venres, 4 de marzo de 2022

Irmán do vento de Manuel Lourenzo González, recensión de Pablo Liste González (1º Bach B)

Irmán do vento conta a historia da vida dun neno que dun día para outro cambia por completo para sempre, e esto é debido á guerra. O seu autor é Manuel Lourenzo González, un escritor e profesor galego nacido no ano 1955.

Manuel é coñecido pola súa faceta de autor, xa que recibiu varios galardóns importantes como o premio Carvalho Calero por As paisaxes compartidas en 1996 ou o seu premio máis importante ata o día de hoxe: o Premio Merlín por Irmán do Vento que recibiu en 2003.

Fóra da escritura literaria, cabe destacar que Manuel é coautor de varios libro de literatura na ESO, e escribiu varios artigos e textos na xa desaparecida revista “Retranca”.

Antes de pasar a facer o resumo do libro, gustaríame dicir que escollín este libro porque conta a realidade tal e como é, xa que aínda que ao principio conta a historia dun neno normal, todo cambia coa chegada da guerra e ese neno, pasa a ser un adulto en cuestión de meses. Por isto e polas interesantes historias que conta, decidínme por este libro.

O libro comeza presentándonos ao Dr Luís Meira, o cal en 1987 chega a Oriente Próximo, xunto ao seu equipo para realizar un estudo científico das ruínas de Petra en Xordania.

Tres anos máis tarde, en 1990 coñece en Irak a Khaled, un neno de 4 anos. Alí tamén coñece o seu avó, Hadras, que é vendedor ambulante de pezas de antiguïdades falsas. Hadras convida ao Dr Meira a ir á aldea onde viven, Qhissa Hanni, e quedou mes e medio na súa casa. Alí coñece a toda a familia de Khaled, que pertencen a raza dos koblai. En 1991 comezou a primeira guerra de Iraq e o Dr Meira volta a Galicia onde, aos dous meses, entérase de que acabara a guerra e que Pensha, un tío de Khaled, morrera nela. En 1995 morre a nai de Khaled, Beth, por unha gastroenterite. En 1997 o Dr Meira volve a Iraq e merca a casa que fora de Pensha e a súa muller, Ednal. Instálase definitivamente en Iraq e chámanno Al-Galego.

No ano 2002, Khaled comeza a enviarlle cartas a Alberte, o suposto fillo do Dr Meira que en realidade non existe. Nelas dedícase a contarlle historias sobre o seu día a día e algúns contos tradicionais da súa zona. Por estas cartas podemos saber que Khaled non tivo unha infancia moi sinxela, xa que como mencionei antes súa nai morrera sendo el moi pequeno e seu pai casara con outra muller, Zulaid, coa que tivo outro fillo. Khaled non se mostraba enfadado por isto, pero a familia da defunta nai tomou moi mal este casamento e isto provocou enfrontamentos entre as familias.

Todo parecía tranquilo despois dos bombardeos e os sons das armas da guerra, pero todo se volveu negro no ano 2003, a guerra volvera estalar en Bagdad, a capital de Irak. Isto fixo que o pai de Khaled tivera que marchar para a guerra pero aínda así sempre se comunicaban por cartas ata que un día, Khaled deixou de recibir cartas de seu pai. Con moita valentía e demostrando unha gran madurez, Khaled decidiu xuntarse cuns familiares de súa nai e ir ata Bagdad para buscar o seu pai. Polo camiño pasou por moitos acontecementos que lle encantaron pero ao chegar á cidade, atopou o seu pai morto.

Con moita tristeza, decidiu traer o cadáver do seu pai para enterralo na aldea e o día do enterro, no seu 16 aniversario e o que significaba, a súa maioría de idade, un gandeiro da zona deulle un regalo de parte do seu pai morto o cal lle dixera ao gandeiro que llo dera o día que fixera os dezaseis. Este regalo foi aquel cabalo que tanto lle gustaba a Khaled, ao cal para rematar o libro lle chamou: “Irmán do Vento”.

Na miña opinión este é un libro que se debería ler si ou si, xa que conta unha dura pero impresionante historia de como un neno con moitas dificultades na súa vida, logra saír adiante, sen importarlle vivir entre bombardeos ou con dificultades nunha aldea remota de Irak. Quero destacar a evolución que ten Khaled, o protagonista. Xa que comeza sendo un neno inocente e con moitos soños, pero a medida que lle van sucedendo todos estes tráxicos acontecementos vai madurando e podemos ver ao final da historia, como é practicamente outra persoa cunha mentalidade máis madura e adulta.

Para finalizar esta recensión, este libro conta a historia dunha guerra, e na actualidade estase a vivir outro período de guerra, neste caso entre Ucraína e Rusia, polo tanto penso que sería moi interesante ler este libro, xa que á parte de ser un libro que te engancha, poderíase saber máis acerca destas guerras e estar un pouco máis informados sobre o tema.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

VOCABULÁRIO DAS PROFISSÕES EM PORTUGUÊS

A turma de Português 1º ESO elaborou estes cartazes com o léxico das profissões em português.