O cómic céntrase sobre todo na vida da autora e, máis especificamente, no seu contorno e como esta reacciona e evoluciona ante este. Filla dunha familia progresista afín á revolución ante o imperialismo, a nosa protagonista vivirá dende a súa infancia a transformación dun país sometido a un réxime relixioso. Dende que é nena a revolución e as súas consecuencias están presentes na súa vida, con medo ás represalias dun goberno que está a caer cada ano que pasa. A traxedia a irá perseguindo e, sobre todo, alcanzará aos seus seres máis queridos. A medida que a nena crece, comezará a ser consciente do cambio que está sufrindo o seu país e como os que antes estaban a favor da revolución (a súa familia, por exemplo) serán os que máis sufran ante a imposición do Islam como base para as leis do novo Estado. A guerra e a desigualdade farán que teña que vivir e estudar nunha Austria hostil e deprimente que representa un gran cambio no seu pensar. As drogas, os cartos e as relacións farán que esperte unha morriña da infancia que a levarán de novo a Irán, para intentar retomar unha vida que se lle escapaba das mans. A adultez representa a parte final da obra e a madurez da protagonista, asentando o seu pensar e vivindo as súas últimas experiencias que a levarían a ser a muller que é agora. O contraste das etapas da vida xunto aos contornos cambiantes xogan un papel moi importante na obra, mostrando así unha evolución persoal perfectamente xustificada que relata moi ben o contexto histórico tanto do seu país como o do mundo occidental en xeral.
Persépole é un cómic marabilloso que trata temas moi relevantes na nosa sociedade, e que te fai reflexionar sobre as accións da autora ante o mundo que a rodea. A relixión, o machismo, o contraste entre o marxismo e o anarquismo, o nacionalismo fronte ao intervencionismo e a importancia da diversidade mestúranse nunha obra que, sobre todo, fai énfase nas relacións persoais que nos transforman e nos converten no que somos en realidade. Persépole narra sobre todas as cosas a vida dunha nena ante unha sociedade decidida a reducir os seus dereitos e liberdades, e a súa loita pola igualdade entre sexos e clases a través da rebeldía, a lectura e sobre todo, a arte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario