domingo, 22 de maio de 2022

Dragal. A herdanza do dragón de Elena Gallego, recensión de Irene Quintela Valiño (1º Bach A)

Dragal. A herdanza do dragón é un libro escrito por Elena Gallego Abad, quen pasou a súa infancia e adolescencia en Galicia malia nacer en Teruel. É xornalista, cunha ampla experiencia tanto en prensa escrita como en radio. Dragal. A herdanza do dragón é a súa primeira novela, coa que foi finalista do IV premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. Publicouna na colección Fóra de Xogo en 2010 e continuou sacando a segunda e a terceira parte desta novela: Dragal II. A metamorfose do dragón (2011) e Dragal III. A fraternidade do dragón (2012).

A novela está distribuída en 28 capítulos, onde narra a historia dun adolescente, Hadrián, quen trala súbita morte do seu pai vai vivir á súa aldea. Cun misterioso medallón de metal como recordo do seu pai e coa amizade de Mónica comeza a súa aventura. A igrexa de San Pedro está inmersa en lendas e decoracións de dragóns, igual que o medallón de Hadrián, coa diferenza de que estas decoracións non mudan de posición. Pero algunha ten a capacidade de comunicarse con el. O dragón de pedra da fachada está a meterse na mente de Hadrián e dálle algunha axuda nas clases, pero nada é gratis e Hadrián, sen sabelo, é o elixido para recuperar a maxia do dragón, pero a que prezo?

A novela ensínanos como as intencións dos demais non son sempre o que parecen, moitos esperan algo a cambio e non o mencionaron, hai que ter coidado, porque por unha simple axuda ou unha promesa podes acabar dando a vida. A obra, ademais de narrar unha historia de fantasía cun pouco de romance, tamén trata outros temas como o acoso escolar.

Recoméndoa moito, é unha obra moi fácil de entender, que está moi ben explicada e aínda que penses que é predicible acaba sorprendendo. Déixate coa dúbida e con ganas de máis, o que está ben, porque hai dúas partes que continúan coa historia. Se che atraen as historias fantásticas non o dubides, non decepciona.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VOCABULÁRIO DAS PROFISSÕES EM PORTUGUÊS

A turma de Português 1º ESO elaborou estes cartazes com o léxico das profissões em português.