martes, 12 de novembro de 2019

INFERNO PERSOAL, relato de terror do Samaín de Alejandra Blas Otero (4º ESO A)


Desde que morrera, vira eses ollos suplicantes máis de cen mil veces. Vía o seu rostro reflectido nas súas bágoas unha e outra vez, dunha forma incesantemente dolorosa.
Xusto cando el entreabría os beizos como se quixese rogar pola súa alma, ela elevaba o coitelo e cravábao de forma ríxida no centro do seu peito, e nese intre unha dor comezaba a arder nas súas veas e queimaba o corpo deixándoa sen respiración e quebrando o seu ser en mil pedazos. Ela choraba, choraba sen remedio unha e outra vez, pero sabía que a súa expresión non retrataba os seus sentimentos, pois vía o seu rostro nas bágoas ao igual que vía a súa morte. Vía como a persoa que máis amara na súa vida, a persoa máis doce da súa amarga existencia, caía ós seus pés.
O peor desa morte non era o feito de perdela nas súas mans, non era o feito de que el vise a súa cara e non atopase no seu rostro o reflexo de todo o que estaba sufrindo. O peor, incluso, non era que ela non puidese evitar cometer acto tan atroz, posto que unha forza superior a sometía. Non. O peor de todo era saber que estaría condenada a facelo polo resto da eternidade.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

POSTAIS DE NATAL DA TURMA DE 4º ESO