luns, 1 de marzo de 2021

Trescatorcedezaseis de Rocío Leira Castro, recensión de Pablo Cagiao Rodríguuez (4º ESO A)

Trescatorcedezaseis é unha novela xuvenil escrita por Rocío Leira Castro e publicada pola editorial Xerais en 2020. Esta novela foi finalista do XI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. É un libro bastante curto e rápido de ler que consta con 28 capítulos.

Rocío Leira Castro é unha escritora galega licenciada en Matemáticas na Universidade de Santiago. Actualmente, traballa dirixindo un centro de formación de estudantes na mesma cidade. Algún libros importantes que escribiu son Universo Pitágoras, INEM, etc.

Esta novela combina as matemáticas coa novela negra dunha forma moi lúdica e amena. A historia está situada principalmente no Campus da Universidade de Santiago. Os personaxes principais son Silvia, narradora da historia, que é unha solitaria e misteriosa alumna da facultade, e Benavides, un egocéntrico profesor da matemáticas.

Toda esta historia baséase nunha serie de correos electrónicos que recibe Benavides. Nestes correos, un asasino proponlle unha serie de desafíos para resolver uns crimes que están a ocorrer no Campus da universidade. Coa axuda de Silvia, unha enigmática e solitaria alumna da universidade, intentarán combater contra a gran intelixencia do asasino.

Segundo avanza a historia, Benavides e Silvia acércanse máis e máis ao asasino. No despacho de Benavides, estaban todas as probas que resolvían os misterios dos asasinatos. Parecía que todo ía xenial, ata que a policía entrou ao despacho de Benavides. Encontraron fotos dos cadáveres, documentos, etc. Tiñan todas as probas para inculpalo polo crime. Mentres, Silvia estaba fóra do despacho, observando cunha cara de asombro por fóra, pero dentro contiña unha felicidade incontrolable.

Ao final, o plan de Silvia saíu ben. Por fin puido vingar o seu pai. Por fin puido cobrar a vinganza que Benavides se merecía. Dende o primeiro correo, Silvia manipulou a Benavides como se fora unha marioneta. Todo para que pagara polo roubo da idea que lle fixo ao seu pai anos atrás.

O final de Benavides foi ao cárcere, tolo pola inxustiza que lle acababa de sufrir. En cambio, Silvia conseguiu a súa vinganza e continuou coa súa vida normal, orgullosa polo crime perfecto que acababa de cometer.

Sinceramente, este libro paréceme moi bo e enganchoume moito. Á parte de que está moi ben redactado, a historia provoca que non poidas parar de ler, xa que necesitas saber que vai ocorrer despois. Ademais diso, os distintos coñecementos matemáticos que se citan no libro están moi ben explicados e son moi interesantes. Para rematar, se che gustan as matemáticas e a novela negra, recoméndoche cen por cen a lectura deste curto, pero interesante libro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

POSTAIS DE NATAL DA TURMA DE 4º ESO