luns, 1 de marzo de 2021

As rulas de Bakunin de Antón Riveiro Coello, recensión de Carlota Cacharrón Fernández (1º Bach B)

As rulas de Bakunin é un libro escrito por Antón Riveiro Coello que naceu en Xinzo de Limia en 1964 e estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente traballa na Xunta. Moitas das súas obras foron galardoadas e por iso é un autor moi destacado da literatura galega desta última década. 

Esta novela presenta unha profunda crítica, entre outras cousas, ó sitema político dos anos trinta. Está ambientada en Culleredo e Vilaboa e conta a historia dun anarquista desde a súa infancia ata a súa morte e a gran influencia que o avó do protagonista, tamén cunha profunda rebeldía innata, exerce sobre este.

Camilo, o protagonista da historia, mostra durante todo o libro a gran influencia do seu avó, que constrúe completamente a mentalidade do seu neto. Estevo Doldán (o avó) fora un intenso revolucionario con ideas anarquistas que viviu na Galiza máis deprimida e reprimida onde só se respiraban migracións e pobreza. Transmitiu estas ideas revolucionarias a varios galegos en xuntanzas nas que sempre estaba ó seu carón Camilo. O primeiro acto anarquista do protagonista executouse na súa infancia motivado pola morte inxusta do seu avó no cárcere. Queimou a igrexa de Celas culpando o cura da súa desgraza. Isto só foi o comezo pois desde moi cativo, grazas ó libro que o seu avó escribira onde aparecían todas as súas ideas, foi espallando o ideario por Vilaboa e Culleredo, por medio de xuntanzas entre os veciños. Xa na idade adulta, depois de estar vivindo no monte debido a que Franco instalárase no poder e buscaba eliminar a todos os comunistas, socialistas e anarquistas; Camilo entrou no cárcere. A súa memoria concedeulle a liberdade xa que o director do penal díxolle que si memorizaba todo o libro podería saír libre, e así foi, pero Camilo deixou o manual anarquista na cela sen valentía suficiente como para volver a recollelo. Aínda así, marchou para Uruguai coa súa muller Rosalía. Anos máis tarde, en Galiza e con unha filla, dedica a súa vida ó campo na casa da súa nai xa morta, coa esperanza de encontrar o seu querido libro de herdanza familiar. Encóntrao xa na súa vellez, coa sua muller morta e cun neto, en Santiago. Resultou que o conseguira un ex-compañeiro do cárcere tamén anarquista, que como moitos outros presos aprendera o libro para gozar da súa liberdade. Acaba conseguindo o libro pero non chega nin sequera a abrilo de novo despois de tantos anos, pois a morte arrebátallo das mans, pasándoo ás do seu neto Lázaro que o encontra morto escribindo unha carta para a súa defunta esposa, como acostumaba facer.

Paréceme unha incrible novela que recomendo a todo o mundo, sobre todo ós galegos, non só pola facilidade da súa lectura senón tamén, polos temas que trata. A liberdade de expresión era un dereito do que non gozaba a poboación española daquela época e no libro recálcase a importancia da loita por esta. Un tema que xusto agora, é, sorprendentemente, de actualidade. Outro tema que se trata e ó da migración, a través desta letura case pódese sentir a dor e a morriña que miles de galegos tiveron que vivir por mor da marxinación e pobreza que vivía a nosa terra.

En conclusión, o autor transporta o lector á Galiza dos pobos e as aldeas, das xuntazas nos muíños, das festas, da pobreza, da axuda entre veciños… E faino dunha forma leve e confortante que invita ó lector a ler máis e, no caso de ser galego, a enorgullecerse da súa terra e da xente que nela loitou polos seus dereitos e liberdades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

POSTAIS DE NATAL DA TURMA DE 4º ESO