xoves, 4 de febreiro de 2021

Enderezo descoñecido de Kressmann Taylor, recensión crítica de Olga Fernández Marta (1º Bach A)

Enderezo descoñecido, obra de Kressmann Taylor (Kathrine Kressmann) representa a correspondencia que se cruzan Max e Martin dende 1932 ata 1934. Martin Schulse e o xudeu Max Eisenstein son amigos e traballan xuntos nunha galería de arte en California. Os dous proveñen de Alemaña e viviron case toda a súa vida en EEUU. Martin decide volver coa súa familia a Alemaña en 1932 para que os seus fillos coñezan a súa patria e non perdan a súa identidade. Esta novela epistolar de gran sinxeleza achega unha perspectiva moi enriquecedora sobre o nazismo e os seus seguidores.

O seu carácter epistolar fai que poidamos observar ás personaxes dende un punto de moita máis intimidade. O feito de poder acceder á correspondencia privada lévanos a un estado de complicidade e confesión que nos axuda a entender esta amizade. Ao mesmo tempo fornece inmediatez e fai que os feitos cheguen a nós dunha forma moito máis chocante.

O contido da novela é moi delicado. Escribiuse cando EEUU aínda non estaba involucrado nos problemas do continente europeo, polo que a voz reivindicativa de Kathrine é un refacho de realidade naquel momento. Céntrase na ruptura dunha amizade que parecía inquebrantable. Martin sofre un cambio que o enche de ira, rabia e resentimento. Durante o intercambio de cartas obsérvase a transformación radical de Martin, que o converte nunha persoa intolerante e racista.

O punto máis importante da novela é que nos recorda que a maioría dos alemáns percibían a Hitler como un salvador e un gran líder, e non todas esas persoas tiñan que ser malas. Alemaña sufrira unha gran pobreza e vergoña dende a Primeira Guerra Mundial. Cando lle dás un anaco de pan a unha persoa famenta e lle prometes un futuro mellor, non vai cuestionar a súa procedencia porque non o pode permitirse iso. Como di a novela, para eles non existe a opción de elixir entre “un verdadeiro xefe e o anxo da morte”. O nazismo retrátase coma un veleno que corroe as persoas e as relacións.

A novela dá un xiro de 360º cando a actitude esperanzadora de Max se converte en vinganza e comeza a escribirlle cartas sen ningún sentido pero que parecen albergar algún tipo de código en contra do réxime nazi. Max emprega as propias armas do nazismo como a censura das cartas para castigar a Martin por non axudar á súa irmá Griselle cando era perseguida.

En conclusión, o triste desenlace dunha amizade fainos entender o comportamento humano fronte a movementos maioritarios. Max déixase arrastrar pola sede de vinganza e a ira e Martin consómese polo odio. Este libro resume a transformación ideolóxica que o nazismo operou nas alemáns e fainos entender como o discurso de Hitler puido ser interiorizado por millóns de persoas. Porén, a novela é unha arrepiante reflexión sobre o fácil que é manipular as persoas, aínda máis en momentos de crise, unha reflexión que tamén deberiamos aplicar nos nosos tempos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario