martes, 2 de marzo de 2021

A cabeza da medusa de Marilar Aleixandre, recensión de Lucía Vecino (4º ESO A)

A trama principal deste libro xira en torno a dúas rapazas de dezaoito anos que cursan bacharelato, Sofía e Lupe, e que un día volvendo a casa dunha festa de entroido son agredidas sexualmente por dous rapaces un pouco máis maiores que elas.

O libro centrase principalmente no que acontece despois deste suceso, como as rapazas teñen que enfrontarse á decisión de levar a cabo unha denuncia ou esquecer o sucedido, coas correspondentes consecuencias que calquera das dúas opcións poden xerar, aos prexuízos sociais que poden sufrir, pero sobre todo a elas mesmas, sendo vítimas constantes dos seus propios pensamentos, xulgándose a si mesmas e as súas accións, sen poder botar da súa mente aquela fatídica noite, crendo que nunca ían poder ter unha vida normal, e moitas veces chegando a pensar que tal vez elas mesmas tiveron algo de culpa e que outras persoas as ían a rexeitar polo acontecido.

As protagonistas da novela son as rapazas que sofren a violación, Sofía e Lupe, tendo a primeira un pouco máis de protagonismo.

Sofía é o personaxe máis completo do relato, a novela nárrase, con pequenas excepcións, dende o seu punto de vista. Ela é vítima dunha violación, pero a súa actitude serve de exemplo; non quere que os demais a traten diferente ou lle teñan compaixón e persegue a maneira de vivir aceptando a realidade do sucedido e tratando de saír adiante. Por sorte conta co apoio de toda a súa familia, sobre todo o de a súa nai que é enfermeira.

Por outro lado a familia de Lupe ten outro modo de conducir o feito e ao inicio opoñíanse a presentar unha denuncia. Lupe demostra como cada persoa pode ter unha reacción diferente a un feito coma este, que nunca hai unha pauta fixa na forma que as vítimas teñen de afrontar o suceso. Hai outros cantos personaxes secundarios interesantes, pero un que é de moita importancia é Rubén, un mozo de clase que gustaba de Sofía e que se preocupa moito por ela e a axuda a superar pouco a pouco a violación.

O título da obra é A cabeza de Medusa, xa que na novela hai moitas referencias a esta figura da mitoloxía grega, que foi violada por un deus no templo de Atenea e é castigada por esta a converterse nun ser de cabelos de serpes ao que a xente non podía mirar aos ollos sen converterse en pedra, e que rematou sendo asasinada polo heroe Perseo e usada como arma, e fanse moitos paralelismos entre a situación desta coa situación das protagonistas. No principio de cada capítulo pódense ler fragmentos de diferentes libros como Metamorfoses de Ovidio, apartados da Biblia, A filla do mar de Rosalía de Castro entre outros libros de autores como Sigmund Freud, todos estes fragmentos narran situacións relacionadas coas violacións ou problemas similares dalgunhas mulleres.

A novela foi publicada no ano 2008 pola editorial Xerais, conta con 226 páxinas, o que inclúen uns poucos debuxos de pinturas e esculturas de Medusa, organizadas en tres partes compostas por dezaseis capítulos en total, e un epílogo. Este libro recibiu o Premio Fundación Caixa Galicia.

A autora da novela é Marilar Aleixandre, que naceu no ano 1947, é profesora, escritora e tradutora. Nas súas obras emprega maioritariamente o galego. Empezou a escribir mentres se atopaba na facultade e tardou bastante en publicar a súa primeira novela, que foi un conto infantil titulado A formiga coxa. Ten tanto novelas orientadas ao publico infantil coma xuvenil e adulto.

Esta novela aborda un tema moi importante hoxe en día, as violacións e as consecuencias que estas supoñen para as vítimas e o seu contorno, e sobre todo o importante que é o mensaxe de que a persoa abusada nunca é culpable, nin por andar fora de noite, nin pola roupa que leve, nin se vai bébeda ou non, etc. A culpa sempre é do agresor. Hoxe en día en España non se sofren case violacións ou abusos en comparación a outros países, pero segue sendo moi importante manter isto e intentar reducir o número ata un punto marxinal, xa que desgrazadamente este tipo de cousas nunca se van poder evitar no cen por cento dos casos. Tamén é moi importante crear una sociedade que sexa consciente desta realidade, que axude as vítimas e castigue os agresores, a maioría da xente de hoxe pensa e comprende a realidade desta forma, pero segue habendo xente, e non pouca, que culpa a vítima por diversos motivos, aínda que este tipo de ideas soen ser de persoas de avanzada idade que viviron noutras épocas é importante que a sociedade avance e este tipo de pensamento diminúa o máximo posible.

Outro punto interesante da novela e que trata as violacións cometidas por familiares e como estas son moi difíciles de levar debido a que implican moitos ámbitos da vida dos afectados, e son moi difíciles de denunciar, sa sexa por presión e ameazas da familia, por vergoña ou por outros moitos motivos. Paréceme importante que se trate esta situación xa que cando imaxinamos unha violación soemos pensar nunha situación parecida á que sufriron as protagonistas, uns descoñecidos, pola noite, etc. Pero aínda que estes casos existen os casos máis comúns se dan por familiares ou dentro dunha parella.

Recomendo moito este libro, é rápido de ler, entretido e trata un problema co que moitas persoas, máis das que imaxinamos, teñen que lidar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

ENTREGA DE DIPLOMAS DE CERTIFICAÇÃO DO CAMÕES JÚNIOR

No dia de hoje fizemos entrega dos diplomas que acreditam a certificação B1 de proficiência em Português Língua Estrangeira aos alunos e alu...