luns, 23 de marzo de 2020

Realidade ou ficción, Lydia Sandá Celeiro, 4º ESO A

Na nosa sociedade actual, temos incrustada na nosa cabeza a idea de que toda información é pouca, de que temos que saber da actualidade no mesmo momento en que esta sucede, pero, é iso realmente san? 

Tratando un tema actual, o coronavirus; para os cidadáns, a avalancha de noticias sobre o avance do Covid-19 é un feito alarmante, pois non hai unha narrativa capaz de explicar realmente o que está ocorrendo. Non é que a realidade supere a ficción, pero a realidade non adoita ser tan elegante nin rematar sempre cun final feliz que arranxa todo o danado anteriormente. 

Un exemplo moi claro disto son as epidemias; miramos pola ventá, e o que vemos non son zombis movidos ao compás que salvan a unha valente princesa que foxe das temibles gadoupas dunha bruxa, non, o que vemos son rúas baleiras, hospitais cheos, colas infinitas en supermercados para comprar produtos de limpeza ou papel hixiénico, e sobre todo, medo. 

Os únicos heroes aquí son as médicas e sanitarios, farmacéuticas, dependentes de supermercados... e moitos deles traballan días e días sen descanso para rematar tamén contaxiados.

Para os cidadáns a avalancha de noticias é, tamén, un feito paralizante. Algúns quedámonos na casa esperando a que todo pase para saír á luz, e outros teñen reaccións de chiste, como as compras de pánico ou largarse cos fillos “lonxe do perigo”. 

Na ficción, o protagonista ten os medios e o obxectivo claro de resolver un problema, pero na vida real só podemos esperar, seguir unhas instrucións, entender que somos parte dunha maquinaria social que require o acumulado de miles de feitos correctos para que a situación se enderece, e que o único obxectivo que temos é facer ben a minúscula parte que nos corresponde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

POSTAIS DE NATAL DA TURMA DE 4º ESO