Este libro vén estruturado en historias separadas sen maior relación que o lugar no que ocorren e o tempo, é un libro no que o narrador é o protagonista de maior lembrando a súa estadía na aldea e as diferentes aventuras que lle ocorren.
Por aventuras refírome a sucesos de ton cotián, que el presenta como as súas aventuras, cóntanos por exemplo nunha das aventuras, como cruza o lugar enteiro en bici, logo cae máncase e as tías van buscalo cando ven que non aparece pola casa de noite.
Poderiamos dicir que si que teñen un pouco de aventura as anécdotas, pero a súa principal misión eu creo que é dar un pouco de visibilidade a unha Galicia rural moi escasa hoxe en día, unha Galicia que queda tan preto, máis parece que está moi lonxe.
A cousa que mellor fai este libro, na miña opinión, é crear atmosfera, ó describir as rutinas do rapaz protagonista e a aldea tan polo miúdo, a verdade é que parece que o lugar que nos relatan ten vida, ó ser un narrador que está a lembrar a súa nenez ou case adolescencia é ó pór tanto esforzo na descrición das paisaxes e a rutina diaria da xente case parece que estás ti alí, e que cho está a contar el.
Por amosar un pouco máis de que vai a novela vou contar un pouco dunha das historias narradas nela:
Nesta historia o protagonista chega á hora do xantar con dúas troitas que pescou pola mañá no río, lévallelas ás súas tías para que as limpen para a cea e póñense a xantar, neste momento o protagonista fálanos dunha habilidade que cómpre ter cando vives nunha vila tan pequena, a habilidade de non preguntar o que todo o mundo sabe, porque daquela quedas como o parvo da vila, entón el está afeito a entender as cousas que as súas tías contan polo contexto.
Despois da hora do xantar tócalle a sesta, o protagonista odia a sesta, entón pasa todos os días ese tempo argallando cousas e enredando no seu cuarto, mesmo tamén asexando pola fiestra para ver se xa se ergueu alguén, que é cando as súas tías lle deixan saír da sesta.
Recomendo este libro á xente que queira unha lectura tranquila e relaxante, este non é un libro de devorar dúas centas páxinas nunha hora, este libro na miña opinión vale moito máis a pena se se vai desfrutando pouco a pouco, e por enriba de todo se se adica tempo a imaxinar ben o sitio no que ocorren as aventuras, se se fai iso podo asegurar que é un moi bo libro.
Quizais a min gustoume tanto porque teño unha parte da miña familia que vive dun xeito moi similar ó das tías no libro e iso fíxome conectar máis co que dicía xa que teño algo de experiencia nese campo. De todas maneiras recoméndoo igual, urbanita ou non.
Ningún comentario:
Publicar un comentario