martes, 2 de marzo de 2021

A cámara de sangue e outros relatos, recensión de Daniel Seara Cortés (4º ESO A)

Este libro de Ángela Carter é un conxunto de 9 novelas curtas e a principal, chamada A cámara do sangue. Algúns dos relatos están inspirados en contos populares como a bela e a besta, o gato con botas… ao que se lles aplica un toque fantástico ou de retranca. O libro ten un total de 240 páxinas pero ao estar distribuído en distintos relatos faise máis ameno ou podes distribuílo á hora da lectura de mellor xeito.

O relato principal fala dunha moza de 17 anos que casa cun marqués, ela está parcialmente obrigada, xa que o motivo do seu casamento non é moral, se non económico. O marqués é un home ocupado con asuntos que atender e, cando vai nunha viaxe por negocios a moza decide investigar a mansión na que viven máis a fondo. Alí descobre unha pequena caseta moi vella e malcoidada, nela averigua a verdade do marqués. Por razóns obvias omitirei esta parte e os sucesos que ocorrerán despois da resolución da muller para permitir ao lector deleitarse máis coa novela. Por non resumir as outras 9 novelas direivos máis ou menos o xénero e a temática xeral; é moi abudante o uso de personificacións nos relatos, xa que se pode apreciar a cualidade de poder falar nos animais dos relatos. A trama principal é o amor ou está indirectamente relacionado con el. Todos teñen unha parte de fantasía e misterio que achega ao lector a interesarse polo final do relato. Ademais, como xa comentei con anterioridade, algúns deles teñen un toque divertido, xa que remodelan contos como “A carapuchiña vermella” dándolles un toque humorístico e facendo que perda un pouco o sentido da historia.

Este foi o libro máis popular e recoñecido de Ángela Carter. Dende o meu punto de vista, este libro é moi peculiar, non só pola división en dez relatos na que está formado, senón que tamén chama moito a atención o seu contido. Parecenme historias moi innovadoras e creativas, cunha temática pouco utilizada, a verdade é que o libro gustoume por momentos, un determinado número de novelas eran extremadamente entretidas, como foron “A cámara do sangue”, “O gato con botas”, “Lobisalbo”, entre outros. Por desgraza, para o meu gusto, outra serie de relatos non captaron tanto a miña atención.

En defensa do libro hei dicir que isto é maioritariamente bo xa que en caso de que un relato non atraia a atención do lector quedarían outros 9 cun espazo, tema, personaxes e historia completamente diferentes.

Recomendaría este libro a todo aquel ao que lle guste pasar un bo anaco imaxinando historias fantásticas, sendo atraído pola linguaxe e cultura da autora e queira poder ver os contos míticos que se lían de pequeno cun toque máis adulto, cómico e remodelado.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

HOMENAGEM A LUÍS DE CAMÕES