luns, 1 de marzo de 2021

Iridium de Francisco Castro, recensión de Pablo Liste González (4º ESO A)

Iridium conta a historia que nunca se contan nos libros. En xeral, todos os libros son marabillosos e falan de finais felices e de historias marabillosas; este non.

O seu autor Francisco Castro, actual director xeral da Editorial Galaxia, di sobre Iridium que é unha historia realista e que nos pode pasar a todos o que lle pasa á protagonista, porén debemos desfrutar e sorrirlle á vida.

Persoalmente por todas estas razóns decidín escoller este libro, xa que se sae do normal e conta algo que non está tan normalizado no noso día a día. O feito de que estea ambientado nun contorno adolescente sendo os protagonistas duns 17 anos, fixo que me interesara aínda máis por el.

A continuación vou facer un resumo do argumento:

Este libro comeza coa historia de Iris, a protagonista que volve ás clases despois de 2 anos en coma debido a un accidente que lle provocou un DCA (Dano Cerebral Adquirido) co que tivo que volver a aprender cousas cotiás como camiñar ou falar. Esta conta a súa historia e como compaxina a súa vida máis que complicada nestas novas circunstancias para ela coa súa conta de Instagram; na que conta cuns 100 mil seguidores e todo isto grazas a unha alteración que ten nos ollos que fai que teña un ollo de cada cor, cousa única no mundo e que esperta moita audiencia.

A historia empeza nos primeiros capítulos introducindo a Iris, e falando un pouco da súa experiencia coa enfermidade e como o levaron os seus pais e amigos.

Máis ou menos á metade do libro entran en escea Mario e Chechu (ó mozo solitario e problemático ó que lle gusta a Iris e o seu ex). Estes dous rapaces viven enfrontados por Iris e o suceso máis importante do libro prodúcese entre eles os tres.

Chechu acusa a Mario de roubarlle o móbil sen ter ningunha proba, para intentar que Iris deixase de falar con el; o que non sabe Chechu é que foi Iris quen llo roubou, simplemente polo dano que lle causara este á rapaza, xa que mentres ela estaba en coma, Chechu andaba a verse con outra rapaza. Finalmente, esta historia remata con Iris saíndo con Mario, e sendo feliz pero como di ela: -Feliz, pero con esta enfermidade maldita-.

En canto á miña opinión, creo que é un libro moi fácil de ler, xa que o autor fixo un libro bastante curto, pero que ten moita historia e trama sobre a que reflexionar e ademais é moi fácil engancharse a el, porque ten un toque de novela adolescente as cales son tan enganchadizas. Pola parte da comprensión non vai haber ningún problema, xa que dende o primeiro momento o autor fai un resumo de todo para estar ben enterados dende o principio.

En resumo é un libro que recomendo ao cen por cen, principalmente pola súa realidade e porque ao fin e ao cabo, temos que ser felices a pesar de todo, xa que un día pódenos tocar a nós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario