luns, 22 de febreiro de 2021

Feliz idade de Olga Novo, recensión literaria de Sara Sanz Fonta (1º Bach A)

Feliz Idade é un paseo, da man da talentosa Olga Novo, por un recóndito bosque de cromosomas. Este libro conta cunha selección de poemas cos que Olga nos invita a trepar pola súa árbore xenealóxica, a tropezarnos coas súas ramas, a descubrir as súas raíces e as follas máis novas. As súas palabras atopan a maneira de crecer dentro de nós, coma sementes que ela planta e rega na nosa leira.

O libro está escrito expresamente para a súa filla, Lúa, á que lle dedica gran parte dos seus versos, sobre todo os comprendidos nos primeiros capítulos, nos que nos conta de maneira moi íntima e tenra, moitos aspectos da maternidade, tanto do embarazo como dos sentimentos que lle produce ver medrar a alguén que estivo dentro dela durante 9 meses.

Nestes capítulos Olga fálanos do que é construírlle unha infancia ao teu fillo e ademais suxire un concepto moi interesante que me fixo reflexionar sobre o feito de que cando crías á túa descendencia, na maioría dos casos, estás inculcándolle gran parte dos valores cos que ti mesma medraches e conviviches, preservando aos teus antepasados nas xeracións futuras da túa familia. Desta maneira a autora establece unha ponte entre o futuro, a súa filla, e o pasado, o cal aparece representado coa figura do seu pai, o avó de Lúa. Esta persoa constitúe un piar fundamental xa que se lle dedica un capítulo enteiro ademais de numerosos versos e metáforas dispersos noutros poemas. Olga atopa a maneira de representar realidades moi duras, como poden ser a morte, a vellez ou o Alzheimer, dunha maneira moi sensible e agarimosa, impregnando cada poema dunha dozura infinita, facendo ao seu pai eterno a través das palabras, aínda que non se poida escribir unha elexía a un tigre, como escribe ela. E de pronto atopámonos cun capítulo que fala dun sentimento que funciona como fío condutor de todo o libro; o amor, pero non soamente o amor romántico, ou amor cara á parella, senón tamén o amor xenuíno cara á familia, sobre todo aparece enfocado cara á súa filla, e nalgunhas ocasións cara ela mesma. Moitos poemas desta temática non van cara un destinatario determinado xa que describen o amor coma un concepto moi abstracto e impreciso, polo que cando os les podes interpretalos de maneira libre creando un sentimento de unión co poema e coas emocións tan auténticas que están a describirse.

A poesía de Olga Novo, tanto coma a de Yolanda Castaño e outras poetisas galegas, é un refacho de aire sobre o panorama literario galego, pero tamén a nivel nacional. En concreto, este libro gañou o Premio Nacional da Crítica Española do ano 2019, e Olga Novo foi agasallada noutras ocasións pola súa poesía e polo seu ensaio. Estamos convivindo cunha xeración de talentosas escritoras e poetisas galegas que buscan reivindicar o noso papel na literatura e que teñen unha calidade na súa escrita verdadeiramente excepcional. Ademais nas súas obras buscan reclamar a sexualidade da muller como algo noso e desfacerse dos tabús impostos cara o erotismo e a sexualidade feminina, tratándose dunha poesía totalmente nova e libertaria. E realmente fermoso ler este libro e eu recoméndoo a todo aquel que busque emocionarse lendo poesía. Grazas a Olga Novo por conmovernos coas túas verbas e por inculcarnos sentimentos tan bonitos a través desta viaxe guiada polo teu bosque de cromosomas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

ENTREGA DE DIPLOMAS DE CERTIFICAÇÃO DO CAMÕES JÚNIOR

No dia de hoje fizemos entrega dos diplomas que acreditam a certificação B1 de proficiência em Português Língua Estrangeira aos alunos e alu...