que queiran desfrutar de historias cheas de emotividade, onde situacións cotiáns se envolven cunha simboloxía que arrepía, onde as flores de plástico se mudan a flores dos esquecidos e onde os golpes de luz da memoria dunha vella de oitenta anos lévana a reecontrarse con ela mesma, con Xulia e descubrir unha nova forma de ver o mundo con Sebas.

Dragal: a herdanza do dragón de Elena Gallego Abad, sinopse de Pablo Vallejo Vérez (1º Bach A)

 

O mago de Oz de L. Frank Baum, recensión de Xoel Guimarey Molina (1º Bach A)

L. Frank Baum, cuxo nome completo é Lyman Frank Baum, naceu o 15 de maio de 1856 en Chittenango, Nova York, Estados Unidos, e faleceu o 6 de maio de 1919 en Hollywood, California. Foi un escritor estadounidense coñecido pola súa serie de libros para nenos sobre a terra imaxinaria de Oz.

Dorothy é unha moza que vive nunha casa dun só cuarton en Kansas co tío Henry e a tía Em; a alegría da súa vida é o seu can, Toto. Un repentino ciclón desátase e, para cando Dorothy colle a Toto, non pode chegar ao soto da tormenta. Aínda están na casa cando o ciclón lla leva nunha longa viaxe. Cando por fin a casa aterra, Dorothy descobre que está nunha fermosa terra habitada por xente moi baixiña e estrañamente vestida. A Bruxa do Norte infórmaa de que está na terra dos Munchkins, dálle a Dorothy os zapatos de prata da bruxa morta e aconséllalle que vaia á Cidade das Esmeraldas para ver o Gran Meigo Oz, que podería axudala a volver a Kansas. Na longa viaxe cara á Cidade Esmeralda, Dorothy e Toto únense ao Espantallo, que desexaría ter cerebro; ao Leñador de Estaño, que anhela ter corazón; e ao León Covarde, que busca valor. Enfróntanse a moitas probas ao longo do seu roteiro, pero supéranas todas.

Chegan á Cidade Esmeralda, onde Oz lles di que non se concederán favores ata que a malvada bruxa do Oeste sexa asasinada. Os compañeiros dirixíronse á terra dos Winkies, gobernada pola Malvada Bruxa do Oeste. A bruxa intenta detelos, pero todo é inútil. Dorothy derrota a bruxa e os amigos regresan a Oz.


Xa no palacio de Oz, Toto derruba un biombo, revelando que Oz é só un home común. Con todo, enche a cabeza do Espantallo con salvado e alfinetes e agullas, dicindo que son cerebros; pon un corazón de seda e serradura no Home de Estaño; e dálle ao León Covarde unha bebida que di que é valor, solucionando desta maneira todos os problemas. El e Dorothy fan un globo para sacalos da Terra de Oz, pero o globo voa antes de que Dorothy poida subir a el; Oz deixa o Espantallo a cargo da Cidade Esmeralda. Dorothy e os seus amigos van buscar a axuda de Glinda, a Bruxa do Sur, quen convoca os Monos Alados para que leven o Home de Estaño de volta a gobernar aos Winkies, ao Espantallo de volta á Cidade Esmeralda e ao León Covarde ao bosque para que sexa o rei das bestas. Finalmente dille a Dorothy como usar os zapatos de prata para levala de volta a Kansas.

O mago de Oz é un libro infantil que contén a mensaxe de que a xente xa posúe o que cría que lle faltaba. Porén, algúns lectores crían que o aparentemente sinxelo conto de fadas exploraba en realidade cuestións políticas e sociais máis complexas. 

O libro tamén se considerouse unha obra feminista. A sogra de Baum era unha destacada defensora dos dereitos da muller e el adoptou moitas das súas causas progresistas. Esta influencia reflíctese supostamente na creación de personaxes femininos fortes, e algúns consideran a Dorothy unha das primeiras heroínas feministas da literatura infantil. Ademais, Baum creou un mundo maioritariamente matriarcal. De feito, nun libro posterior da serie, revélase que o lexítimo gobernante de Oz era en realidade unha nena.


Escollín este libro porque é unha obra que lin hai moito tempo e que me gustou moito cando era cativo. Se por algún estraño motivo non o lestes aínda, recoméndovolo.

domingo, 22 de maio de 2022

Aire negro de Agustín Fernández Paz, recensión de Emma López Picos (1º Bach A)

Esta historia dá comezo un verán de 1998 cando o doutor Moldes comeza a traballar na clínica psiquiátrica Beira Verde, situada nun pazo magnífico no Baixo Miño. Ocúpase de Laura Novo, unha muller nova e coa memoria borrada a quen ninguén ata ese momento lograra axudar. Laura pasa o día enteiro escribindo de xeito compulsivo o seu nome, aferrada a el comO se non fose capaz de soltalo. O doutor conseguirá achegarse a ela utilizando unha terapia innovadora baseada na lectura e é así como Laura recorda todo o que lle sucedeu nos meses anteriores dende que sentiu a presenza dunha escura sombra na súa vida. Despois desta interesante introdución dos sucesos e dos protagonistas, Laura toma a voz do relato para contar en primeira persoa todos os acontecementos que veñen á súa memoria.

De aí que Lanzós supoña para Laura, ademais do reencontro con Galicia, a posibilidade de retomar o contacto con Carlos Valcárcel (o seu antigo profesor de historia nun amor retomado antes da traxedia) e de lograr o acougo consigo mesma rodeada da natureza, tras tantos anos de vida na cidade. Pero tamén supón o encontro coas supersticións rurais grazas a Moncho, o caseiro da casa rural, que nacen a causa do seu aspecto atractivo e da cor roxa do seu pelo e xiran ó redor da idea da existencia da porta do inferno nos montes de San Simón, onde segundo as crenzas populares dorme a Gran Besta que Laura podería espertar coa súa presenza. Despois do primeiro encontro co medo que esta fábula lle produce, Laura volve a Madrid e descobre o contraste entre a paz e o illamento da casa rural e a animación da cidade e das súas rúas no Nadal. O doutor Moldes, trala lectura da historia de Laura, intenta seguir axudándoa e atopar respostas que completen as lagoas do relato.

Procurando información reconstrúe a viaxe da rapaza dende Vilalba á aldea de Lanzós, percorre San Simón e a Cova de Fornos e acode despois a Porto, cidade na que vive Carlos, quen abandonou Lanzós para estar preto de Laura mesmo sen que ela o soubese. Mais sen querer e dun xeito inexorable, os acontecementos devalan cara ó misterio e Laura desaparece sen que o mesmo doutor Moldes poida atopar unha explicación lóxica.


Este libro foi un dos mellones libros en galego que lin en moito tempo. Os amantes das novelas de terror psicoloxico (aínda que non posúe moito desta temática), misterio e suspense coma min deberían probar a ler este libro xa que, se desfrutas de ler autores coma Carlos Ruiz Zafón ou Stephen King (por exemplo), con este tes ademais a oportunidade de ler nun idioma no que non é moi común ver este tipo de novelas, é unha das mellones opcións para introducirte neste tipo de literatura.


ENTREGA DE DIPLOMAS DE CERTIFICAÇÃO DO CAMÕES JÚNIOR

No dia de hoje fizemos entrega dos diplomas que acreditam a certificação B1 de proficiência em Português Língua Estrangeira aos alunos e alu...