domingo, 15 de maio de 2022

Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro, recensión de Simón Lago Hermida (1º Bach A)

Este libro é unha marabillosa recompilación de lendas galegas, recollidas dos recordos máis arraigados do pobo da Galiza. Antonio García e Antonio Reigosa complementan, ademais, cada lenda do fogar de Breogán cunha pequena composición lírica, que actúa de síntese do poema e axuda coa localización espacial (se non queda expresa no propio título do poema). Ademais, tanto as anotacións a pé de páxina, nas que moitas veces se especifíca o nome daquel que contou a lenda; como as ilustracións, que apelan á imaxinación do lector, son obra de Xosé Cobas, ilustrador moi recoñecido.

Segundo os autores, a idea deste libro naceu dunha coñecida súa, Carmen Pernas, á que lle tiveron que dar resposta negativa ante a súa petición dunha lenda. Entón, o maxín dos dous Antonios comezou a traballar para recoller a tradición oral mítica e galega, debido á imperante perda desta.

Isto, en fin, foi o que os impulsou á creación dunha obra tan bonita coma esta.

Entrando en detalles, as miñas preferidas son dúas. Unha, referente á Charca do Alligal, recórdame momentos pasados naquela poza vilalbesa que queda a poucos quilómetros do Roupar natal da miña nai. A segunda ten un motivo que está máis preto da casualidade do que da realidade, xa que o referente que conta a historia das árbores de Cabreiros, Manuel Cabaleiro, é padriño de Manuel Ángel (Manolo) Cabaleiro, persoa que teño en grande estima.

Penso, en conclusión, que este libro, a pesar do simple, transmite indudablemente a natureza da tradición galega e, así, a beleza do pobo que ten a grande imaxinación para converter, en moitos casos, a ignorancia de fenómenos naturais en incribles historias fantásticas, que transmiten a novas xeracións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VOCABULÁRIO DAS PROFISSÕES EM PORTUGUÊS

A turma de Português 1º ESO elaborou estes cartazes com o léxico das profissões em português.