domingo, 22 de maio de 2022

Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, recensión de Samuel Sumay Míguez (1º Bach A)

Memorias dun neno labrego é unha novela social e histórica escrita por Xosé Neira Vilas en Bos Aires no ano 1961. É unha obra fundamental da narrativa de posguerra galega amais de ser un clásico da literatura xuvenil galega, ter máis de setecentos mil exemplares vendidos e estar traducida a diversas linguas.

Escrita no exilio, esta obra conta a realidade de Balbino, como el mesmo di: 'Un rapaz de aldea. coma quen di, un ninguén. E ademais pobre. Neste libro estruturado en 16 relatos vemos, a través dos ollos de Balbino a realidade galega rural dos anos corenta do século XX, vemos a miseria, as tradicións, as alegrías de Balbino, as súas penurias tamén. Todo desde o seu punto de vista de neno que non sabe moi ben o porqué das cousas aínda e que cuestiona os adultos e os seus puntos de vista.

Nesta novela Neira Vilas reflicte moi ben a sociedade do momento, polo tanto é clasificada como novela social e histórica. Axudándose da figura de Balbino, o autor vai analizando diversas situacións máis ou menos serias poñéndolles un punto tenro.

Como exemplo disto está o relato 'América'; O irmán de Balbino, Miguel, ten que emigrar a América. Daquela a emigración era unha desgraza para a familia, hoxe en día alguén pode emigrar por mellores condicións de traballo ou de vida e aínda así ten formas de estar en contacto coa familia que queda aquí, daquela se alguén tiña que emigrar era porque as terras da familia, por mor do minifundio, non daban para manter a todo o mundo e a miseria provocaba que alguén tivese que ir "facer as américas" e mandar cartos de volta mentres está completamente incomunicado.

Ben, na familia de Balbino como é lóxico están alterados polo acontecemento, Balbino pola contra quere que o irmán vaia alí para que lle traia historias e contos de aló, este contrapunto da inxenuidade pueril de Balbino achega o lector ao conto e faino máis tocante sobre todo no momento en que o irmán deixa de mandar cartas sen explicación.

Outro exemplo da inxenuidade de Balbino, servindo ao propósito do relato, dáse nos relatos que tratan sobre o loito. Pola accidentada morte do tío Braulio esmagado por un carro tirado por bois, a familia entra en loito para calmar a Madriña, aflixida pola morte do seu Braulio pouco despois de volver da campaña militar en África.

O loito implica unha moderada reclusión na casa polo tanto Balbino non pode asistir ás festas do Entroido e está triste, a súa falta de entendemento provoca que se pregunte o porqué do loito, se realmente el non fixo nada, o tío Braulio morreu e non é súa a culpa diso, son cousas que pasan.

Balbino chega a pensar incluso que todo isto do loito é só para controlalo, que o tío Braulio volveu facer campaña militar en África e non morreu realmente, Balbino sabe que non son máis que andrómenas pero segue inventándoas igualmente.

E como estes dous hai outros catorce relatos similares de temática diferente nos que Balbino afronta e acepta a súa realidade como pode. Hainos que chegan ao corazón, por exemplo, a familia de Balbino zóscalle por enfadalos ou non facer as cousas ben, e el nun momento dado foxe cara ao monte e agóchase alí todo o día, o único que non lle zosca e lle quere ben é o Padriño, logo Balbino terá que afrontar a morte do Padriño.

Paréceme un libro moi bonito e recomendable para todo o mundo, non é moi complicado de ler e tampouco é moi longo, é entretido e ten algo que o fai sentir moi persoal, non sei se é a situación ou o protagonista, pero é capaz de facer que te preocupes por Balbino e por todas as inxustizas que sofre o cativo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VOCABULÁRIO DAS PROFISSÕES EM PORTUGUÊS

A turma de Português 1º ESO elaborou estes cartazes com o léxico das profissões em português.